Abanca gaña 158,4 millóns de euros no primeiro trimestre, 50,6% máis

Abanca xestiona un volume de negocio superior aos 124.000 millóns de euros
O presidente de Abanca, Juan Carlos Escotet (Foto: M. Dylan / Europa Press).
photo_camera O presidente de Abanca, Juan Carlos Escotet (Foto: M. Dylan / Europa Press).

Abanca obtivo no primeiro trimestre de 2024 un beneficio atribuído de 158,4 millóns de euros, 50,6% máis que no mesmo período de 2023, cando gañou 105,2 millóns de euros, segundo informou esta segunda feira a través dun comunicado.

A entidade destaca a súa rendibilidade sobre capital tanxíbel (ROTE), que se situou en 13,2% ao peche do período, uns resultados apoiados fundamentalmente no dinamismo do negocio retallista e no seu "sólido perfil financeiro".

O banco explica que tivo un arranque de exercicio cun desempeño comercial "moi positivo" que supuxo a incorporación de 30.000 novos clientes.

61% das novas altas produciuse en áreas xeográficas de expansión, destacando Portugal, que rexistrou un incremento de 38%. Así, o banco incrementou a súa cota de mercado no Estado en 21 puntos básicos, tanto en crédito como en depósitos retallistas. En Portugal os incrementos foron, nos dous casos, de 14 puntos básicos.

A marxe de intereses creceu 49,2% en termos interanuais, até os 376,6 millóns de euros, mentres que a marxe básica situouse nos 449,4 millóns, tras crecer 36,7%. A marxe bruta alcanzou os 421,8 millóns de euros, 27,6% máis.

A cociente de eficiencia situouse en 48%, cifra que supón unha mellora de 3 puntos porcentuais no último ano.

O custo do risco elevouse lixeiramente a 0,28%, fronte a 0,23% que rexistraba a peche de 2023. A cociente de morosidade mantíñase en 2,5%, mentres que a cobertura para estes activos era de 71,3% a finais de marzo. A cobertura de adxudicados era do 63,5%.

Abanca xestiona un volume de negocio superior aos 124.000 millóns de euros, contabilizando o negocio de EuroBic, cuxa adquisición foi anunciada en novembro de 2023.

Comentarios