O volume recompila os relatos que 17 autoras e autores publicaron no xornal

Sermos Galiza presenta 'Relatan... Nós', unha compilación da potencia literaria galega

Nós Diario achegará este sábado o último dos libros que conmemoran o décimo aniversario da empresa editora deste xornal, Sermos Galiza S. A. O novo volume, titulado Relatan... Nós. Ler devagar, ofrece ás lectoras e lectores a través de 17 historias unha proba concluínte da potencia literaria e creativa do país. 
Marilar Aleixandre, Francisco Castro, Marica Campo, Suso de Toro, Fina Casalderrey, Lois Diéguez, Víctor F. Freixanes, Rosalía Fernández Rial, Xosé Iglesias Lamela, Olga Novo, Xavier Queipo, Manuel Rivas, María Reimóndez, Séchu Sende, Eli Ríos, Xurxo Souto e Emma Pedreira. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Marilar Aleixandre, Francisco Castro, Marica Campo, Suso de Toro, Fina Casalderrey, Lois Diéguez, Víctor F. Freixanes, Rosalía Fernández Rial, Xosé Iglesias Lamela, Olga Novo, Xavier Queipo, Manuel Rivas, María Reimóndez, Séchu Sende, Eli Ríos, Xurxo Souto e Emma Pedreira. (Foto: Nós Diario)

Marilar Aleixandre, Francisco Castro, Marica Campo, Suso de Toro, Fina Casalderrey, Lois Diéguez, Víctor F. Freixanes, Rosalía Fernández Rial, Xosé Iglesias Lamela, Olga Novo, Xavier Queipo, Emma Pedreira, Manuel Rivas, María Reimóndez, Séchu Sende, Eli Ríos e Xurxo Souto asinan unha serie de relatos recollidos no libro Relatan... Nós. Ler devagar, unha recompilación de textos publicados neste xornal para conmemorar os dez anos de Sermos Galiza. 

Este novo volume ofrece unha interpretación literaria da última década, que vai alén do xornalístico e que resulta unha proba concluínte da potencia creativa da Galiza. 

Para ler devagar

"O morcego branco", de Marilar Aleixandre, inaugura o volume, un relato sobre condicións de traballo noutros países, condicións laborais nas que traballa unha boa parte da sociedade, pano de fondo no que se debuxan as inxustizas.

"Angelito cara al sol", de Francisco Castro, debulla outras ameazas: o machismo, o ascenso da ultradereita, os retrocesos que se seguen dando no plano da igualdade. 

En "As sombras chinesas do tempo", Marica Campo desenvolve unha historia que decorre entre as sobras dunha memoria histórica que continúa a permanecer oculta en moitos dos seus detalles máis sórdidos.

Suso de Toro, a través de "Unha homenaxe póstuma", reflexiona sobre a proposta e a figura das persoas que se dedican á literatura creando obras.  

"Unha araña vermella. Un dos moitos posibles relatos da guerra", de Fina Casalderrey, trata o papel dos medios de comunicación nestes tempos "tan convulsos", especialmente do "todo vale" á hora de publicar noticias. 

Pola súa parte, Lois Diéguez escribiu "Lucía e Manuel", un relato que conta a historia dun amor imposíbel en tempos de posguerra, cun trasfondo de denuncia da ditadura de Franco.  

"Lucerío no Sar", de Víctor F. Freixanes, trata de emigración, mais tamén do volframio e da realidade da aldea galega no século pasado.

"Peixes de cinsa", de Rosalía Fernández Rial, reflexiona sobre a evolución das festas populares galegas cara a formatos de espectáculo pouco participativos e alienantes. 

En "A morte das noctilucas", Xosé Iglesias Lamela céntrase na contorna mariña e os problemas que o sector do mar ten na actualidade. 

O volume Relatan... Nós tamén recolle un relato de Olga Novo, "A pequena poeta e o papagaio de Humboldt", un texto no que a escritora introduce narración e poesía para explicar os sentimentos que garda a memoria dun rural non tan afastado mais ben diferente do que hai hoxe. 

En "Katy Shark", unha historia ambientada no Morrazo, Xavier Queipo reflexiona sobre esta comarca e o traballo no mar, recuperando a idea da transmisión oral a través das tabernas. 

Emma Pedreira participa nesta recompilación coa historia "Bicefalus interruptus", un relato que traballa a situación da sanidade pública cos cambios introducidos pola pandemia da Covid-19 en 2020.

A través de "Killer Robot", Manuel Rivas narra a historia da investigación dun caso sen resolver, mesturando seres humanos e robots e poñendo o foco sobre a intelixencia artificial, dunha maneira irónica pero real. 

"Viagem a Portugal", de Sechu Sende, trata a aventura dun rapaz que vén á Galiza e pensa que está en Portugal, unha historia que pretende ser unha brincadeira, movéndose entre a realidade e a inverosimilitude. 

En "Distancia" Eli Ríos escribe a historia dunha parella que rompe a lei para poder verse durante o confinamento polas medidas aplicadas nos primeiros meses da pandemia da Covid-19, con este feito histórico como fío condutor do relato.

Pecha a compilación un texto de Xurxo Souto titulado "Vigocoruñenta", no que o escritor e músico achega unha visión contemporánea das cidades de Vigo e A Coruña e os aspectos que as unen: o mar, o rock, as tabernas.

Relatan... Nós é o último volume dun conxunto de libros que Nós Diario agasallou ás persoas subscritoras todos os sábados do mes de decembro co gallo do  décimo aniversario de Sermos Galiza S. A.

Agasallo ás persoas subscritoras

Con motivo do décimo aniversario de Sermos Galiza S.A., as subscritoras e subscritores recibirán Relatan... Nós de agasallo e para o resto de lectoras e lectores terá un prezo de 2 euros máis o prezo do xornal e do semanario.
 

Comentarios