Relatan...Nós

Marilar Aleixandre: "O relato é un rexistro de escrito moi galego e grandes da nosa literatura xa o trataron"

A escritora Marilar Aleixandre inaugura hoxe a colección de relatos que, baixo o título de Relatan... Nós, publica 'Nós Diario' durante este mes de xuño para celebrar os dez anos de Sermos Galiza, a empresa editora do xornal que vostede ten nas súas mans. O relato de Marilar Aleixandre que hoxe acompaña 'Nós Diario' titúlase 'O morcego branco' e pon en contexto situacións que se adoitan ignorar por acontecer fóra da Galiza e que están relacionadas cos dereitos das mulleres.
Marilar Aleixandre (Foto: Arxina).
photo_camera A escritora Marilar Aleixandre. (Foto: Arxina)

—Que lle pareceu participar na colección Relatan... Nós?
Estou feliz. Xa o estaba cando me propuxeron facelo, sen saber que outros autores escribirían nesta colección. E agora, ao ver quen me acompaña, estou moito máis feliz. Son grandes nomes da literatura  galega e é unha ledicia participar. Considero que os relatos son un rexistro de escrito moi galego que grandes autoras e autores da nosa literatura, Castelao por exemplo, trataron. Tamén Rafael Dieste, que ten relatos impresionantes, e a mesma Rosalía. 

Hai que recoñecer que o relato é un pouco a cincenta, na Galiza a poesía ten un status moi alto. Noteino por comezar escribindo narrativa e entrar na poesía bastante despois, nun proceso diferente ao que fai outra xente. Había quen me considerou escritora de certa categoría a partir da publicación Catálogo de velenos, o meu primeiro libro de poemas.

Teño que dicir, como narradora, que é moito máis difícil armar e escribir unha novela. Nisto, seguramente, coincidirá máis xente. Gústame escribir relatos, é un rexistro no que me sinto especialmente feliz. Á hora de publicar e a consideración que se ten é diferente. Na literatura anglosaxona anuncian onde se publicaron e teñen moita tradición.     

—No seu relato interpreta de maneira literaria a nosa realidade tomando como espazo temporal algo acontecido nos últimos dez anos. Foi complicado escoller o tema do relato?
A literatura é sempre outra forma de ver a realidade, distinta á que pode ser a opinión. Levo facendo un artigo de opinión en Nós Diario desde que comezou o xornal. Todas as persoas temos unhas teimas e cousas que nos preocupan especialmente. No meu caso pode ser o feminismo e todo o que ten que ver cos dereitos das mulleres. 

A literatura é sempre outra forma de ver a realidade

O título da miña rúbrica, Desescribindo, é moi habitual en min. Tento desescribir moitas cousas da historia, entre elas o que foi escrito sobre as mulleres. Unha cousa é como iso se formula en opinión e outra cousa é como se formula literariamente. Poden ser algunhas situacións semellantes mais están tratadas doutro modo. No meu caso, penso que teño un estilo bastante oblicuo, indirecto, e na narrativa tamén. Hai moitas cousas que non digo explicitamente nas miñas obras.

Cando é un encargo hai un marco ao que tes que “asaldarte“. Neste caso había que cinguirse á extensión, moi curta, e eu mesmo pensei na maqueta no que iría. Neste aspecto sempre me gustou seguir na medida do posíbel ese encargo. Despois o marco temporal.

Entendo que nós vivimos na Galiza mais a nosa realidade está atravesada por moitas situacións que ocorren noutros lugares. Hai tempo que quería escribir sobre a situación das maquías, a situación das empresas que traballan noutros lugares do mundo e fan produtos que nós utilizamos. Quería falar de algo que é unha situación descoñecida. Moitas veces fixámonos nos dereitos e nas situacións das persoas que están próximas e ignoramos, ao non contalo ninguén, situacións que afectan en realidade a nosa vida. 

Entendo que nós vivimos na Galiza mais a nosa realidade está atravesada por moitas situacións que ocorren noutros lugares

—Ese tema parte da actualidade máis recente?
Agora, a guerra e a pandemia puxeron de manifesto que o sistema capitalista non é funcional. A globalización e situacións que se daban por supostas en realidade distorsionan a vida da xente. Estámolo vendo nestes momentos que faltan algúns produtos. Xa era un tema que me preocupaba por ter oportunidade de escoitar algunhas historias desde dentro e quería contalas. Creo que as mesmas reivindicacións que temos aquí deberiamos telas para outros lugares.

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios