Olga Novo: "O meu relato é unha achega sentimental e, desde logo, emocional ao mundo rural"

Olga Novo (Vilarmao, A Pobra do Brollón, 1975) achega á colección 'Relatan... Nós' as lembranzas dun tempo que xa non existe. A pequena poeta e o papagaio de Humboldt introduce narración e poesía para explicar os sentimentos que garda a memoria dun rural non tan afastado mais ben diferente do que hai hoxe. A autora reflexiona destes tema en conversa con Nós Diario nesta entrevista.  
Olga Novo participa da colección 'Relata... Nós' coa historia 'A pequena poeta e o papagaio de Humboldt' (Foto: Nós Diario).
photo_camera Olga Novo participa da colección 'Relata... Nós' coa historia 'A pequena poeta e o papagaio de Humboldt' (Foto: Nós Diario).

O seu relato navega entre a nostalxia e a realidade de que os tempos pasados non sempre foron mellores.
O meu texto é unha achega sentimental, desde logo, emocional, ao mundo rural. Tamén ao pasado, está enraizado na memoria da miña infancia, e nos afectos profundos. Polo tanto, necesariamente algo de nostalxia hai. Mais, ao mesmo tempo, é certo que nesa ollada cara ao rural ten que haber unha visión realista e non, obviamente, non todo o pasado foi mellor.

Fálase dunha transición no medio e na cultura do rural galego en relación á xente nova. Como valora isto?
Sendo realistas, unha parte importante da cultura do rural que eu vivín e viviu a xente da miña xeración está xa, non en proceso de extinción senón xa desaparecida. Certos modos de relación social, por exemplo, practicamente xa non existen. Polo tanto máis que unha transición igual hai que falar dun proceso acelerado de desaparición. Unha desaparición, ou unha extinción, que é unha catástrofe cultural e sociolóxica de consecuencias dificilmente calculábeis en moitos sensos.

Esta desaparición está asociada á imposición dun modelo social que procede dun capitalismo devorador ao que non lle interesa, en absoluto, un tipo de economía practicamente autosuficiente como era a do noso mundo rural.  

Coincide coas críticas que falan da importancia neste tema do abandono do rural?
Absolutamente. Aínda hoxe en día unha persoa pode estar interesada en volver ou trasladarse ao rural, mais o feito da inexistencia en moitos casos de servizos básicos dificulta enormemente esa elección. Ao final non somos libres onde queremos vivir. 

Aínda así, hai persoas de procedencias moi variadas, mesmo de países afastados, que optan por dar ese paso. 
Como todo, hai que ter un pensamento aberto ás diferenzas. Así como na lingua hai que celebrar que teñamos moitos neofalantes, algo que implica que a lingua segue viva, oxalá viñera xente de onde sexa a vivir ao rural. Iso significaría que seguimos tendo un rural vivo.

Con todas as diferenzas culturais respecto á cultura rural do pasado mais todo ten que evolucionar e ten que ter lugar esta evolución. Está ben esa transformación sen que iso signifique extinción, por suposto. 

Que ferramentas deberían empregarse para minorizar esa situación?
Hai moitos proxectos de recuperación, ferramentas nese sentido, de fixación tanto lingüísticos como culturais en moitos sentidos mais a problemática é que xa non estamos en condicións de facelo de maneira natural. En moitos casos a maneira é forzada, artificiosa ou  académica. En todo caso benvidas sexan todas as aproximacións posíbeis que eviten esa perda.

Agora, ao faltar esa transmisión hai unha perda de coñecemento inevitábel. Xa a temos na nosa xeración, nas que veñen despois aínda máis, algunhas xa non viven no rural ou teñen unha experiencia indirecta do campo. Por exemplo no léxico que lle vai asociado e en moitos casos a propia lingua asociada a esa mundo tende a correr un serio risco de desaparición. Por iso digo que é unha catástrofe cultural tamén.

As canles de transmisión cultural asociadas ao ensino adoitan ser académicas e polo tanto teñen unha función máis asociada a esa cultura do libro, máis fosilizada que a que constituían os saberes dados á vida e á experiencia diaria. Polo tanto, aínda que a educación tente suplir esa eiva do coñecemento natural, non é posíbel que substitúa esa transmisión. 

Comentarios