Xornalismo

Israel trata de silenciar os xornalistas con bombas: 22 mortos desde o 7 de outubro

"Este tipo de ataques equivalen a empregar tácticas terroristas contra xornalistas para silencialos", denuncia o xornalista Wael Al-Dahdouh, a quen lle mataron tres familiares.
O xornalista de 'Al Jazeera' Wael Al-Dahdouh chora pola morte das súas tres crianzas, esta quinta feira, na cidade gazatí de Dair El-Balah. (Foto: Omar Ashtawy / Zuma Press)
photo_camera O xornalista de 'Al Jazeera' Wael Al-Dahdouh chora pola morte das súas crianzas, esta quinta feira, na cidade gazatí de Dair El-Balah. (Foto: Omar Ashtawy / Zuma Press)

No marco dos ataques indiscriminados de Israel contra Gaza, Tel Aviv demostrou a súa capacidade de lanzar bombardeos selectivos coas e cos xornalistas palestinos que tratan de amosar ao mundo o que está a acontecer en Gaza como obxectivo. 22 profesionais morreron por ataques israelís desde o 7 de outubro.

Fahrettin Altun, voceiro da Presidencia turca, cualificou de “difícil de crer” que o ataque do Exército israelí contra a familia de Wael Al-Dahdouh, director da oficina da cadea Al Jazeera en Gaza, fora aleatorio, e fixo fincapé en que “este tipo de ataques equivalen a empregar tácticas terroristas contra xornalistas para silencialos”.

A cuarta feira, un bombardeo contra a casa na que se atopaban no campamento de refuxiados de Nuseirat, no centro da Faixa, onde chegaron despois de ser desprazados á forza polos lanzamentos de mísiles israelís contra a súa veciñanza, asasinou a parella, a filla, o fillo e o neto de Al-Dahdouh. O resto da súa familia aínda se atopa baixo os cascallos.

Na mañá desta quinta feira, a asasinada foi a xornalista Duaa Sharaf, que morreu canda o seu fillo no bombardeo da súa residencia en Gaza, contra a que foron disparados múltiples mísiles israelís, explicaron medios palestinos. Sharaf era a presentadora da cadea Voz de Al-Aqsa.

Comentarios