Relatan...Nós

Francisco Castro: "Desde a literatura temos que contribuír a amosar á sociedade os perigos da ultradereita"

Nós Diario achega esta quinta feira ás lectoras e lectores o relato Angelito, da autoría de Francisco Castro. O escritor vigués e director da Editorial Galaxia participa con este texto da colección de relatos Relatan... Nós, que acompañará este xornal no mes de xuño para celebrar os dez anos de Sermos Galiza SA, empresa editora deste xornal. Castro afonda en Angelito no tema que máis lle preocupa nestes momentos: o ascenso da ultradereita. Esta cuestión tamén é un dos argumentos da súa primeira obra de ensaio, Isto SI é un home. Unha mirada masculina contra o patriarcado (Galaxia, 2022).

O escritor e director da Editorial Galaxia, Francisco Castro (Foto: Judith Cendón).
photo_camera O escritor e director da Editorial Galaxia, Francisco Castro (Foto: Judith Cendón).

Que lle pareceu a iniciativa de convidar a escritoras e escritores para que expliquen temas actuais desde un punto de vista literario?
Pareceume unha grandísima iniciativa. Hai que celebrar os dez anos dun milagre como é a existencia dun vehículo de comunicación única e exclusivamente en lingua galega durante todo este tempo. Xuntar, como é este caso, un grupo de autoras e autores para celebralo desde a ficción é unha gran nova.

Que papel deben xogar os medios de comunicación na difusión da literatura actual?
Creo que deben xogar un papel fundamental. Non serve de nada que as escritoras e os escritores escribamos libros fantásticos e marabillosos se os medios de comunicación despois non nos dedican espazo para que poidan chegar á xente. A súa participación, polo tanto, é crucial. 

Gusta do formato do relato para contar historias?
Para min é un dos xéneros máis agradecidos para un escritor e tamén un dos máis difíciles de levar a cabo. Sobre todo para os que somos novelistas e nos gusta ter páxinas infinitas para contar algo.

O relato é un formato agradábel de ler, agradábel de escribir e gustaríame que o meu relato conseguise aquilo que dicía Cortázar de que, unha vez que rematas a lectura, xa non es o mesmo.

No relato que publica Nós Diario aborda o ascenso da ultradereita. Xa ten tratado anteriormente.
Si, agora mesmo o ascenso da ultradereita é o tema que máis me angustia. Sobre todo a impunidade absoluta coa que se está impondo un relato fascista na sociedade que fai que cada vez, e con máis naturalidade, este tipo de propostas ocupen máis espazo nas institucións. 

O nivel de retroceso que se albisca aí realmente tenme moi preocupado. Por iso creo que tamén desde a literatura temos que contribuír a amosarlle á sociedade os posíbeis perigos de darlle opcións políticas a esas tendencias.   

En xeral, as escritoras e os escritores, intelectuais e académicos así como toda a xente da cultura está excesivamente calada diante do ascenso fascista.

Daquela considera que a sociedade precisa desa implicación da intelectualidade galega para visibilizar ese e outros problemas?
Por suposto. Como explico no meu primeiro ensaio e último libro Isto SI é un home. Unha mirada masculina contra o patriarcado, creo que, en xeral, a intelectualidade galega está moi calada fronte á ultradereita. Sei que pode ser polémico que diga isto mais quero insistir que, en xeral, as escritoras e os escritores, intelectuais e académicos así como toda a xente da cultura está excesivamente calada diante do ascenso fascista. Cada un e cada unha saberá como se quere posicionar.

Cal é a razón dese silencio?
Creo que cada un terá que responder no seu momento sobre cal é a razón dese silencio. Ao igual que nós estamos preguntando agora á xente que foi moza durante o franquismo se estaban daquela pelexando polo cambio político ou se estaban tranquilamente na súa casa rañando a barriga, creo que nuns anos preguntaranlle a moita xente da cultura galega que estaban facendo cando a ultradereita subía. 

Eu, desde logo, sei que responderei que estiven pelexando contra eles. Cada un que responda dos seus actos.

Comentarios