Emma Pedreira: "No meu relato vese como a medicina a distancia, telefónica ou en liña, non serve"

Emma Pedreira (A Coruña, 1978) participa hoxe na colección 'Relatan... Nós' coa historia Bicefalus interruptus. En conversa con Nós Diario, debulla algúns dos temas que aborda no seu singular relato e explica as razóns que a levaron a ser tamén a creadora das ilustracións a través dos collages que o acompañan. A autora de Os libros que hai en min (Cuarto de inverno, 2021) é unha das escritoras convidadas ao I Festival Literario de Allariz (FLAZ) que se realizará nese municipio durante os días 1 e 2 de xullo. 
Emma Pedreira participa na colección 'Relanta... Nós' que conmemora os dez anos de Sermos Galiza. (Foto: Arxina).
photo_camera Emma Pedreira participa na colección 'Relanta... Nós' que conmemora os dez anos de Sermos Galiza. (Foto: Arxina).

Un dos primeiros temas presentes no seu relato é a situación da sanidade pública cos cambios introducidos pola pandemia. A atención telefónica prexudica máis que beneficia, como nesta historia, a vida das persoas que precisan de consello médico?
Cando me propuxeron formar parte do proxecto, comentáronme que habería que tratar de retratar os últimos tempos, a última década cando menos.

Aínda que non fixen este relato ad hoc, si que o escribín tras unha conversa a raíz das vacinacións e os seus efectos secundarios, da situación de isolamento das persoas durante a pandemia e como se aproveitou o estado de emerxencia para desmantelar –un pouco máis, se é posíbel- o noso sistema público de saúde. Todo isto aparece no relato. 

A soidade e a incomprensión das persoas doentes, non só da Covid senón doutras doenzas que foron deixadas á marxe para darlle unha prioridade ficticia ao virus, só destapou que a medicina a distancia, telefónica ou en liña non serve para nada, xa que precisamos do compoñente humano dunha consulta médica presencial.

Convivir con varios "eu" é algo difícil nunha sociedade como a actual na que se demanda uniformidade no carácter das persoas?
Vivir sendo eu diferente ao resto da masa social xa é abondo definitorio dunha marxinalidade. Se te afastas do rabaño xa non tes moitas opcións para a volta (aínda que supoño que tampouco hai moito interese en desandar o camiño da fuga). Imaxina compaxinar varios "eu" na mesma persoa.  

Introduce na historia as relacións de parella e o comportamento diante de situacións problemáticas. Coñecerse é a base de achegar solucións nun caso como o que conta en Bicefalus Interruptus?
Non creo que as relacións de parella leven o peso deste texto. Hai dúas personaxes e media (quero evitar o spoiler) e a única intención "romántica", por así dicilo, é unilateral. N. e E. manteñen unha amizade desde hai tempo e a situación que aquí se desenvolve só fai que unha das dúas persoas reflexione sobre os verdadeiros sentimentos que hai despois de tantos anos como amigxs, sobre todo no medio da tensión dunha situación tan surrealista como a que acontece con N. Tampouco hai solución, como non adoita habela na vida real cando se trata de sentimentos non correspondidos.

No relato tamén hai unha colaboración artística a través dos collages que realizou. Quixo transmitir algo especial con eles?
Este texto, un dos máis estraños que escribín até agora, precisaba dunha explicación coherente e que non fose a típica explicación do final da historia na que se narra como aconteceu todo ou que rompe a fluidez do relato contando que todo foi un soño. Non quería iso. Quería extremar a sensación de monstrosidade, de estarmos sendo criaturas de laboratorio e non explicando o contexto do relato fago que o narrado teña unha maior verosimilitude. 

Pero ao mesmo tempo non quería perder o xogo co onírico, con esa febre delirante que a moitas de nós nos trouxo como efecto secundario a vacina. De aí que as colaxes sexan un complemento do texto, falando da evolución do N2 e do distanciamento de N1 e E. Formalmente teñen unha base de acrílico e colaxe analóxica que representan os catro tempos da evolución do relato.

Comentarios