Chegar 1.000 números sen ti sería imposíbel!
Facer un xornalismo crítico sen máis ataduras que as que nos unen á promoción e defensa dos intereses galegos precisa da túa colaboración. Subscríbete.
Shalanda Young, directora de orzamento da Casa Branca, subliñou hoxe nunha carta ao Congreso estadounidense que “estamos sen diñeiro para dar apoio a Ucraína”, e sostivo que se o lexislativo non aproba unha nova partida ao respecto “ao final do ano non disporemos de recursos para facilitar máis armas e equipamentos ás forzas ucraínas”. Na misiva, defendeu que sen novas achegas “Ucraína axeonllarase no campo de batalla e isto permitiría prevalecer a [o presidente ruso Vladimir] Putin e á autocracia”. Desde a invasión rusa, Washington entregou case 70.000 millóns de euros a Ucraína, a meirande parte en armamento. Os envíos foron reducíndose nos últimos meses, unha vez constatado o fracaso da contraofensiva ucraína.
A Comisión Europea recomendou hoxe aos Estados membros do bloque comunitario que na cimeira de xefas e xefes de Estado e de Goberno de decembro acepten abrir as negociacións de adhesión con Ucraína, admitindo que hai reformas pendentes no ámbito da protección das minorías e da loita contra a corrupción. A mesma recomendación efectuou sobre Moldova e Bosnia-Hercegovina, neste último caso condicionado aos avances nos criterios exixidos.