As cifras da barbarie: morren máis nenos en Gaza nun mes e medio que nun ano de guerras no mundo

A masacre continúa na Faixa e as cifras de mortos aumentan conforme pasan as horas. As crianzas falecidas xa se contan por miles.
Niños en un edificio destruído por los bombardeos israelís en Gaza. (Foto: Wang Dongzhen / Xinhua News)
photo_camera Crianzas nun edificio derruído polos bombardeos israelís en Gaza. (Foto: Wang Dongzhen / Xinhua News)

Os ataques das tropas israelís na Faixa de Gaza continúan máis dun mes despois desde que comezou a ofensiva, cobrándose a vida de máis de 11.000 persoas ata agora, segundo os datos do Ministerio de Saúde de Gaza. As últimas cifras de menores falecidos ascenden a 4.506, superando o número de mortes de crianzas nun ano de guerras no mundo.

Nun mes a cifra de menores que pereceron en Gaza sobrepasa incluso os 4.019 que morreron no 2019 por guerras ou insurreccións en países como Iraq, Afganistán, Iemen, Siria, Birmania, Filipinas, Palestina, Somalia, Malí, a República Centroafricana e Sudán do Sur. Save the Children calcula que máis do 40% das vítimas mortais na Faixa son nenos. “Os números son desgarradores e, coa violencia non só continuando senón expandíndose por Gaza agora mesmo, moitos máis nenos corren un grave risco” declarou o director da ONG, Jason Lee.

Segundo o informe ‘Atrapados. O impacto de 15 anos de bloqueo na saúde mental dos nenos e nenas de Gaza’ publicado por Save the Children en 2022, o benestar mental dos nenos en Gaza deteriorouse dende un estudo similar realizado en 2018. As cifras incrementaron de 55% a 80% de nenos que reportaban angustia, de 50% a 84% sentían medo, máis da metade dos menores expuxéranse ao suicidio e tres de cada cinco se autolesionaban.

Ao publicar estes datos a ONG pedía ao goberno de Israel que tomase medidas para levantar o bloqueo á Faixa de Gaza, no marco da Resolución 1860 (2009) do Consello de Seguridade da ONU. Na actualidade a situación é moito máis crítica e estas cifras sobre as doenzas dos nenos de Gaza seguramente se incrementarán, mais a organización mantén a súa postura.

“A morte dun neno é demasiada, pero estas son graves violacións de proporcións épicas. Un cesamento do fogo é a única forma de garantir a súa seguridade. A comunidade internacional debe antepoñer as persoas á política” indicaba Jason Lee. Mais esta solución aínda non se albisca. O 27 de outubro, 120 delegacións votaron na Asemblea Xeral a favor do cesamento inmediato dos combates e do acceso da axuda humanitaria a Gaza, 14 votaron en contra, entre eles Estados Unidos, Israel, Austria, Croacia e a República Checa.

Contabilízase que arredor dun millón e medio de gazatíes víronse obrigados a fuxir dos seus fogares cara ao sur. Máis de medio millón púxose a cuberto en refuxios da ONU, máis de 100.000 en hospitais e cerca de 80.000 en escolas. Outro medio millón atopou acubillo na casa de familiares ou seres queridos. Mais aínda quedan centos de miles de persoas no norte de Gaza, onde se atopan as tropas israelís, e non poden escapar. Nos hospitais hai centos de pacientes que non se poden mover de alí, non só enfermos, moitos non se atopan en condicións de fuxir ou non teñen medios para facelo.

Comentarios