Relatan...Nós

Fina Casalderrey: "A solidariedade real, sen intereses, adoita chegar no lado dos que pouco ou nada teñen"

Fina Casalderrey (Pilarteiros, Santo André de Xeve, Pontevedra,  1951) é a escritora que participa hoxe na colección 'Relatan... Nós' co texto Unha araña vermella. A autora conversa con Nós Diario sobre a historia que conta nel e a reflexión que lle acmpaña sobre o papel dos medios de comunicación nestes tempos actuais tan convulsos. 
A escritora Fina Casalderrey afonda na creación de noticias no relato que publica hoxe 'Nós Diario'. (Foto: Distrito Xermar).
photo_camera A escritora Fina Casalderrey afonda na creación de noticias no relato que publica hoxe 'Nós Diario'. (Foto: Distrito Xermar).

Que lle pareceu a iniciativa de publicar relatos lembrando os dez anos de Nós Diario?
Antes de nada, parabéns polo percorrido e por esta iniciativa de agora. Facer unha publicación integramente en galego e ser quen de sobrevivir a unha década é, non só moi loábel, senón motivo de esperanza, unha festa para a lingua.

Celebrar, ademais, a palabra escrita poñendo ás a diferentes historias creadas libremente pola imaxinación de autores e autoras do país, é coma encher de pirotecnia de cores as páxinas do xornal. Súmome, pois, a esta homenaxe. 

O seu relato fala da vida e tamén do xornalismo, de que non todo vale para transmitir unha noticia. É unha tarefa difícil nos tempos actuais?
A guerra en Ucraína só foi unha excusa para situar o relato na actualidade. As guerras, todas, son sempre atroces e inxustas para a poboación que as sofre; pretendín facer unha pequena reflexión sobre o feito de que non todo vale para chamar a atención do receptor dunha noticia, hai unha deontoloxía escrita nas nosas conciencias que nos fai dar cos límites dos nosos actos.

Precisamente, a única obxectividade que pode mostrar o ser humano á hora de contar o que ve, é a honestidade: contalo desde o seu ángulo. Pero, claro, o morbo "vende" e tenta. 

Non hai máis ca fixarse cando nos preveñen de algo que nos van mostrar: "Advertímoslle que as imaxes que veñen deseguido poden ferir a súa sensibilidade", unha maneira eficaz de reclamar a nosa atención.

E o que me parece rotundamente inaceptábel é incitar adrede á devandita curiosidade enfermiza; poño por caso, provocando a caída dun refuxiado cunha cambadela para que a foto teña máis impacto. Persoalmente, no seu día, conmovérame moito a historia de Omayra Sánchez, á que se alude no relato. 

Situacións extremas como a pandemia ou a guerra deixaron en evidencia moitas inxustizas na nosa sociedade que antes semellaban inexistentes? 
As catástrofes sempre destapan inxustizas que se agravan coa nova situación. Nun naufraxio, os que primeiro se ven son os corpos que aboian na superficie... Negocios de máscaras, xeles, armas... Nestas situacións volven agromar novas fortunas e, loxicamente por cada novo rico, moitos máis pobres. Destápase a miseria humana tanto dos que cometen esas irregularidades coma dos que as permiten.

A solidariedade real, sen intereses, adoita chegar no lado dos que pouco ou nada teñen. Estas cousas, sobre todo as que teñen orixe no propio ser humano, provocan un sentimento de impotencia e desencanto na poboación en xeral.

Sabemos de corrupcións a grandes niveis, de ilegalidades demostradas que quedan impunes... Hoxe é máis doado, para ben (menos valos de censura) e para mal (as fake news circulan á par das informacións veraces), que polas redes sociais nos chegue información que doutro xeito non coñeceriamos. 

Porén, creo aínda no ser humano, e non sei se desde esa inxenuidade que me contaxiou o feito de estar corenta anos rodeada de nenos e nenas, non quero perder a cripta dos soños, da utopía. O mundo non está ben, pero podemos cambialo.

Que parte de culpa temos as persoas que lemos e seguimos os medios de comunicación, ou votamos por determinadas opcións políticas que, en ambos casos, normalizan as inxustizas? 
Cando lemos un xornal, escoitamos unha emisora de radio..., aínda que lle oculten a cabeceira, intuímos axiña de cal se trata.

En todo caso, convén ter a cabeza "educada" para fuxir da manipulación, sentírmonos libres á hora de escoller o que e como lemos ou a quen votamos, pero sen obviar o compromiso e a responsabilidade de berrar tan alto as inxustizas coma os goles. O ideal sería que ningún medio dependese de subvencións, só dos lectores e lectoras. 

Comentarios