A ONU afirma que "nunca rexistrou tantas mortes en tan pouco tempo" nun conflito como en Palestina

Case 11.000 palestinas e palestinos foron asasinados por Israel desde o 7 de outubro.
Cascallos tras un bombardeo israelís hoxe contra Gaza. (Foto: Abed Rahim Khatib / dpa)
photo_camera Cascallos tras un bombardeo israelí hoxe contra Gaza. (Foto: Abed Rahim Khatib / dpa)

10.812 palestinas e palestinos foron asasinados polos ataques israelís desde o comezo da agresión do 7 de outubro contra a Faixa de Gaza, 4.412 deles crianzas, informou hoxe o Ministerio de Saúde do territorio palestino.

Philippe Lazzarini, comisionado xeral da Axencia da Organización das Nacións Unidas (ONU) para os refuxiados palestinos, afirmou que o organismo “nunca rexistrou tantas mortes en tan pouco tempo durante un conflito”.

Unha pausa humanitaria "cínica e cruel"

Mentres millóns de persoas se manifestaron nas últimas semanas no mundo a favor de Palestina e persoas expertas da ONU denuncian que Israel está a cometer unha limpeza étnica e un xenocidio, os Estados Unidos seguen a negarse a reclamar un alto o fogo, e hoxe anunciaron un acordo con Israel para pausas humanitarias de catro horas diarias en Gaza, que os sionistas non confirmaron.

A relatora da ONU para Palestina, Francesca Albanese, cualificou de “cínica e cruel” esa linguaxe, instando a demandar un alto o fogo o “único actor con influencia que poder deter Israel”, insistindo en que o dereito de defensa non se pode aplicar “contra o pobo que ocupan”.

Hipocrisía occidental

O líder turco, Recep Tayyip Erdogan, criticou que, “aínda que eles sempre falan de dereitos humanos”, “os países occidentais simplemente se manteñen á marxe mentres Israel continúa este masacre”, cun “fanatismo que lexitima incluso o asasinato de crianzas”.

Aínda que a Comisión Europea replica a posición de Washington, as fendas na Unión Europea neste sentido son cada vez máis visíbeis. O presidente francés, Emmanuel Macron, apuntou que “temos que traballar para lograr un alto o fogo” e Bélxica trasladou que está a considerar recoñecer o Estado de Palestina.

Máis en INTERNACIONAL
Comentarios