Relatan...Nós

Marica Campo: "Todas temos libros agardando a ser lidos, mais o que nos chega na prensa lémolo enseguida"

Marica Campo (Val do Mao, O Incio, 1948) participa esta sexta feira con 'As sombras chinesas do tempo' da colección de relatos 'Relatan... Nós' que este xornal achega ás lectoras e lectores durante o mes de xuño. Cunha extensa traxectoria en poesía, narrativa, teatro e traducións, Marica Campo ten publicado en numerosos proxectos colectivos. No eido do relato a súa última colaboración foi en Entre donas (Baía Edicións, 2020). Galardoada en varias ocasións, gañou o Premio de poesía Fiz Vergara Vilariño en 2001, o Premio da Asociación de Escritores en Lingua Galega de Poesía en 2008 e o Follas Novas do Libro Galego en 2020. Ademais, foi homenaxeada no pasado Salón do Libro de Pontevedra.
A escritora Marica Campo, nun coloquio co alumnado do IES Manuel García Barros da Estrada. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A escritora Marica Campo, nun coloquio co alumnado do IES Manuel García Barros da Estrada. (Foto: Nós Diario)

—Que lle pareceu participar nesta colección de relatos?
Pareceume moi ben a idea. Cando me convidan, sempre que a causa me convenza, adoito aceptar. Así que encantada. Ademais, é unha oportunidade de escribir unha historia. Eu son moito de escribir baixo presión e motívame este tipo de iniciativas.

—Pedíuselle interpretar de maneira literaria a realidade collendo como marco temporal este últimos dez anos. Foi difícil?
Penso que todo é posíbel. Certo que tiña que ser algo que acontecese nos últimos dez anos aínda que logo collas cara a atrás. O pasado está contido, dalgunha maneira, no presente. É posíbel e é ese o reto precisamente.

—Como artellou este relato en concreto que se publica en Nós Diario?
Desta vez quixen facer unha especie de parodia dun feito acontecido no ano 2021 e que é transparente aínda que estea camuflado. Tamén quixen ver como na nosa vida todos os acontecementos ou moitos deles polo menos, dalgunha maneira, pétanos no rostro cando menos o esperamos. Esas casualidades non o son tanto, en realidade son máis causalidades.

—Que opina da prensa como transmisora de literatura publicando obras na súas páxinas?
Paréceme moi ben. É unha maneira de achegala á xente. Todas temos nas nosas casas, moitas veces, unha serie de libros agardando para ser lidos mais o que nos chega na prensa diaria lémolo enseguida. Coido que é necesaria a implicación da prensa. Partindo do que podemos ler na prensa podemos ter outras conexións. 

—Ten tratado moitos ámbitos da literatura, desde a narrativa até a poesía. Como enfocou agora o relato?
Certo é que o relato ten un espazo moito maior de liberdade que cando escribes un artigo puramente xornalístico. O relato ten que ser máis redondo, máis completo diría eu. Teñen que ser, desde logo, historias circulares.   

—Como valora a súa extensa traxectoria literaria até o momento actual, con numerosa obra publicada e varios galardóns recibidos?
A miña obra, aínda que pareza como continua, non o é. Valóroa como moi a saltos. No transcurso da miña vida sempre se meteron polo medio outras propostas e o tempo, ao fin e ao cabo, é o que é. Considero que tiña que ter feito moito máis desde o punto de vista da obra persoal. Recoñezo que me pasei a vida acudindo a unha serie de chamadas que me fixeron: presentacións, pregóns, prólogos... e que me sentín obrigada a facer.

—Ten pensado algún proxecto para realizar no futuro inmediato?
Hai unha novela que me reclaman que faga. Tería que ser, iso si, longa. No argumento contaría, xa sabes que inventar non inventamos nada, en todo caso recombinamos experiencias sexan de lecturas, da propia vida ou da historia familiar. Cada vez sinto que me queda menos tempo e non sei se a chegarei a facer. Tamén querería realizar un libro unitario de poesía aproveitando moitos poemas que teño gardados dos últimos anos. Facer algo completo. Dubido de se sei o que é a literatura, do que é a poesía e de todo. Non é por estar nun estado pesimista. Á volta de tanto tempo relativizas. 

Comentarios