18 axencias da ONU reclaman un alto o fogo mentres o número de persoas palestinas asasinadas supera as 10.000

Tel Aviv secuestra a activista palestina Ahed Tamimi.
Crianza ferida nun ataque israelí a un hospital de Gaza na madrugada. (Foto: Europa Press / Contacto / Bashar Taleb)
photo_camera Crianza ferida nun ataque israelí a un hospital de Gaza na madrugada. (Foto: Europa Press / Contacto / Bashar Taleb)

Mañá faise un mes do inicio da agresión israelí contra a Faixa de Gaza, Palestina, que persoas expertas da Organización das Nacións Unidas (ONU) cualificaron como unha limpeza étnica e un xenocidio, cometido grazas ao apoio fechado dos Estados Unidos e outros países da Organización do Tratado do Atlántico Norte a Israel. A última cifra de palestinas e palestinos asasinados difundida polo Ministerio de Saúde de Gaza é de 10.022 persoas. 4.104 delas eran nenas e nenos, logo dos bombardeos indiscriminados do Exército israelí contra a poboación civil. O Ministerio informou que a inmensa maioría eran civís.

A cifra supera as mortes de civís nos máis de 20 meses transcorridos desde o comezo da invasión rusa de Ucraína, que segundo o reconto da ONU da pasada semana ascende a máis de 9.900 persoas, a meirande parte delas no Donbás, onde se concentran boa parte das hostilidades. Do lado israelí, Tel Aviv sostén que a maioría das máis de 1.400 mortes na ofensiva palestina do 7 de outubro corresponde a civís, aínda que non os diferencia dos colonos e eses datos están sendo postos en dúbida polos xornais locais, que desvelaron que os militares de Israel bombardearon os seus propios cidadáns.

Ao respecto da invasión terrestre ao norte da Faixa de Gaza, Tel Aviv continúa a soster que avanza no terreo, algo que non foi corroborado de forma independente polo terceiro corte de comunicacións ao que somete o territorio.

Entrementres, non cesan os bombardeos sobre áreas residenciais e hospitais en Gaza. No marco da intensificación da represión en Cisxordania, na que foron asasinadas 152 persoas palestinas, foi secuestrada polas forzas israelís durante a madrugada a activista Ahed Tamimi, considerada unha heroína en Palestina despois de dar unha labazada a un soldado israelí en 2017, cando tiña 16 anos, polo que pasou oito meses en prisión.

Asemade, 18 axencias da ONU asinaron un comunicado conxunto no que exixen un alto o fogo que free a agresión israelí contra Palestina, e que tanto os Estados Unidos como a Unión Europea se negan a solicitar.

Suráfrica retira a súa representación diplomática

Perante a súa inacción, os que si están a reaccionar son múltiples Estados do Sur Global. Suráfrica converteuse hoxe no último país en retirar a súa representación diplomática de Israel tras denunciar actos equiparábeis ao xenocidio contra o pobo palestino.

Antes do Estado africano xa tomaran a mesma decisión Chile, Colombia, Honduras, Bahrain, Xordania e Turquía. O mesmo fixo Bolivia, que tamén anunciou a fin dos seus lazos diplomáticos con Tel Aviv.

Comentarios