A resistencia palestina contén Israel no nordés e oeste da cidade de Gaza entre bombardeos indiscriminados contra os civís

Políticas e políticos de esquerda demandan xulgar Israel por xenocidio.

Edificio destruído no campo de refuxiados de Bureij, no centro de Gaza, por un bombardeo israelí (Foto: Rizek Abdeljawad / Xinhua News / Contactophoto).
photo_camera Edificio destruído no campo de refuxiados de Bureij, no centro de Gaza, por un bombardeo israelí. (Foto: Rizek Abdeljawad / Xinhua News / Contactophoto)

Até 20 tanques e vehículos militares israelís foron destruídos ou inutilizados nas últimas 48 horas polos combatentes palestinos, sostivo Abu Ubaida, voceiro das Brigadas Izz ad-Din al-Qassam, a póla armada do movemento palestino Hamás, recolleu hoxe a canle Al Mayadeen, entrementres, no nordés e o oeste da cidade de Gaza, a resistencia palestina está a frear o Exército israelí no marco da invasión terrestre do norte da Faixa, reportaron medios especializados.

O certo é que aínda que Israel se gaba de múltiples avances na operación militar que comezou hai máis dun mes, e que para persoas expertas da Organización das Nacións Unidas (ONU) se trata dunha limpeza étnica e dun xenocidio contra o pobo palestino, son mínimas as incursións israelís en profundidade na urbe, e o seu control territorial circunscríbese á contorna da cidade, onde se sitúa o lexislativo de Gaza, e ás zonas rurais, todo isto a pesar da desigualdade entre os recursos militares duns e doutros.

Israel recibe anualmente máis de 3.000 millóns de euros en armamento por parte dos Estados Unidos, amais das vendas de armas por parte da Unión Europea, que rexeitan condenar Israel ou pedir un alto o fogo.

Nas zonas controladas polas tropas israelís no norte de Gaza, continúa o asedio contra os hospitais. No al Shifa, o máis grande de Gaza, rodeado polos tanques israelís, morreron 40 pacientes pola falta de medios para atendelos entre os ataques dos francotiradores sionistas, que matan calquera que se mova no complexo, e Médicos Sen Fronteiras denunciou disparos contra os seus centros nas proximidades, que acollen máis de 100 persoas refuxiadas sen alimentos, unha situación que se estende ás máis de 2 millóns de persoas que viven na Faixa, das que máis de 11.000 foron asasinadas por Israel desde o 7 de outubro.

Tamén se rexistraron bombardeos israelís contra o sur de Gaza, en zonas que previamente o seu Exército designara como supostamente seguras para o millón e medio de persoas desprazadas pola agresión israelí. Asemade, a ONU informou de  que a infraestrutura de auga corrente e xestión de residuos deixou de funcionar no medio do asedio israelí contra o territorio palestino.

Os bombardeos indiscriminados de Israel tamén mataron persoas capturadas por Hamás o 7 de outubro, apuntou o grupo palestino, que cifrou as mortes en arredor de 60 das 240 persoas cuxa captura admitiu o Executivo de extrema dereita israelí. Ao tempo, indicou que o Goberno liderado por Benjamin Netanyahu está a atrasar o acordo para un primeiro intercambio de prisioneiros coa mediación de Catar, que implicaría a volta a Israel de 50 mulleres e crianzas capturadas por Hamás a cambio de 200 crianzas e 75 mulleres retidas en cárceres israelís, cunha tregua de cinco días para a entrada de axuda humanitaria.

Investigación de xenocidio

Máis de 80 políticas e políticos de esquerda e activistas de todo o mundo lanzaron a iniciativa #JusticeForGaza, na que demandan á Corte Penal Internacional que investigue Netanyahu e varios membros do seu Gabinete por xenocidio, crimes de lesa humanidade e crimes de guerra, todos eles documentados.

Entre as persoas asinantes están Néstor Rego, Carme da Silva e Ana Miranda (BNG), Gabriel Rufián (ERC), Pernando Barrena (EH Bildu), Ione Belarra (Podemos) ou Jeremy Corbyn, ex líder do Partido Laborista británico. Nas primeiras horas 7.700 persoas asinaron o manifesto.

Comentarios