Un xenocidio no "rexistro público": Israel bombardea un convoi de ambulancias na Faixa de Gaza

A visita do secretario de Estado estadounidense, Antony Blinken, renova o apoio a Israel no medio das denuncias de xenocidio contra a poboación palestina, xusto no día no que o Pentágono admitiu que está a operar drones sobre Gaza para axudar Tel Aviv. Pola súa parte, Hezbolá cualificou Israel como unha ferramenta de Washington e proclamou que todas as opcións están abertas.
Civís palestinos buscan superviventes tras un ataque israelí en Gaza, hoxe. (Foto: Mohammed Talatene / DPA)
photo_camera Civís palestinos buscan superviventes tras un ataque israelí en Gaza, hoxe. (Foto: Mohammed Talatene / DPA)

Despois de bombardear na Faixa de Gaza escolas, hospitais, edificios residenciais, campos de refuxiados ou arredor de 50 instalacións da Axencia da Organización das Nacións Unidas (ONU) para os refuxiados palestinos, que acollen 700.000 persoas, Israel atacou hoxe un convoi de ambulancias fronte ao hospital al Shifa, logo de bombardear cun mísil a porta principal do centro médico, que está a atender máis de 5.000 pacientes e acolle ducias de milleiros de persoas desprazadas tras case un mes desde o comezo da última agresión israelí.

Os medios árabes comunicaron que se produciron múltiples mortes, máis aínda non se divulgou un reconto completo. Ashraf al-Qudra, voceiro do Ministerio de Saúde do territorio palestino, explicou que as ambulancias se dispuñan a transportar ao paso de Rafah, na fronteira con Exipto, entre 15 e 20 pacientes graves “aos que non podíamos atender no hospital”.

“Informamos a Cruz Vermella e a Media Lúa Vermella, informamos ao mundo enteiro que esas vítimas estaban aliñadas nesas ambulancias”, denunciou, antes de detallar “un novo masacre contra civís desprazados” cometido por Israel, en alusión ao asasinato de 14 persoas que fuxían desde o norte cara ao sur da Faixa pola estrada que o propio Tel Aviv indicou para que marcharan da zona na que se está a producir unha invasión terrestre.

Tamén foron atacadas as proximidades do Hospital Indonesio. Atef al-Kahlout, o seu director, transmitiu que chegaron máis de 50 mortos, e reclamou á comunidade internacional protección para un convoi de ambulancias que partirá mañá cara a Rafah. A cifra total de palestinas e palestinos asasinados por Israel en Gaza desde o 7 de outubro xa alcanza 9.227, o 40% crianzas, mentres que na Cisxordania ocupada tropas e colonos sionistas mataron 144 persoas, 352 desde o comezo de 2023.

Ao tempo, confirmouse que Tel Aviv forzou arredor de 3.000 persoas palestinas a entrar en Gaza, unha cantidade que os medios palestinos elevan a 7.000, despois das denuncias polas detencións masivas que lanzou nas últimas semanas. A organización non gobernamental israelí Gisha emitiu un comunicado no que debulla que estas persoas, que contaban con autorización para traballar ou recibir tratamento médico en Israel, foran “detidas ilegalmente e en secreto” en cando menos dúas bases militares en Cisxordania, “illadas do mundo e sen acceso a representación legal”.

Facendo fincapé en que “Israel negouse a revelar os nomes e o paradoiro de todas as persoas” e “os motivos legais da súa detención”, aclarou que se efectuou en lugares “extremadamente espantosos” con “condicións inhumanas”, e nos que sufriron “violencia física e abusos psicolóxicos xeneralizados”. Israel é un Estado de carácter relixioso que deseñou un sistema de apartheid contra a poboación non xudía.

Namentres persoas expertas da ONU denuncian o risco de xenocidio contra o pobo palestino, Craig Mokhiber, ex director da Oficina do Alto Comisionado da ONU para os Dereitos Humanos en Nova York -que renunciou pola inacción do organismo perante a agresión israelí-, reiterou que xa se está a cometer grazas ao apoio dos Estados Unidos e os países occidentais ás accións israelís.

Un xenocidio facilmente demostrábel

Nese sentido, abundou en que “normalmente a parte máis difícil de demostrar nun xenocidio é a intención”, mais neste caso é doado, posto que os líderes israelís declararon de forma “explícita” a súa intención. “Está no rexistro público”, incidiu.

O secretario de Estado de Washington, Antony Blinken, estivo hoxe en Israel para reafirmar o seu apoio aseverando que ten “dereito a defenderse”. Malia que os medios dos Estados da Organización do Tratado do Atlántico Norte -agás Turquía- insistiron en que o motivo da viaxe de Blinken era demandar pausas humanitarias, o certo é que o primeiro ministro do Goberno de ultradereita israelí, Benjamin Netanyahu, negou esa posibilidade, e a Cámara Baixa estadounidense aprobou outorgar 13.000 millóns de euros a Israel, a meirande parte en armamento, que se suma aos 3.500 millóns de euros anuais que lle entrega neste concepto.

Amais, o Departamento de Defensa corroborou que Washington está a operar drones sobre Gaza para “brindar asesoramento e asistencia para apoiar o noso socio israelí”. En última instancia, dous grupos de ataque con cadanseu portaavións está no leste do Mar Mediterráneo, nas inmediacións de Palestina. Nese sentido, repetiu as ameazas dirixidas a Líbano, Hezbolá e Irán, apuntando que “estamos decididos a que non se abra unha segunda ou terceira fronte neste conflito”.

A isto se referiu Hassan Nasrallah, líder de Hezbolá, nunha intervención pública na que defendeu que non se deixarán intimidar, definindo Israel como unha ferramenta de Washington.

Subliñando que Israel é “fráxil” logo de non obter nin un só logro militar nun mes, ratificou que para impedir unha guerra rexional debe deterse rapidamente a agresión israelí en Gaza. Asemade, recalcou que están preparados para todas as posibilidades e que todas as opcións están abertas, explicando que a súa resposta dependerá das accións israelís contra a Faixa e o Líbano e proclamando que forman parte da batalla desde o 8 de outubro, data na que comezaron os intercambios de ataques entre o territorio libanés e israelí.

Ademais do Líbano, foron reportados ataques aéreos contra Israel procedentes de grupos do Eixo da Resistencia do Iraq e o Iemen. En paralelo, nos últimos 15 días producíronse máis de 40 ataques contra bases militares estadounidenses no Iraq e Siria.

Sobre a invasión terrestre do norte da Faixa, e malia que Israel segue a afirmar que rodeou a cidade de Gaza, a cadea Al Mayadeen informou de que o cerco non se produciu pola resistencia dos combatentes palestinos.

O BDS lanza un plan de boicot a Israel

No caso do apartheid en Suráfrica, o boicot ao país foi chave para a súa caída, indica o movemento Boicot, Desinvestimentos e Sancións a Israel (BDS), que recomendou centrar o boicot en tres empresas internacionais para maximizar o seu impacto. Estas compañías son Carrefour, HP e Puma.

A primeira conta cun acordo con dúas franquías israelís presentes nos asentamentos de colonos en Palestina. Pola súa parte, HP prové a tecnoloxía para levar á práctica o apartheid do pobo palestino en Cisxordania, e Puma conta con distribuidores con sucursais nos asentamentos.

Comentarios