O G7 e a OTAN néganse a pedir un alto o fogo ante a agresión israelí, que a ONU considera "un pesadelo vivente"

10.569 persoas palestinas foron asasinadas desde o 7 de outubro.
Edificio en Gaza destruídos polos ataques israelís, onte. (Foto: Mohammad Abu Elsebah / dpa)
photo_camera Edificio en Gaza destruídos polos ataques israelís, hoxe. (Foto: Mohammad Abu Elsebah / dpa)

Volker Türk, Alto Comisionado para os Dereitos Humanos da Organización das Nacións Unidas (ONU), asegurou hoxe que a Faixa de Gaza é a “porta a un pesadelo vivente”. “Caemos por un precipicio, isto non pode continuar”, reiterou.

Pola súa parte, António Guterres, secretario xeral da ONU, que insistiu en múltiples ocasións na necesidade dun alto o fogo humanitario, afirmou que o número de civís asasinados nas operacións desenvoltas por Israel como parte da agresión contra o territorio palestino, que comezou o 7 de outubro, amosa que hai “algo claramente incorrecto” no seu proceder, mentres que persoas expertas do organismo denunciaron unha limpeza étnica e un xenocidio contra o pobo palestino.

En pouco máis dun mes, 10.569 palestinas e palestinos en Gaza foron asasinados polos bombardeos indiscriminados de Israel contra a poboación civil, campos de refuxiados, hospitais ou escolas. Máis de 40% das vítimas do masacre eran nenas e nenos.

Nesa liña, o Comité Internacional da Cruz Vermella declarouse “consternado” polo ataque israelí a un convoi de ambulancias da entidade en Gaza, que Human Rights Watch instou a que sexa investigado como “un crime de guerra”.

Ao tempo, os Estados Unidos segue bloqueando que o Consello de Seguridade da ONU demande un alto o fogo, reclamado pola maioría dos Estados membros do órgano, e impuxo hoxe a súa linguaxe, que na práctica supón un aval ás accións israelís, ao G7 e á Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN), a alianza militar que lidera.

Os titulares de Exteriores do G7 asinaron un comunicado conxunto no que piden “pausas humanitarias” e reafirman o seu “firme apoio ao dereito e á obriga de Israel de defenderse”. O secretario xeral da OTAN, Jens Stoltenberg, expresouse en  termos semellantes.

O ministro británico do ámbito, James Cleverly, chegou a afirmar que desexan que a agresión israelí remate cun liderado palestino “amante da paz”, sen mencionar as dúas limpezas étnicas que Israel perpetrou contra o pobo palestino até o comezo desta agresión e a ocupación do seu territorio nas últimas sete décadas, amais do sistema de apartheid deseñado para favorecer a poboación xudía.

Como pode alguén non apoiar un alto o fogo agora?”, preguntouse Jan Egeland, do Consello Noruegués para os Refuxiados, logo de informar de que as vivendas dunha de cada dúas familias en Gaza foron destruídas ou danadas polos ataques dos militares israelís.

Comentarios