13.300 persoas foron asasinadas en Gaza, 5.600 delas crianzas: "É unha matanza sen precedentes"

As tropas sionistas atacan o hospital Indonesio, que teñen asediado.
Bebés en Rafah, en Gaza, logo do seu traslado desde o hospital al Shifa. (Foto: Abed Rahim Khatib / dpa)
photo_camera Bebés en Rafah, en Gaza, logo do seu traslado desde o hospital al Shifa. (Foto: Abed Rahim Khatib / dpa)

O secretario xeral da Organización das Nacións Unidas (ONU), António Guterres, reiterou hoxe en alusión á agresión israelí contra Gaza que “estamos a ser testemuñas dunha matanza de civís que non ten paralelo nin precedentes en ningún conflito desde que son secretario xeral”, un posto ao que accedeu en 2017, antes da volta dos talibán ou da invasión rusa de Ucraína. O voceiro da oficina de medios da Faixa, Ismail Thawabta, elevou a cifra de persoas asasinadas polas tropas israelís a 13.300, incluíndo máis de 5.600 crianzas, desde o 7 de outubro.

Xenocidio palestino

Nunha xuntanza entre diplomáticos dos países árabes e de maioría de poboación musulmá cos seus homólogos chineses, Riyad al Maliki, titular de Exteriores palestino, subliñou que Israel busca “pór fin á presenza do pobo palestino no que queda da súa terra histórica”.

O Executivo palestino denunciara unha limpeza étnica e un xenocidio por parte de Israel, unha acusación apoiada por persoas expertas da ONU.

O titular chinés de Exteriores, Wang Yi, reclamou “actuar con urxencia” para evitar que o conflito se estenda, e indicou que “a situación en Gaza afecta todos os países do mundo, cuestionando o sentido humano do ben e do mal”.

Un novo hospital baixo asedio

Xa na Faixa, as tropas israelís atacaron o hospital Indonesio matando 12 persoas, e están a someter o centro médico a un asedio como xa fixeran co hospital al Shifa, onde acabaron ordenando a expulsión de todos os pacientes logo de días destruíndo o centro para buscar o suposto cuartel xeral de Hamás, unha teoría apoiada polos Estados Unidos mais que até o de agora non foron quen de demostrar.

Comentarios