Israel ampliará a invasión de Gaza logo do fracaso no hospital al Shifa, onde morreron todos os pacientes da UCI

O director do hospital al Shifa de Gaza subliña que Israel converteuno nunha "fosa común" mentres continúa a tratar de demostrar a existencia do suposto cuartel xeral de Hamás baixo o centro. Logo de fracasar no intento aumentou a presión para unha pausa nos combates dos seus principais aliados, os Estados Unidos e a Unión Europea.
Crianza ferida nun bombardeo israelí no sur da Faixa de Gaza, Palestina. (Foto: Mohammed Talatene / DPA)
photo_camera Crianza ferida nun bombardeo israelí no sur da Faixa de Gaza, Palestina. (Foto: Mohammed Talatene / DPA)

Da “noite á mañá perdemos 22 persoas”, incluídos todos os pacientes na Unidade de Coidados Intensivos, denunciou hoxe Muhammed Abu Salmiya, director do hospital al Shifa de Gaza, que sufriu por terceiro día unha invasión do Exército israelí. “Quedamos sen nada, nin electricidade, nin comida, nin auga”, nun centro médico que se converteu nunha “gran prisión” e nunha “fosa común” para todas as persoas dentro, explicou, incidindo en que moitas crianzas acabadas de nacer perderon a vida pola imposibilidade de usar as incubadoras.

En paralelo aos bombardeos contra a poboación civil palestina, hai case seis semanas que a Faixa de Gaza está asediada por Israel, que apenas permitiu a entrada dunha mínima fracción das subministracións precisas para a supervivencia dos civís.

No que atinxe ao hospital, e despois de golpear as persoas refuxiadas no seu interior e deter arredor de 200 persoas, as tropas israelís continúan a destruír seccións do centro para tratar de xustificar o ataque, logo de manter durante semanas que baixo o hospital estaba o cuartel xeral de Hamás. O primeiro ministro do Goberno israelí de extrema dereita, Benjamin Netanyahu, chegou a afirmar que había persoas capturadas na operación da resistencia palestina o 7 de outubro.

Pouco antes de entrar os soldados, os Estados Unidos deron credibilidade á versión israelí e a Unión Europea (UE) condenou o suposto uso de civís como escudos humanos por parte de Hamás. Porén, non foron atopados nin combatentes nin cativos, e as imaxes difundidas por Israel dunhas poucas armas e dun ordenador portátil que atribuíu a Hamás foron postas en dúbida. Nin sequera os xornalistas de medios que acompañan os soldados sionistas no hospital, como a BBC, puideron verificar a veracidade das afirmacións israelís, como o achado dunha suposta entrada a un túnel na área.

Tamén sostiveron que atoparon cerca do hospital os corpos de dúas persoas capturadas, após confirmar Hamás múltiples mortes no grupo polos bombardeos dos militares israelís.

Máis alá das declaracións públicas de Washington e Bruxelas de apoio a Israel, o xornal The Washington Post citou un diplomático europeo que explicou que, ante a falta de probas claras, aumentou a presión contra o país para que acepte pausas na agresión, logo de rexeitar implementar a resolución do Consello de Seguridade da Organización das Nacións Unidas (ONU) que exixe pausas humanitarias prolongadas.

Neste marco, o xefe do Estado Maior do Exército israelí, Herzi Halevi, anunciou que novas rexións de Gaza serán invadidas, insistindo en que “estamos perto de desmantelar o sistema militar no norte da Faixa”. Así e todo, medios especializados informan de que o control territorial israelí apenas se circunscribe á contorna da cidade de Gaza.

No campo de refuxiados de Nuseirat, no centro da Faixa, no mínimo 80 palestinas e palestinos morreron nun bombardeo israelí, sinalou a axencia Maan, ao que hai que engadir 18 no ataque ao campo de Jabalia e ducias máis nunha escola con persoas refuxiadas na cidade de Gaza, comunicaron testemuñas a Al Jazeera.

Arredor de 11.500 persoas foron asasinadas nos bombardeos israelís, e case 4.000 máis continúan baixo os cascallos dos edificios destruídos. Xa hai varios días o Ministerio de Saúde gazatí transmitiu que non poderían continuar co reconto perante as fallas nas comunicacións, que a quinta feira deixaron de funcionar.

Sen telefonía móbil ou internet, a ONU anunciou que detivo a entrega de axuda humanitaria ao non poder comunicarse cos seus equipos no terreo, e a voceira do Programa Mundial de Alimentos da ONU, Abeer Etefa, subliñou que “os civís afrontan a posibilidade inmediata de morrer de fame” polo asedio, que amais dos alimentos fai imposíbel acceder a auga potábel.

Alén da desnutrición, multiplicáronse as infeccións respiratorias e cutáneas, e máis de 110.000 persoas con diabetes, doenzas renais ou cardiovasculares están en risco de morrer pola falta de tratamento, alertou o director xeral da Organización Mundial da Saúde, Tedros Adhanom Ghebreyesus, nunha intervención na Asemblea Xeral da ONU na que recalcou que “deben actuar agora”, cuestionando que se “vostedes, como Estados membros da ONU, non queren ou non poden deter este derramamento de sangue, debemos preguntarnos para que serve a ONU”.

Persoas expertas do organismo denunciaron que a agresión israelí é unha limpeza étnica, e amosaron a súa preocupación polo apoio “dalgúns Gobernos á estratexia militar israelí”. De feito, no seu último comunicado, ratifican que as accións cometidas por Israel “apuntan cara a un xenocidio” e un intento evidente de “destruír un pobo baixo ocupación”.

Israel asalta un hospital en Xinin

En Xinin, na Cisxordania ocupada, tropas israelís lanzaron hoxe unha incursión masiva contra o campo de refuxiados, matando tres persoas nun ataque con drones e detendo varias máis. Até catro hospitais foron rodeados polos militares. Nun deles, o Ibn Sina, expulsaron entre ameazas todo o persoal médico de Urxencias e asasinaron dúas persoas, indicou a canle Al Mayadeen. 190 palestinas e palestinos foron asasinados polos militares ou colonos israelís no territorio desde o 7 de outubro.

Comentarios