A ONU defende que a operación de Hamás "non aconteceu no baleiro" e chegou tras "56 anos de ocupación asfixiante" de Palestina

Israel responde acusando o secretario xeral da ONU, que tamén denunciou "violacións claras" do dereito internacional en Gaza, de "comprensión co terrorismo" por denunciar a ocupación e a represión do réxime de apartheid israelí contra o pobo palestino.
Crianza palestina ferida nun ataque israelí esta terza feira a un edificio da Faixa de Gaza. (Foto: Mohammed Abu Elsebah / DPA)
photo_camera Crianza palestina ferida nun ataque israelí esta terza feira a un edificio da Faixa de Gaza. (Foto: Mohammed Abu Elsebah / DPA)

As imaxes de Yocheved Lifshitz, unha israelí de 85 anos, liberada na noite da segunda feira por Hamás canda Nurit Yitzhak, tamén israelí e de 79 anos, deron hoxe á volta ao mundo, tras regresar para despedirse dun combatente da formación palestina antes de subir a unha ambulancia da Cruz Vermella. Nunha rolda de prensa, Lifshitz sostivo que na operación Diluvio de al Aqsa, liderada por Hamás o 7 de outubro en resposta á represión do réxime de apartheid israelí, na que perderon a vida máis de 1.400 persoas, os milicianos “mataron e secuestraron persoas maiores e novas sen distinción”, e tamén narrou que foi golpeada durante o traslado a Gaza.

Porén, logo de camiñar “durante dúas ou tres horas nunha arañeira de túneles” e chegar a un “gran salón”, fixo fincapé en que os combatentes palestinos “foron moi amábeis” e “ocupáronse de todas as necesidades”, incidindo en que eran persoas “moi amigábeis” e “xentís”. Explicando o “coidado” amosado coas persoas capturadas, relatou como un médico comprobaba cada poucos días o seu estado de saúde, así como que “estaban moi preocupados pola hixiene”, pondo a súa disposición “baños que limpaban todos os días”. Tamén indicou que “semellaban estar listos para isto”, e acusou directamente as Forzas de Defensa israelís de “non tomar en serio” as advertencias arredor da operación palestina.

A pasada sexta feira, á vez que liberaba dúas mulleres estadounidenses, Hamás denunciou que o Executivo israelí de extrema dereita de Benjamin Netanyahu rexeitou aceptar a liberación de Lifshitz e Yizhak por motivos humanitarios e a través da mediación de Exipto e Catar, e que precisaba cando menos do compromiso israelí de garantir a súa entrega no medio dos bombardeos indiscriminados contra Gaza. Malia que Netanyahu o negou nun primeiro momento, o grupo palestino atribuíu á presión no seo de Israel contra o seu Goberno o cambio de parecer.

As declaracións de Lifshitz foron consideradas nos medios israelís como un desastre de relacións públicas para o país, tras máis de dúas semanas intentando deshumanizar os combatentes e o pobo palestino con comentarios que, unidos á agresión contra Gaza e ao apoio dos países da Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN), levaron a que persoas expertas da Organización das Nacións Unidas (ONU) denunciaran o “risco de xenocidio contra o pobo palestino”. Nese contexto, o Exército israelí amosou a un grupo de xornalistas estranxeiros unha montaxe de vídeo de 43 minutos que, supostamente, correspondía ás “atrocidades” de Hamás durante a operación.

Porén, non apareceron imaxes de crianzas decapitadas, como chegou a afirmar que vira o presidente dos Estados Unidos, Joe Biden, nunha campaña mediática para xustificar a limpeza étnica en Palestina na que se chegou a apuntar que 40 bebés foran decapitados por Hamás, unha organización creada e financiada nos seus comezos por Israel para dividir o apoio maioritario da poboación palestina á Organización para a Liberación de Palestina comandada por Yasser Arafat. En Gaza, a cifra de persoas asasinadas polos ataques israelís ascendeu a 5.791, con máis de 16.000 feridas, ao que hai que engadir 96 vítimas mortais de tropas e colonos israelís en Cisxordania.

