Netanyahu nega un alto o fogo logo das protestas mundiais a favor de Palestina

Entre manifestacións masivas en solidariedade con Palestina, que desacreditan o apoio fechado dos Gobernos occidentais á agresión israelí, que asasinou máis crianzas que as mortas en todas as guerras no mundo desde 2019, Tel Aviv fecha a porta a un alto o fogo.
Manifestación en Londres a fin de semana en defensa de Palestina. (Foto: (Jordan Pettitt / PA Wire / DPA)
photo_camera Manifestación en Londres a fin de semana en defensa de Palestina. (Foto: (Jordan Pettitt / PA Wire / DPA)

Millóns de persoas en todo o mundo participaron nas innumerábeis mobilizacións desenvoltas até o de agora desde o comezo dunha nova agresión militar israelí contra Palestina, hai máis de tres semanas. As protestas foron medrando a medida que os ataques contra o territorio palestino da Faixa de Gaza se intensificaron, canda os efectos do asedio co que Israel pretende someter a poboación a un castigo colectivo, o que levou a masivas mobilizacións ao longo da pasada fin de semana.

Porén, aínda que as marchas se estenderon desde América Latina até Oceanía, pasando polos países árabes, onde máis incidencia tiveron foi nos Estados da Organización do Tratado do Atlántico Norte, os que, agás Turquía, constitúen o principal apoio de Israel e negáronse a condenar o que o Alto Comisionado da Organización das Nacións Unidas (ONU) para os Dereitos Humanos cualificou de crimes de guerra israelís en Palestina.

É precisamente este apoio fechado o que está a provocar unha división cada vez máis importante entre a posición dos Executivos destes países e a súa poboación, algo especialmente flagrante no caso da Unión Europea (UE) e o Reino Unido.

En Londres, medios británicos admitiron que se tratou da protesta con máis participación nas últimas dúas décadas. As organizacións detrás da convocatoria informaron de que arredor de 300.000 persoas saíron a defender a fin dos ataques contra Palestina, no contexto do que persoas expertas da ONU alertaron de risco de xenocidio.

No Reino Unido tanto o Goberno conservador como a oposición laborista non dubidan en reiterar a súa defensa das accións israelís, entrementres, en Francia, unha mobilización insistiu na defensa de Palestina a pesar da prohibición das protestas propalestinas.

Na UE, que non foi quen de demandar un alto o fogo ou condenar os crimes de Israel, a Comisión Europea si condenou hoxe “nos termos máis enérxicos posíbeis” o que considerou “antisemitismo”, en referencia ao intento de manifestantes en Daguestán, Rusia, de asaltar un avión procedente de Tel Aviv nunha protesta contra Israel.

O bloque comunitario reiterou deste xeito o seu uso da narrativa sionista, que atribúe a Israel, que se define como un Estado xudeu e ten un marcado carácter relixioso, a representación das persoas de relixión xudía no planeta. Asemade, a posición da UE tamén pon en dúbida a suposta defensa dos dereitos humanos que segundo Bruxelas a caracteriza.

Máis alá do perigo para as persoas que profesan o xudaísmo de que Tel Aviv as vincule directamente coa agresión indiscriminada que está a perpetrar contra o pobo palestino, grupos xudeus en Nova York, nos Estados Unidos, bloquearon a estación central de trens da cidade para exixir un alto o fogo inmediato, replicando diversas accións neste sentido nas últimas semanas por parte destas entidades.

En Gaza, non cesan os bombardeos de Israel, que asasinaron no mínimo 8.306 persoas, delas, 3.457 eran crianzas, mentres case 2.000 persoas -a metade nenas e nenos- están desaparecidas baixo os cascallos dos edificios destruídos pola aviación israelí. En 23 días, Israel matou máis crianzas que as que faleceron en todas as guerras do mundo desde 2019, constatou Save the Children.

Ao tempo, en Cisxordania, os repetidos ataques de militares e colonos israelís contra a poboación acabaron coa vida de 117 palestinas e palestinos.

Amais dos bombardeos indiscriminados contra a poboación de Gaza, que inclúen ataques na contorna de tres hospitais cuxo desaloxo foi reclamado por Israel e rexeitado polos equipos médicos posto que implicaría a morte das e dos pacientes, tamén se prolongou unha importante incursión terrestre israelí en Gaza, que o primeiro ministro do Goberno de extrema dereita, Benjamin Netanyahu, considerou a segunda fase da guerra.

Aos ataques terrestres no norte de Gaza engadiuse un avance con tanques máis ao sur que dividiu parcialmente a Faixa, ao chegar as tropas israelís á estrada Salah al-Din, que a percorre de norte a sur. O grupo palestino Hamás, que goberna o territorio, comunicou con posterioridade que a resistencia palestina obrigounas a retirarse da estrada e impediu que accederan aos barrios residenciais da cidade de Gaza.

Ataques israelís a civís

Así e todo, antes disto, tanques israelís dispararon contra varios automóbiles con persoas que trataban de fuxir da zona, após instar Tel Aviv en distintas ocasións á súa evacuación ao sur da Faixa, antes de ser bombardeada tamén, incluídos convois de civís que fuxían.

Pola súa parte, Hamás divulgou un vídeo no que aparecen tres mulleres capturadas na operación do 7 de outubro. Unha delas acusou Tel Aviv de “estar a matarnos”, reclamando que acepte a oferta de Hamás de intercambiar os 239 detidos que Israel admite -50 terían morto nos bombardeos a Gaza- polas máis de 6.500 palestinas e palestinos presos en Israel, entre eles 327 crianzas.

O documento audiovisual chega logo de que as familias das persoas capturadas por Hamás solicitaran aceptar o intercambio, ante o que Netanyahu proclamou que non aceptará un alto o fogo.

Israel xáctase de "tímidos avances" en Gaza

O correspondente de guerra e analista de seguridade e xeopolítica Zoran Kusovac explicou que “o avance israelí semella tímido”, apuntando que “é máis pequeno e lento que o grande avance do que se xactaban ministros e xenerais”. Nesa liña, incide en que non se trata aínda “dunha invasión total”.

Á vez, Tel Aviv continúa a persecución contra xornalistas palestinas e palestinos após matar arredor de 30 profesionais e múltiples familiares deles. Youmna El Sayed, xornalista de Al Jazeera que reside na cidade de Gaza, recibiu unha chamada do Exército israelí para abandonar a súa vivenda inmediatamente no medio dos ataques aéreos. Ningún outro veciño foi avisado.

Pouco antes, un informe inicial de Reporteiros Sen Fronteiras concluíu que o asasinato de Issam Abdallah, xornalista da axencia Reuters, na fronteira entre o Líbano e Israel, foi resultado dun ataque israelí dirixido contra el, unha práctica habitual de Israel.

Con todo, máis grupos profesionais están sendo atacados especificamente por Tel Aviv, como os membros da Axencia da ONU para os refuxiados palestinos, 59 deles asasinados por Israel, a meirande parte docentes, ou os equipos sanitarios. 124 membros do persoal médico de Gaza foron asasinados, e até 50 ambulancias foron atacadas por Israel.

Comentarios