Así avanza a guerra en Gaza mentres o alto o fogo segue sen aplicarse

Logo de case sete semanas de agresión israelí indiscriminada contra a poboación civil de Gaza e dunha invasión no norte da Faixa combatida pola resistencia palestina, mañá comeza unha tregua que para Israel e os Estados Unidos é apenas unha pausa temporal.
Mapa de Gaza cos territorios controlados polas tropas de Israel e os combatentes palestinos. (Imaxe: Nós Diario)
photo_camera Mapa de Gaza cos territorios controlados polas tropas de Israel e os combatentes palestinos.

Ás 10 da mañá da quinta feira en Palestina, as 9 na Galiza, está previsto que entre en vigor o alto o fogo de catro días pactado entre a forza de Goberno no territorio palestino da Faixa de Gaza, Hamás, e o Executivo de extrema dereita israelí, que confirmou na madrugada de hoxe que aceptaba a proposta negociada coa mediación de Qatar. Malia que non había confirmación oficial de Israel sobre a hora ao feche desta edición, un funcionario sionista corroborou este horario na cadea CNN.

O eixo do acordo é un intercambio de prisioneiros. Nesas 96 horas a organización palestina liberará 50 mulleres e menores de 19 anos das 239 persoas capturadas na operación Diluvio de Al Aqsa o 7 de outubro, ao tempo, Israel liberará 150 mulleres e menores de 19 anos dos seus cárceres. Hamás xa liberou por motivos humanitarios catro persoas desde o comezo da agresión israelí.

Unha vez superados os catro días, Israel sostivo que se estenderá diariamente a tregua coa entrega de dez persoas capturadas en Gaza. Facendo fronte á previsíbel presión internacional sobre o Goberno sionista para que as hostilidades non se reactiven, nunha agresión que persoas expertas da Organización das Nacións Unidas (ONU) caracterizan como unha limpeza étnica e un xenocidio contra o pobo palestino, o Gabinete de Benjamin Netanyahu fixou en dez días o tempo máximo do alto o fogo.

Aínda que Netanyahu non trasladou que o pacto inclúe a liberación de persoas palestinas, o Ministerio de Xustiza israelí publicou unha listaxe de 300 prisioneiras susceptíbeis de ser liberadas ao longo do proceso, polo que todo indica que a entrega de dez persoas capturadas en Gaza será tamén un intercambio por cada 30 presas en cárceres sionistas.

Na relación transmitida por Israel hai no mínimo 33 mulleres e 123 menores de idade, os máis novos de 14 anos. A maioría das persoas encarceradas están á espera de xuízo e foron detidas o pasado ano por distintos cargos. O grupo israelí de dereitos humanos HaMoked destacou que na listaxe hai “mulleres e crianzas palestinas que se atopan en detención administrativa, sen cargos nin xuízo”, e que “deberían ter sido liberadas incondicionalmente”. A detención administrativa é unha das ferramentas legais do réxime do apartheid israelí contra as persoas palestinas.

Antes do 7 de outubro 5.200 persoas palestinas estaban en prisións israelís. Desde esa data foron arrestadas no mínimo 3.000 persoas nas incursións militares en Cisxordania e Xerusalén Leste, ocupadas por Israel. A Sociedade de Prisioneiros Palestinos estima que máis de 200 crianzas e adolescentes palestinas están en prisións israelís, ao que hai que engadir cando menos 95 mulleres.

Ademais, coa entrada en vigor do alto o fogo ficará paralizado o tráfico aéreo no sur da Faixa durante o tempo que a tregua estea en vigor, e no norte do territorio, que está a sufrir unha invasión terrestre israelí, non haberá tráfico aéreo durante seis horas cada día, entre as 10 e as 16, hora local. Así como a “entrada de centos de camións con axuda humanitaria, de socorro, médica e de combustíbel a todas as zonas da Faixa”, tamén se asinou que Israel non atacará nin arrestará ninguén e deixará de impedir a libre circulación de persoas na estrada Salah al Din, que une Gaza de norte a sur, á vez, non efectuará movementos dos seus vehículos militares.

A canle Al Jazeera explicou en base a outros intercambios que é probábel que Hamás entregue cada día unha listaxe de arredor de dez persoas capturadas, que serían entregadas á Cruz Vermella, encargada de levalas ao cruce de Rafah, entre Gaza e Exipto, e logo cara a Israel.

Extensíbel a Hezbolá

A organización libanesa Hezbolá, que lanzou centos de ataques a Israel desde o 7 de outubro e destruíu unha base militar sionista esta semana, comunicou ao medio que non formaron parte das negociacións pero que se unirían ao cesamento dos combates, algo que ratificaron fontes do Goberno libanés ao xornal Nidaa Al Watan “se Israel non rompe a paz e cumpre os termos do trato”.

Musa Abu Marzouk, membro da dirección política de Hamás, subliñou que buscan “un alto o fogo permanente e estamos preparados para un intercambio integral de presos”, mais incidindo en que están listos para “todas as situacións impostas por Israel”, explicando que “non hai garantías” de que non persiga as persoas palestinas que serán liberadas, e acusou Washington de ser o único que non “busca un alto o fogo”.

O voceiro do Ministerio de Asuntos Exteriores qatarí, Majed al Ansari, apuntou que o “noso obxectivo agora é garantir que ambas as partes cumpran os termos do acordo” e confiou en que derive nun “alto o fogo a longo prazo seguido dun proceso político integral para pór fin a este conflito que dura décadas”. Nesa liña, o secretario xeral da ONU, António Guterres, salientou que “hai moito máis por facer”.

24 horas despois de que o grupo Brics demandara unha tregua, países como a China ou Rusia celebraron o acordo, o que tamén fixeron os Estados Unidos e a Unión Europea, porén, até o de agora ningún dos dous demandou un alto o fogo ou condenou os crimes de guerra israelís.

De feito, funcionarios de Washington admitiron ao xornal Politico que están en contra de que a tregua se prolongue indefinidamente, e advertiron da preocupación na Administración dirixida por Joe Biden de que un maior acceso de medios de comunicación a Gaza divulgue “aínda máis a devastación” perpetrada polas tropas israelís, o que implicaría “volver a opinión pública” contra o Estado sionista.

Tel Aviv intensifica os bombardeos indiscriminados contra a Faixa

Unha vez confirmado o acordo para o alto o fogo, os militares israelís aumentaron a intensidade dos ataques aéreos indiscriminados contra civís en Gaza. 52 persoas da mesma familia foron asasinadas nun ataque ao campo de refuxiados de Jabalia, cando menos nove no campo de refuxiados de Nuseirat e seis nun edificio en Khan Younis.

O director do hospital Kamal Adwan, no norte da Faixa, alertou dos bombardeos nas proximidades do centro, que se atopa nunha situación “catastrófica”. Máis de 60 corpos chegaron ao centro desde a noite anterior. A última actualización de vítimas indica que 14.500 palestinas e palestinos foron asasinados por Israel desde o 7 de outubro en Gaza, amais de 219 en Cisxordania. Máis de 40% eran crianzas. En paralelo, Israel sinala que a operación da resistencia palestina nesa data deixou 1.200 mortes -ao comezo afirmara que eran 1.400-, e recoñeceu 71 mortes de militares no marco da invasión terrestre do norte da Faixa, que iniciou hai máis de tres semanas.

Até cinco Estados reclamaron á Corte Penal Internacional que investigue os crimes de guerra israelís, ao que se suman varias demandas por xenocidio. En represalia ao apoio de Washington á agresión israelí, grupos do Eixo da Resistencia atacaron bases estadounidenses na rexión.

Comentarios