"Se existe un inferno na Terra é o norte de Gaza": Israel intensifica o xenocidio en Palestina con ataques a hospitais

Catro hospitais en Gaza foron rodeados polo Exército israelí, que disparou a unha UCI e ás persoas que fuxían.
Fuxida masiva do norte de Gaza hoxe. (Foto: Mohammed Talatene / DPA)
photo_camera Fuxida masiva do norte de Gaza hoxe. (Foto: Mohammed Talatene / DPA)

Jens Laerke, voceiro da Oficina de Coordinación de Axuda Humanitaria da Organización das Nacións Unidas (ONU), que xa alertara de que non hai na Faixa de Gaza ningún lugar seguro logo dun mes de bombardeos indiscriminados por parte de Israel, afirmou a sexta feira que “se hoxe existe un inferno na Terra é o norte de Gaza”, no marco da invasión terrestre dos militares sionistas e do xenocidio e limpeza étnica contra o pobo palestino denunciados por persoas expertas da ONU.

Até catro hospitais na zona, nos que se refuxian milleiros de persoas, foron rodeados polo Exército israelí, que chegou a disparar contra a Unidade de Coidados Intensivos do Hospital Al-Quds, mais tamén atacou persoas que fuxían dos hospitais asediados e do norte de Gaza pola ruta que os sionistas indicaran para evacuar.

O director do hospital Al-Shifa -que foi atacado cinco veces en menos de 24 horas-, Muhammad Abu Salmiya, denunciou un “día de guerra contra os hospitais”, e trasladou que 50 persoas foron asasinadas polo bombardeo con mísiles e artillaría á escola de al-Buraq, que acollía persoas desprazadas polos ataques israelís. 60% dos hospitais de Gaza non funcionan polos bombardeos e o asedio israelí contra a Faixa.

11.078 palestinas e palestinos, 4.506 deles crianzas, foron asasinadas desde que Israel comezou a última agresión contra o territorio o 7 de outubro.

Entrementres, medios israelís recoñecen que Hamás está lonxe de colapsar, ao tempo que se manteñen os disparos de proxectís contra Israel e os combates coa resistencia palestina en Gaza. A relatora da ONU para Palestina, Francesca Albanese, subliñou que a pesar dos masacres os militares israelís non obtiveron até o de agora ningún éxito militar significativo.

Aínda que o secretario de Estado estadounidense, Antony Blinken, admitiu que “demasiados” palestinos morreron en Gaza, Washington continúa rexeitando reclamar un alto o fogo, e vetou todas as iniciativas na ONU ao respecto. Tampouco a Unión Europea pediu un alto o fogo ou condenou a 
agresión israelí.

Esta inacción tamén se estende á Corte Penal Internacional malia as demandas efectuadas e as probas de numerosos crimes de guerra israelís.

298 avogadas e avogados canda 117 ONG presentaron unha nova denuncia contra Israel por xenocidio, e Colombia uniuse á demanda de Alxeria que reclama xulgar o primeiro ministro do Goberno de extrema dereita israelí, Benjamin Netanyahu, por crimes de guerra.

Máis en INTERNACIONAL
Comentarios