A Xustiza belga cita Von der Leyen e o líder de Pfizer por presunta corrupción na compra de vacinas

1.800 millóns de doses negociadas con mensaxes de texto e chamadas.
Ursula von der Leyen. (Foto: Francois Lenoir / European Council / DPA)
photo_camera Ursula von der Leyen. (Foto: Francois Lenoir / European Council / DPA)

Ursula von der Leyen, presidenta do Executivo da Unión Europea (UE), e o director executivo de Pfizer, Albert Bourla, terán que comparecer o 17 de maio no Tribunal de Primeira Instancia de Liexa (Bélxica), polo denominado ‘Pfizergate’, unha causa referente á falta de transparencia na adquisición de vacinas contra a Covid-19 na pandemia, reportaron a sexta feira medios internacionais.

O caso parte dunha revelación do xornal The New York Times en 2021, que informou de que von der Leyen e Bourla negociaron a compra de 1.800 millóns de doses do composto por medio de chamadas e mensaxes de texto, mensaxes que até o de agora non se fixeron públicas.

Denuncia belga

Isto motivou a presentación dunha demanda por parte dun lobby belga, que acusou a presidenta da Comisión Europea de usurpación de funcións, destrución de documentos públicos, enriquecemento ilícito e corrupción. A Valedora do Pobo do bloque comunitario, Emily O’Reilly, atribuíu o caso a unha "mala administración".

A audiencia do 17 de maio está orientada a determinar se a investigación ten que estar nas mans da Fiscalía belga ou da UE.

O Ministerio Público do bloque comunitario defende que debe asumir a causa, mentres que a Xustiza belga pretende que o caso prosiga a nivel estatal, sostiveron dúas fontes ao portal Euroactiv.

Acusacións de corrupción

Isto fíxose público apenas unha semana máis tarde de que Markus Pieper, que comparte militancia na alemá Unión Demócrata Cristiá (CDU) con von der Leyen, renunciara a un traballo na Comisión Europea despois de que a súa designación provocara acusacións de corrupción contra ela cando está a buscar a súa reelección no cargo.

Comentarios