crónica

Palestina acusa os países occidentais de dar a Israel "licenza para matar"

Mentres Washington frea a invasión israelí de Gaza para protexer os seus propios intereses e bases militares na zona, o asedio contra o territorio palestino continúa. No medio do castigo colectivo, Palestina critica os países occidentais, con Estados Unidos á cabeza, por ofrecer "cobertura política" aos masacres israelís.
Palestina ferida no hospital Shifa  de Gaza, hoxe, logo dun bombardeo israelí. (Foto: Mohammad Abu Elsebah / DPA)
photo_camera Palestina ferida no hospital Shifa de Gaza, hoxe, logo dun bombardeo israelí. (Foto: Mohammad Abu Elsebah / DPA)

Mohammed Shtayyeh, primeiro ministro de Palestina, acusou hoxe os Estados occidentais de dar coas súas declaracións, nas que non se condena a agresión israelí contra a Faixa de Gaza, unha “licenza para matar”, amais de ofrecer a “Israel cobertura política para cometer masacres e sementar a destrución” a pesar de ser unha “máquina criminal e asasina”. A Axencia da Organización das Nacións Unidas (ONU) para os refuxiados palestinos cualificou a situación en Gaza como unha “verdadeira catástrofe humana” logo de dúas semanas de asedio por parte de Israel do territorio no que viven 2,3 millóns de persoas —a metade nenas e nenos—, que apenas recibiu unha cantidade de axuda humanitaria “ridícula” neste tempo, explicou o organismo internacional, axuda da que xa dependían para sobrevivir antes desta agresión.

Persoas de Gaza testemuñaron como están a beber auga de mar fervida e procedente de pozos non potábeis hai xornadas, no medio dunha propagación por este motivo da varíola, sarna ou diarrea. O primeiro ministro escocés, Humza Yousaf, comunicou que os seus sogros están sufrindo a “tortura” de Gaza. Elizabeth e Maged El-Nakla só tiñan seis botellas de auga para compartir entre 100 persoas, entre elas un bebé de dous meses, e non saben “se van sobrevivir dunha noite a outra”.

O Ministerio de Saúde de Gaza informou de que cada día nacen nestas condicións, sen apenas electricidade, alimentos ou medicinas, 166 crianzas. Ademais, 50.000 mulleres están embarazadas na Faixa, onde se está a usar vinagre para desinfectar feridas antes de operacións para as que non hai anestesia.

Ao tempo, non cesan os bombardeos israelís contra Gaza, que xa destruíron máis dunha cuarta parte das vivendas e mataron 5.431 persoas, ferindo 15.273 máis. Tamén foron bombardeados campos de refuxiados en Cisxordania, territorio no que se multiplicaron as incursións e asasinatos perpetrados por tropas e colonos israelís contra os civís, con 95 vítimas mortais.

Neste sentido, Human Rights Watch subliñou que o asedio de Gaza é “un crime de guerra”, como xa fixera Amnistía Internacional en relación aos bombardeos despois de documentar “ataques indiscriminados” que “aniquilan familias enteiras”. Arredor disto, nos Países Baixos 19 persoas foron detidas ao protestar na entrada da Corte Penal Internacional inculpando o primeiro ministro israelí Benjamin Netanyahu como “criminal de guerra”, no marco das protestas que se están a desenvolver no mundo en apoio da causa palestina.

Por parte da Unión Europea, e sen condenar Israel, o Alto representante para Política Exterior, Josep Borrell, defendeu que hai “consenso” en demandar “unha pausa humanitaria en Gaza”, despois de que máis de 800 traballadoras e traballadores da Comisión Europea criticaran a “indiferenza” do bloque comunitario pola morte de civís e criticaran que non se demandara un alto o fogo.

Esta expresión, "un alto o fogo", foi prohibida canda outras como “desescalada” polos Estados Unidos ao seu corpo diplomático para abordar a limpeza étnica e posibilidade de xenocidio que persoas expertas da ONU denunciaron en Palestina.

Os EUA buscan protexerse

Washington está a frear a invasión terrestre de Gaza para protexer as súas bases militares -que xa foron atacadas en Siria e o Iraq- e os seus intereses na rexión, publicou o xornal The New York Times, entre o temor de que unha vez desatada a invasión se intensifiquen os ataques en resposta ao seu apoio fechado á agresión israelí, especialmente por parte de Hezbollah, que intercambiou disparos con Israel nas últimas semanas.

Á vez, aspira a avanzar nas negociacións para a liberación de máis persoas capturadas por Hamas, que rexeitou esa posibilidade até a fin da agresión israelí, e a cambio das milleiras de palestinas e palestinos presos en Israel. Varias das máis de 200 capturadas morreron nos ataques de Tel Aviv.

Tras a decisión estadounidense de enviar dous grupos de ataque naval con cadanseu portaavións á zona, que xa interceptaron un ataque con mísiles desde o Iemen, a China despregou perto de Omán seis buques de guerra, tras atribuír a situación actual á inxustiza histórica contra o pobo palestino, demandando que se garanta a creación dun Estado independente que acabe coa ocupación israelí.

O primeiro ministro do Goberno de extrema dereita en Tel Aviv, ao que 80% da poboación israelí considera responsábel da operación de Hamas o 7 de outubro, na que morreron 1.400 persoas, insistiu en negar a veracidade da acusación do grupo palestino, que divulgou que o seu Executivo non quixo aceptar a liberación de dous israelís por motivos humanitarios e sen pedir nada a cambio.

Comentarios