Os catro escenarios que se abren segundo sexa a decisión que anuncie Pedro Sánchez na súa comparecencia

O presidente do Goberno español adianta ás 11 horas se continúa ou demite, abrindo así até catro novos escenarios políticos. Sánchez acode á Zarzuela para notificar a súa decisión a Felipe VI.

O presidente español, Pedro Sánchez (centro), a cuarta feira, antes de suspender a súa axenda. (Foto: Jesús Hellín / Europa Press)
photo_camera O presidente español, Pedro Sánchez (centro), a pasada cuarta feira, antes de suspender a súa axenda. (Foto: Jesús Hellín / Europa Press)

O presidente do Goberno español comparece esta segunda feira, ás 11 horas desde A Moncloa para anunciar se continúa no cargo ou dimite. Seis días despois de publicar na rede social X unha carta na que anunciaba unha “reflexión” sobre a súa continuidade no cargo após abrir un xulgado dilixencias contra a súa parella, Begoña Gómez, Pedro Sánchez comunicará hoxe cal é a decisión sobre o seu futuro.

Dependendo da decisión que adopte, ábrense catro escenarios principais segundo sexa a decisión do mandatario español. Son estes:

1. Dimite e marcha: Goberno en funcións

Pedro Sánchez anuncia a súa dimisión mais non pode convocar eleccións anticipadas, pois debe pasar polo menos un ano desde a última convocatoria electoral e esta foi o pasado 29 de maio de 2023, nunha decisión adoptada após os malos resultados do PSOE nas municipais e autonómicas de 28 de maio.

Que acontecería ? A vicepresidenta primeira do Goberno español, María Jesús Montero, podería ser a presidenta en funcións "até a toma de posesión dun novo Goberno". Chegaos a este punto abriríanse dous escenarios: convocar novas eleccións cando sexa posíbel ou formar un novo Executivo.

Para formar un novo Goberno sen convocar eleccións, seguiríase o mesmo procedemento que cando se constitúen as Cortes após unhas eleccións estatais. O rei español reuniríase con todos os partidos políticos e após estes encontros proporía a unha persoa candidata á Presidencia do Goberno estatal.

Para que a investidura saíse adiante, teríase que lograr maioría absoluta na primeira votación ou maioría simple na segunda. De non conseguirse, procederíase á designación doutro candidato. "Se transcorrido o prazo de dous meses, a partir da primeira votación de investidura, ningún candidato obtivese a confianza do Congreso, o rei disolverá ambas as dúas Cámaras e convocará novas eleccións co referendo do Presidente do Congreso", recolle a constitución.

2. Dimite pero mantense no cargo durante un breve período

Outra opción é que Sánchez anuncie que dimite mais que se manterá no cargo até que sexa posíbel convocar unhas novas eleccións. Este escenario permitiríalle agardar como presidente a que se cumpra o prazo necesario para podefconstir convocar eleccións.

Nesta hipótese, Sánchez podería mesmo decidir optar á reelección neses comicios, aos que chegaría como presidente e após mobilizar coa súa “reflexión” parte do electorado progresista, que o propio PSOE vía “desanimado” nestes  meses.

3. Cuestión de confianza

A cuestión está prevista no artigo 112 da constitución e permite ao presidente do Goberno coñecer se mantén o apoio de, no mínimo, a maioría simple do Congreso. "A confianza entenderase outorgada cando vote a favor da mesma a maioría simple dos Deputados", apunta o texto constitucional.

É unha medida que xa fou utilizada por Adolfo Suárez e Felipe González e ambos os dous obtiveron o respaldo da Cámara. De tomar este camiño, Sánchez podería comprobar se conta co apoio maioritario.

Con todo, se a cuestión de confianza non sae adiante, o Goberno español pasaría a estar en funcións e Sánchez tería que presentar a súa dimisión ao rei español. 

4. Decide ficar

Pedro Sánchez podería anunciar que, após a reflexión destes días, decide ficar á fronte do Executivo español. Este anuncio seguramente redobraría os ataques da dereita política e mediática, que ao longo destes días incidiu en que todo era unha “estratexia” de Sánchez.

Comentarios