O TXUE fixa en cinco anos a contar tras a nulidade o período de prescrición da reclamación de gastos hipotecarios

Amplíanse os prazos para que os clientes afectados poidan reclamar a devolución dos seus gastos hipotecarios.

Comparecencia dos maxistrados do TXUE. (Foto: VilaWeb)
photo_camera Unha comparecencia dos maxistrados do TXUE. (Foto: VilaWeb)

O Tribunal de Xustiza da Unión Europea considera que o prazo de prescrición para a reclamación de gastos hipotecarios, de 5 anos, comeza a correr a partir do momento en que é firme a resolución xudicial que declara a nulidade da cláusula dos devanditos gastos.

Así vén de definilo o organismo xudicial europeo ao resolver, o pasado 25 de abril, sobre dúas cuestións prexudiciais (a C-484/21 e a C-561/21) elevadas, respectivamente, polo Xulgado de Primeira Instancia nº20 de Barcelona e polo Tribunal Supremo en relación coa prescrición dos gastos hipotecarios. Deste modo, amplíase o prazo para que os clientes afectados reclamen a devolución destes gastos.

O TXUE ditamina xa que logo que o período de cinco anos para a prescrición comece a considerarse unha vez exista unha resolución xudicial firme. Para o Tribunal, é neste momento onde o consumidor coñece de maneira indubidábel a irregularidade da cláusula e, por tanto, pode exercer os seus dereitos ao abeiro da Directiva 93/13 de consumidores.

Porén, o TXUE tamén entende que a Directiva permite igualmente á entidade pr

obar que o consumidor podía ter coñecemento do carácter abusivo da cláusula antes de ser ditada a sentenza de nulidade. É por isto que o Tribunal descarta computar o prazo de prescrición a partir da data en que o Tribunal Supremo ditou unha serie de sentenzas onde se declarou a nulidade de cláusulas de gastos doutros asuntos (en xaneiro de 2019).

Desbota, igualmente, computador o tempo desde a publicación de sentenzas do TXUE que consideran que os prazos de prescrición para accións restitutorias son conformes co Dereito europeo se respectaren os principios de equivalencia e efectividade (sentenzas de 9 e 16 de xullo de 2020). Por último, tampouco considera o TXUE que comece a contar o prazo desde a data en que se efectuaron os pagamentos dos gastos.

Dende o despacho Pérez-Lema Avogados e Consultores quere aclarar á cidadanía que o prazo de 5 anos para reclamar a restitución de gastos hipotecarios comeza a consumirse unha vez existe resolución xudicial firme de nulidade. Tradúcese, como xa foi indicado, nunha extensión de facto dos prazos de reclamación que deberían aproveitar todas as persoas afectadas.

Comentarios