Alto o fogo de catro días cun intercambio de presos entre Israel e Gaza

Tel Aviv afirma que após a tregua "continuará a guerra"

Dúas crianzas palestinas entre as ruínas en Gaza (Foto: Abed Rahim Khatib / dpa).
photo_camera Dúas crianzas palestinas entre as ruínas en Gaza (Foto: Abed Rahim Khatib / dpa).

Tras semanas de negociación entre o Executivo de extrema dereita israelí e as autoridades de Gaza, controlada polo grupo palestino Hamás, o Ministerio de Relacións Exteriores de Catar, que media nas conversas, proclamaba esta terza feira que un acordo para un alto o fogo temporal e un primeiro intercambio de prisioneiros está “nas etapas finais”. Na madrugada da terza á cuarta confirmábase que había acordo.

O líder de Hamás, Ismail Haniyeh, destacou que o pacto se “achega” e o xornal Times of Israel sinalou que o Gabinete sionista “disponse” a aprobalo, o que así fixo finalmente. Un funcionario estadounidense afirmou a axencia Reuters que 50 persoas presas en poder de Hamás, na súa meirande parte mulleres e crianzas, serían liberadas a cambio da liberación de 150 presos palestinos en cárceres israelís, unha cifra que fontes de seguridade de Exipto elevan a 300 presos palestinos.

Ademais, fixaríase un alto o fogo de catro días, sinalna as axencias, para efectuar un intercambio que segundo o xornal Haaretz se desenvolvería gradualmente ao longo do cesamento de hostilidades e permitiría a entrada de axuda humanitaria a Gaza.

Desde o Goberno de Israel xa afirmaron que após esta tregua "a guerra continuará até liberar todos os reféns"

Khalil al Hayya, membro da dirección política de Hamás, explicou que “estamos a agardar a resposta da ocupación”, considerando “críticas” as próximas horas. A organización denunciou en distintas ocasións que o Goberno israelí estaba a obstaculizar as negociacións. Al Hayya reiterou que “non utilizamos ningún hospital na nosa resistencia”, acusando Israel de mentir e “fabricar historias” para expulsar o pobo palestino en Gaza a Exipto.

As declaracións producíronse após os ataques, asedio e invasión do hospital al Shifa por parte dos soldados israelís, que acabaron expulsando a meirande parte dos pacientes e equipos médicos, coa xustificación de que baixo o hospital estaba o suposto cuartel xeral de Hamás, unha teoría que non lograron demostrar e que estenden a outros centros médicos.

Tamén está baixo asedio o hospital Indonesio, que padece os ataques do Exército israelí, informou Mohammed Zaqout, director xeral dos hospitais na Faixa, un centro no que non hai electricidade ou medicinas, cos quirófanos “destruídos” ao ser “atacados directamente”.

O Ministerio de Sanidade de Gaza indicou que ducias de persoas morreron nos ataques de hoxe contra este hospital e o al Awda, e neste último foron asasinados tres médicos. Os bombardeos israelís tamén mataron 20 persoas ao impactar dous mísiles nunha escola no campo de refuxiados de Bureij, no centro da Faixa, e outras 19 faleceron no ataque a unha zona residencial na cidade de Gaza. Desde o 7 de outubro, 14.128 persoas foron asasinadas na agresión israelí ao territorio, que persoas expertas da Organización das Nacións Unidas cualifican como unha limpeza étnica e un xenocidio.

Á vez, foron asasinados catro civís en ataques israelís ao Líbano, entre eles dous xornalistas da canle Al Mayadeen. Israel matou case 50 xornalistas xa. O acordo entre Israel e Gaza chegaría no intre de máis presión externa contra Israel e o seu principal aliado, os Estados Unidos.

Esta semana, un ataque de Hezbolá destruíu unha base militar israelí na fronteira co Líbano, e desde o comezo da agresión israelí producíronse máis de 50 ataques de organizacións do Eixo da Resistencia contra bases militares estadounidenses no Iraq e Siria, ao que se suma a captura por parte dos hutís no Iemen dun buque comercial israelí. Entrementres, logo dunha reunión dixital de líderes do grupo Brics, a entidade demandou unha “tregua humanitaria inmediata e duradeira”

Comentarios