Aínda que Israel segue a soster que só ataca obxectivos militares, os datos das organizacións internacionais desbotan calquera posibilidade de que sexa así. Ao respecto das infraestruturas médicas, a Organización Mundial da Saúde afirmou que 12 hospitais e 32 centros de saúde quedaron fóra de servizo polos danos provocados polos bombardeos israelís e a falta de combustíbel producida polo asedio da Faixa, que enfronta o esgotamento das últimas reservas de alimentos, medicinas e auga.

A pesar diso, a canle Al Jazeera divulgou imaxes de persoas refuxiadas no Hospital Nasser de Gaza recollendo e rachando panfletos lanzados pola aviación israelí nos que ofrecían “recompensas e seguridade” por proporcionar datos das persoas capturadas por Hamás. En alusión a Netanyahu, un palestino subliñou que “fai o que queiras, todos nós en Gaza ímoscho dicir, estamos a resistir de leste a oeste”.

Sobre a axuda humanitaria que Tel Aviv aceptou que ingresara en Gaza, Tamara Alrifai, voceira da Axencia da ONU para os refuxiados palestinos, definiuna como unha “pinga” no océano de axuda que precisa o territorio, bloqueado por Israel nos últimos 16 anos.

No marco da represión contra o pobo palestino tanto nos territorios ocupados como no propio Israel, con milleiros de persoas detidas nos últimos 18 días, a Sociedade de Prisioneiros palestinos informou de que un segundo palestino morreu nunha prisión israelí e advertiu de “asasinatos sistemáticos de detidos”. 24 horas antes, morreu un alto cargo de Hamás encarcerado no que a formación cualificou como un “asasinato”.

Reunión do Consello de Seguridade da ONU

Na terceira reunión do Consello de Seguridade da ONU sobre a agresión israelí, despois de que os Estados Unidos vetaran -primeiro xunta outros Estados da contorna da OTAN e logo en solitario- que o órgano reclamase un alto o fogo ou unha pausa humanitaria, o secretario xeral da entidade, António Guterres, afirmou que a operación de Hamás “non aconteceu no baleiro”, e reiterou que “o pobo palestino foi sometido a 56 anos de ocupación asfixiante”, culpando Israel de “violacións claras” do dereito internacional en Gaza.

Como fixeron con anterioridade líderes israelís ou dos membros da OTAN en contestación ás mostras de apoio a Palestina, o embaixador de Tel Aviv na ONU, Gilad Erdan, acusou Guterres de “comprensión co terrorismo”. Ao tempo, o titular de Exteriores palestino, Riyad al-Maliki, fixo un chamamento a deter os “masacres que Israel, a potencia ocupante, está a perpetrar deliberada, sistemática e salvaxemente contra a poboación civil palestina”, recalcando que “é o noso deber humano colectivo detelos” e cuestionando “onde está a indignación polo seu asasinato?”.

Logo do estadounidense Joe Biden ou do primeiro ministro británico Rishi Sunak, hoxe foi a quenda do presidente francés Emmanuel Macron de visitar Israel para trasladar o seu apoio, poucas horas despois de que os membros da Unión Europea non foran quen de pactar un texto conxunto para demandar un alto o fogo a Israel.


Israel, "compensación" occidental

O ex relator especial da ONU para os territorios palestinos ocupados, Michael Lynk, salientou que el mesmo e os seus predecesores alertaron de que o “arraigamento da ocupación [israelí], o crecemento dos asentamentos, das apropiacións de terras e o aumento da violencia” levarían a unha explosión violenta, e sinalou “a impresión de longa data” de que “Israel é a compensación de Occidente polo que fixo e permitiu con respecto aos xudeus europeos na Segunda Guerra Mundial”.

Comentarios