O IPC sobe no Estado unha décima en abril, a 3,3%, por enerxía e alimentos

A inflación subxacente (sen alimentos non elaborados nin produtos enerxéticos), que en abril baixou catro décimas, até 2,9%, taxa catro décimas inferior á do IPC xeral.

A estabilidade dos prezos dos alimentos foi determinante na moderación do IPC. (Foto: Ricardo Rubio / Europa Press)
photo_camera (Foto: Ricardo Rubio / Europa Press)

O Índice de Prezos de Consumo (IPC) subiu no Estado 0,7% en abril en relación ao mes anterior e elevou unha décima a súa taxa interanual, até 3,3%, debido ao encarecemento do gas e dos alimentos, segundo os datos avanzados esta segunda feira polo Instituto Nacional de Estatística (INE).

En concreto, o organismo explicou que en abril subiron os prezos do gas, fronte ao retroceso que experimentaron no mesmo mes de 2023, mentres que o prezo dos alimentos rexistrou unha maior repunta que o dun ano antes.

Tamén influíu no ascenso do IPC interanual, pero en menor medida, o menor descenso dos prezos da electricidade respecto ao experimentado en abril de 2023, engadiu Estatística.

Por contra, o organismo sinala que os prezos de lecer e cultura baixaron en abril deste ano, fronte á repunta que rexistraron no mesmo mes do ano pasado.

Co avance do IPC interanual no cuarto mes do ano, a inflación encadea dous meses consecutivos de ascensos despois das catro décimas en que subiu en marzo.

O repunte de abril, que aínda ha de ser confirmado por Estatística, sitúa a inflación moi perto dos niveis cos que arrincou o exercicio (3,4%).

O Ministerio de Economía, Comercio e Empresa resaltou nunha valoración remitida aos medios de comunicación que a evolución do IPC en abril "viuse afectada polo efecto base, debido ao mellor comportamento dos prezos do gas e os alimentos o ano pasado", mentres que a electricidade seguiu abaratándose.

O INE incorpora no avance de datos do IPC unha estimación da inflación subxacente (sen alimentos non elaborados nin produtos enerxéticos), que en abril baixou catro décimas, até 2,9%, taxa catro décimas inferior á do IPC xeral.

Neste sentido, o Ministerio de Economía destacou que é a primeira vez en case dous anos en que a inflación subxacente sitúase por baixo da taxa xeral de IPC.

Comentarios