Relatan...Nós

'Nós Diario' compila unha colección de relatos que revisan unha década

Sermos Galiza fai dez anos. Ao longo de toda unha década publicamos noticias, opinións, análises... É hora, pois, de facer unha interpretación literaria dese período. Iso é Relatan... Nós, un conxunto de 18 textos inéditos e ilustrados para ofrecer unha outra interpretación, alén da xornalística da nosa realidade.
Durante o mes de xuño, 'Nós Diario' agasalla unha colección de textos literarios. (Ilustración: Álex Rozados)
photo_camera Durante o mes de xuño, 'Nós Diario' agasalla unha colección de textos literarios. (Ilustración: Álex Rozados)

O 8 de xuño de 2012 saía á rúa o primeiro número de Sermos Galiza. O editorial daquela primeira entrega remataba subliñando que “a información, con vagar, pode alimentar ideas novas, pode remexernos por dentro e animarnos á acción. Pode darnos esa efervescencia que nos manteña en pé”. Dez anos despois, a sociedade mudou, a circunstancia é outra e, desde logo, as ideas novas non deixaron de abrollar.

Para celebrarmos os dez primeiros anos deste proxecto, Nós Diario agasallará ao público lector durante o mes de xuño con dezaoito textos literarios inéditos -relatos e poemas- que teñen como fío en común a presenza do noso xornal na actualidade da última década.

Marilar Aleixandre, Francisco Castro, Marica Campo, Suso de Toro, Fina Casalderrey, Lois Diéguez, Berta Dávila, Víctor Freixanes, Rosalía Fernández Rial, Xosé Iglesias, Olga Novo, Xavier Queipo, Emma Pedreira, Manuel Rivas, María Reimóndez, Séchu Sende, Eli Ríos e Xurxo Souto representan Relatan...Nós, unha selección das mellores letras que o noso país pode ofrecer e, sen dúbida, contribuirán a enriquecer aínda máis a lectura de Nós Diario durante estes días.

O morcego branco, de Marilar Aleixandre, inaugura a colección, un relato O morcego branco, de Marilar Aleixandre, inaugura a colección, un relato sobre condicións de traballo noutros países, condicións laborais nas que traballa unha boa parte da sociedade, pano de fondo no que se debuxan as inxustizas. Ao día seguinte chegará Angelito, de Francisco Castro, que debulla outras ameazas: o machismo, o ascenso da ultradereita, os retrocesos que se seguen dando no plano da igualdade.

O terceiro relato, As sombras chinesas do tempo, de Marica Campo, desenvólvese entre as sombras dunha memoria histórica que continúa a permanecer oculta -e ocultado- en moitos dos seus detalles máis sórdidos.

Son só tres exemplos de como a creación literaria bebe dunha actualidade que serve de punto de partida para unha reflexión sobre as chaves da nosa sociedade. Lugares de análise da realidade onde Nós Diario estivo ao longo de toda esta década.

Con esta colección, Nós Diario ofrece un conxunto de 18 textos ilustrados para mostrar unha interpretación literaria da Galiza da última década, que vai alén do xornalístico e que é proba da potencia creativa do noso país.

Comentarios