A 'Flotilla da Liberdade' denuncia "sabotaxe" de Israel

Guinea-Bissau retirou, por motivos "descaradamente políticos", segundo a organización, a súa bandeira de dous dos barcos que a conforman, un deles o principal buque do cargamento de axuda.
Ann Wright na rolda de prensa do sábado pasado (Foto: Elena Buch).
photo_camera Ann Wright na rolda de prensa do sábado pasado (Foto: Elena Buch).

A Coalición da 'Flotilla da Liberdade' denunciou este domingo que Israel “sabotou" a súa misión, e advertiu de que "isto non terminou", facendo un chamamento á poboación para que se faga eco das súas demandas.

"Á luz das duras noticias de onte, necesitamos a túa axuda máis que nunca", expresou o movemento nunha mensaxe difundida vía Telegram no que enumerou algunhas "formas tanxíbeis de axudar".

En primeiro lugar, a ‘Flotilla da Liberdade’ instou aos receptores da mencionada publicación a "esixir que un estado-nación cambie o pavillón da ‘Flotilla" para que poidan "enviar axuda urxente aos palestinos en Gaza".

Doutra parte, animaron a poboación a facer doazóns en favor de calquera das súas campañas a través da súa páxina web, a fin de poder "manter os barcos durante a espera" e "para manter o equipo funcionando sobre o terreo". Finalmente, apelou a "compartir e amplificar" os seus vídeos.

Esta petición chega despois de que a Flotilla denunciase o pasado sábado que se atopaba bloqueada en Turquía, logo de que Guinea-Bissau decidise retirar, por motivos "descaradamente políticos", segundo a organización, a súa bandeira de dous dos barcos que a conforman, un deles o principal buque do cargamento de axuda, con máis 5.000 toneladas de subministración a bordo, impedindo partir ao continxente humanitario rumbo a Gaza.

Comentarios