Israel anuncia o "asedio completo" de Gaza: "Non haberá nin electricidade, nin auga, nin alimentos"

Israel anunciou esta segunda feira un "asedio completo" sobre a Faixa de Gaza, despois de que o seu ministro de Defensa cualificara a resistencia palestina como "animais". O conflito, que deu comezo o sábado cun ataque de Hamás, xa deixa máis de 1.400 persoas falecidas.
Dúas nenas palestinas son atendidas nun hospital tras ser vítimas dun bombardeo aéreo do Exército de Israel, onte, na cidade de Gaza (Foto: Atia Darwish / APA / DPA).
photo_camera Dúas nenas palestinas son atendidas nun hospital tras ser vítimas dun bombardeo aéreo do Exército de Israel, onte, na cidade de Gaza (Foto: Atia Darwish / APA / DPA).

Yoav Gallant, ministro de Defensa de Israel, anunciou esta segunda feira que o Exército iniciou un "asedio completo" contra o territorio da Faixa de Gaza, ao tempo que cualificou a resistencia palestina como "animais".

"Ordenei un asedio completo da Faixa de Gaza. Non haberá electricidade, nin alimentos, nin combustíbel, todo está fechado", declarou o ministro de Defensa israelita. "Estamos a loitar contra animais humanos e actuamos en consecuencia", agregou.

Pola súa parte, o primeiro ministro de Israel, Benjamín Netanyahu, declarou que "cambiará Oriente Próximo" coa súa resposta militar ao Movemento de Resistencia Islámica (Hamás). "O que lle espera a Hamás será difícil e terríbel", dixo. "Pídolles que se manteñan firmes porque imos cambiar Oriente Próximo. Abrazo a vostedes e os residentes: todos estamos con vostedes, e derrotarémolos con forza, unha forza moi grande", salientou Netanyahu dirixíndose ás autoridades das zonas ao sur do Estado, salientando ademais que a operación "levará tempo".

Ademais, as Forzas de Defensa de Israel (FDI) anunciaron que algunha das localidades próximas á Faixa de Gaza que foran tomadas por Hamás xa se atopan "baixo control". "Os tanques e os avións permitirán facer fronte a calquera violación da fronteira. Practicamente acabamos de evacuar os residentes das zonas próximas á Faixa de Gaza", aseverou esta segunda feira o portavoz das FDI, Daniel Hagari, antes de matizar que foron un total de 15 das 24 localidades fronteirizas as que conseguiron desaloxar.

Segundo os últimos reportes por parte das dúas partes en conflito, o número de vítimas mortais desde o estalido dos enfrontamentos o pasado sábado xa supera os 1.400 falecementos, con máis de 800 mortes do lado israelita e perto de 700 no bando palestino, se ben ambas as partes subliñaron que os recontos definitivos deixarán unhas cifras moito maiores.

Bombas sobre hospitais e campos de refuxiados

Neste contexto, representantes de Palestina reclamaron esta segunda feira "accións urxentes" por parte da comunidade internacional ante os ataques lanzados por Israel contra centros sanitarios e persoal médico no marco da resposta á ofensiva realizada durante o pasado sábado por Hamás. 

Desta maneira, a ministra de Sanidade palestina, Mai al Kaila, solicitou á comunidade internacional "facer fronte á agresión da ocupación contra centros sanitarios, vehículos e persoal de ambulancias na Faixa de Gaza".

"A ocupación bombardea de forma deliberada hospitais e ambulancias e mata e fire o persoal sanitario. É unha enorme e clara violación de todas as leis e normas internacionais", denunciou Al Kaila. Ademais, estes ataques por parte de Israel contra instalacións e persoal sanitario foron tamén corroborados e denunciados pola ONG internacional Médicos Sen Fronteiras.

Así mesmo, os campos de refuxiados están sendo bombardeados por Israel. Máis de 50 persoas morreron esta segunda feira froito destes ataques en dous campamentos palestinos en Gaza, segundo reportou a axencia Maan. 

Os ataques israelitas foron realizados tamén sobre, cando menos, un mercado e unha mesquita, así como sobre edificios e casas particulares, nalgúns casos sen un aviso previo de evacuación, segundo confirmou Nacións Unidas (ONU). Con datos actualizados até o domingo ás 21 horas, a ONU informou esta segunda feira de que máis de 120.000 persoas palestinas se viron desprazadas da súa vivenda na franxa de Gaza.

Segundo Hamás, os propios ataques de Israel tiveron como consecuencia a morte de reféns israelitas, despois de que o pasado sábado a organización con base en Gaza capturara ducias de persoas na súa incursión en territorio inimigo, entre elas varios altos mandos militares. 

"Bombardeos levados a cabo durante a pasada noite e o día de hoxe [por esta segunda feira] pola ocupación contra a Faixa de Gaza causaron a morte de catro prisioneiros inimigos e o martirio dos seus raptores", afirmou o portavoz militar de Hamás, Abú Obeida.

Ademais, a actuación de Israel non se está a circunscribir soamente á Faixa de Gaza, desde onde opera Hamás, senón que tamén está a pór o albo en Cisxordania. De feito, até 14 persoas palestinas morreron xa neste territorio, onde tiveron lugar ataques contra xornalistas, chegando incluso a romper as cámaras de medios de comunicación. Por outra parte, o propio Exército israelita sinalou que detivo 41 persoas en diversas operacións nesta zona.

As autoridades de Israel alertaron esta segunda feira de novos lanzamentos de foguetes contra diversas zonas do Estado, entre elas as cidades de Xerusalén e Tel Aviv, sen vítimas mortais. O Exército tamén asegurou ter abatido "varios milicianos" que atravesaron as zonas controladas por Israel desde o Líbano. Ademais, pola súa parte, a organización chiíta libanesa Hezbolá informou da realización dun ataque durante a pasada noite contra as posicións militares israelitas perto da fronteira entre Israel e o Líbano en represalia pola morte de tres dos seus membros.

Reaccións internacionais

O Goberno de Irán advertiu esta segunda feira de que levará a cabo unha resposta "destrutora" en caso de que haxa movementos "estúpidos" contra Teherán (capital de Irán) no marco do conflito entre Israel e Hamás, ao tempo que descartou calquera implicación  do Estado iraniano nos sucesos.

Mentres tanto, o Executivo dos EUA sinalou que ten "bastante claro" que Irán é "amplamente cómplice" dos ataques de Hamás", se ben asegurou que non dispón de "información directa" que poida probar esta tese. 

A Unión Europea (UE) recuou tras anunciar a suspensión de "todos os pagamentos" relativos á axuda ao desenvolvemento a Palestina "de forma inmediata". Así, o comisario de Xestión de Crise, Janez Lenarcic, rectificou o anterior anuncio do comisario de Veciñanza, Oliver Varhely.

Ademais, Rusia mostrou a súa "extrema preocupación" polos combates e advertiu de que "existe o risco dunha expansión do conflito en toda a rexión". Así mesmo, Moscova apostou pola creación do Estado de Palestina.

A solución de que haxa dous Estados, Israel e Palestina, con soberanía propia, foi apoiada pola China, que solicitou a ambas as partes lograr "o antes posíbel" un alto o fogo para poder explorar dita vía de paz.

Comentarios