Audasa agarda obter da AP-9 6.500 millóns de beneficios entre 2024 e 2048

A AP-9 é unha das vías de pagos máis rendíbeis do Estado español, até o punto de xerar desde 1979 uns beneficios de 1.133,5 millóns de euros e uns ingresos en concepto de peaxes de 3.739,9 millóns para os seus propietarios. Porén, a Comisión Europea reclama o remate da concesión por considerala ilegal.

EuropaPress_2671423_puente_rande_vigo(1)
photo_camera A ponte de Rande, sobre a ría de Vigo, é o viaduto máis longo da Autoestrada do Atlántico. (Foto: Europa Press).

A AP-9 é unha das autoestradas estatais máis rendíbeis. A vía, cuxas obras comezaron na década dos 70 e percorre a fachada atlántica do país entre Ferrol e a fronteira portuguesa até sumar 178 quilómetros, ten como titular Audasa, propiedade de Itínere, un consorcio formado por fondos de investimentos europeos e estadounidenses. A estrada aparece como unha das vías de xestión privada máis rendíbeis do Estado, até o punto de que a concesionaria agarda uns beneficios de máis de 7.600 millóns de euros até 2048, ano de remate da autorización administrativa de explotación da vía.

Os resultados presentados por Audasa sobre 2023 confirman ese suposto. As contas rexistradas pola compañía na Comisión Nacional do Mercado de Valores indican que obtivo un beneficio neto de 82,5 millóns, o que supón un crecemento de 24,9% en comparación coas ganancias da anualidade anterior. Neste sentido, recollen que a compañía ingresou por peaxes 192,5 millóns de euros, polo que o resultado de explotación medrou en 19% en relación co ano 2022.

Audasa leva recadado desde 1979, ano de apertura ao público do primeiro tramo da Autoestrada do Atlántico, en concepto de peaxes 3.739,9 millóns de euros. A este respecto, a AP-9 é unha das vías de pago de toda a rede viaria estatal cunhas portaxes máis elevadas, malia recibir a súa concesionaria axudas públicas a conta dos orzamentos do Estado co obxectivo de rebaixar o custo para os seus usuarios e usuarias. Só por este concepto, no ano 2023 a compañía recibiu do Ministerio de Transporte e Mobilidade Sustentábel 33 millóns de euros.

A AP-9 achegou a Audasa desde a súa entrada en funcionamento beneficios de 1.133,5 millóns. A compañía non presentou resultados negativos en ningún exercicio desde 1993, mesmo en 2020, ano onde a actividade económica e a mobilidade foron golpeadas pola pandemia, a concesionaria obtivo unhas ganancias de 33,7 millóns de euros, após recadar en concepto de peaxes 127,9 millóns de euros. A este respecto, Audasa agarda obter da AP-9 uns beneficios de 6.500 millóns de euros entre 2024 e 2048, ano de remate da autorización de explotación da vía.

Os resultados económicos de Audasa víronse favorecidos polas diversas prórrogas da concesión outorgadas polo Executivo español. A primeira delas foi aprobada polo Goberno estatal de Felipe González (PSOE) en 1994 e amplioulle a Audasa o prazo de explotación en 10 anos até 2023. A segunda, asinouna no ano 2000 o Gabinete de José María Aznar (PP), que aumentou a duración da concesión até 2048. No caso de non terse autorizada ningunha destas prórrogas a AP-9 estaría libre de peaxes desde a anualidade de 2013, data de remate da concesión outorgada polo Executivo de Francisco Franco en 1973.

A legalidade das prórrogas

A prórroga concedida polo Goberno de Aznar a Audasa para continuar coa explotación da AP-9 até 2048 é obxecto dun expediente investigador aberto pola Comisión Europea en setembro de 2021. As autoridades comunitarias consideran ilegal a ampliación da concesión porque “incumpriu as obrigas que lle atinxen en virtude das normas de contratación pública da UE”, que estipula que “a prórroga dun contrato de concesión equivale a unha nova concesión, que só pode adxudicarse mediante licitación”. Nesa dirección, demanda ao Executivo español a restaurar a legalidade co fin de “garantir a correcta aplicación das normas da UE en materia de contratación pública e contratos de concesión”.

As disposicións fixadas no expediente comunitario coinciden coas advertencias formuladas en 2020 polo Consello Consultivo da Galiza. No seu informe de 2020 sinala a “improcedencia deses incrementos extraordinarios aprobados como compensación polas obras de ampliación”. A Comisión Galega da Competencia, nun informe de 2021, tamén dubida da legalidade do tempo de concesión e significa que “a última ampliación modificou o prazo máximo de duración destas concesións que era de 50 anos ao de 75 anos”.

Antonte a Comisión Europea avanzaba un chanzo máis no procedemento incoado en 2021 e abría un expediente sancionador contra o Estado por ampliar a concesión da AP-9 até 2048, non aplicando adecuadamente os procedementos de licitación na ampliación da concesión de vías de alta capacidade, que estabelecen a igualdade de trato dos operadores económicos interesados en participar nos procedementos de contratación e o respecto da obriga de transparencia nos procesos.

A Xunta pide transparencia e o BNG anuncia "ofensiva"

As reaccións políticas a esta decisión sucedéronse na xornada de onte. A este respecto, o Goberno galego, a través, da conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, urxiu ao Executivo do Estado "transparencia" sobre o novo expediente aberto por Bruxelas pola prórroga da concesión da AP-9 e reclamou "comunicación" para saber "exactamente" que requirimentos foron feitos.

O deputado do BNG Luís Bará avanzou “unha ofensiva institucional” da súa formación para reclamar anular a concesión da AP-9, asumir a xestión directa polo Estado e o seu traspaso á Galiza e suprimir as peaxes "abusivas". Así, onte, o BNG rexistrou unha iniciativa no Parlamento da Galiza para que o Estado inicie os trámites para anular a prórroga de 25 anos.Pola súa parte, o alcalde vigués, o socialista Abel Caballero, afirmou onte que considera o expediente aberto pola Comisión Europea como “unha grande ocasión” para conseguir a gratuidade da vía.

Audasa exixira 1.034 millóns no caso de rescisión da concesión da AP-9

O procedemento incoado pola Comisión Europea contra Goberno español pola ampliación da concesión de AP-9 avanza un duro litixio. A unha banda, o Executivo de Sánchez debe responder ás demandas das autoridades comunitarias que reclaman o remate da concesión. Por outra, enfrontan as esixencias de Audasa, que en maio de 2023, ameazou ao Estado con reclamar unha compensación por responsabilidade patrimonial de 1.034 millóns de euros no caso de perder a xestión da AP-9.

A compañía titular da concesión da Autoestrada do Atlántico aseguraba naquela altura, nun escrito dirixido á Comisión  Nacional do Mercado de Valores, que “calquera medidas que puidese contemplar a modificación ou remate do vixente contrato de concesión por causa non imputábel a Audasa e por razóns de interese público, implicaría en todo caso e conforme á lexislación vixente o dereito de Audasa a ser debidamente indemnizada".

O xurista Xoán Antón Pérez Lema, socio director de Pérez Lema avogados e consultores, sinala a Nós Diario que a prórroga da concesión acordada polo Goberno de José María Aznar no ano 2000 “vulnera o disposto pola lexislación europea na concesión dos servizos públicos, que debe ser un proceso aberto e con  concorrencia pública”. Neste sentido, lembra o disposto “na Directiva de Servizos en vigor desde 2008” e destaca que “é unha prórroga absolutamente abusiva en relación cos prazos fixados inicialmente no momento da concesión”.

Comentarios