Os actos para non perderse na conmemoración do 25 de Abril na Galiza

Entidades, institucións e cidadanía a título persoal súmanse esta cuarta feira ao 50º aniversario da Revolución dos Cravos de Portugal. Na capital galega, máis de 900 persoas incribíronse para cantar de maniera conxunta o Grândola, Vila Morena. 
O grupo Couple Cofee; Odilio G. Carneiro xunto á deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González; e Roberto Sobrado Grupo. Abaixo, Nemésio Barxa e Elvira Souto; a xornalista Tareixa Constenla; e Luís Pastor xunto a Uxía (Fotos: Nós Diario e Arxina).
photo_camera O grupo Couple Cofee; Odilio G. Carneiro xunto á deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González; e Roberto Sobrado Grupo. Abaixo, Nemésio Barxa e Elvira Souto; a xornalista Tareixa Constenla; e Luís Pastor xunto a Uxía (Fotos: Nós Diario e Arxina).

Múltiples actividades na Galiza conmemoran esta cuarta feira, 25 de abril, a Revolución dos Cravos de Portugal no seu 50º aniversario. Palestras, concertos, libros e cinema achegarán á cidadanía o significado desta data en varios puntos do país. En realidade, alén da mesma xornada, a efeméride lémbrase durante todo este mes. Foi o caso do acto que decorreu o pasado 18 de abril no café cultural Auriense que reuniu en Ourense (comarca homónima), entre outros, ao cofundador da entidade, Nemésio Barxa, e a dirixente do nacionalismo galego exiliada en Portugal en 1975, Elvira Souto. 

Para o presidente de Associaçom José Alfonso (AJA)-Galiza, Odilo G. Carneiro, en declaracións a Nós Diario, explica o éxito de convocatoria desta data no país. "Foi un día moi reclamado pola xente, desde antes mesmo de que iniciáramos a nosa andaina como entidade en 2018”. Neste sentido, lembra a Nós Diario que outras asociacións e persoal a nivel individual seguían facendo actos. “A revolución de Portugal como pobo irmán  quedou moi impregnada na Galiza e nótase pola cantidade de actos que se realizan”, asegura, “é o espírito do 25 de abril que se renova cada ano para dicir que nunca máis queremos fascismo”, engade. Neste sentido, observa que hai moitas persoas que lembran "á súa maneira" o significado do comezo da democracia no país veciño. "Non son poucos os escaparates que vin estes días con recursos e decoración que evidencian o apoio e a lembranza desta revolución", confirma.  

A importancia inicial para a Galiza do 25 de Abril    

Elvira Souto lembra para Nós Diario aquela noite de hai 50 anos como “a da esperanza”. Considera que para a Galiza foi moi importante “dentro dun contexto internacional de grandes loitas, desde a chegada de Allende ao goberno de Chile até as accións que se desenvolvían en Palestina, esta última  que infelizmente segue de actualidade”. O país vivía unha ditadura que se defendía con grandes mobilizacións, “sobre todo en Ferrol e Vigo”, unha situación que Souto entende que é “difícil de explicar e relacionar co que acontece hoxe en día”. Lembra que a noite do 24 ao 25 de abril de 1974 foi unha das que saíu para realizar pintadas, primeiro na Coruña e despois no norte de Portugal, para celebrar a caída do réxime político ditatorial máis lonxevo de Europa. “Abriunos as portas para ter moitas das cousas que nos estaban vedadas, entre as máis importantes estaba un aparato de propaganda e un lugar onde poder refuxiarnos da represión franquista”. 

Nemésio Barxa fai memoria para Nós Diario do significado daquel momento. Coincide en sinalar que a relevancia do 25 de abril para a Galiza ten que ver coa sensación de que ese día confirmaron que "as ditaduras non eran eternas, podían caer". Ademais, tras esa data o desenvolvemento do soberanismo "contou cun apoio importante ao outro lado da fronteira". Barxa lembra grandes actos políticos que se podían realizar en Portugal cando estaban prohibidos na Galiza "e mesmo a intensificación da relación institucional con outras formacións políticas despois daquela data".

Cincuenta anos despois

“Portugal e a Galiza era unha continuidade, non como agora mesmo despois da terríbel campaña contra esta relación que se fixo durante os anos 80 e 90”, admite Elvira Souto. Esta activista considera que ese momento histórico “de esperanza, non pasou sen deixar pegada” e, cincuenta anos despois, “hai que renovalo constantemente, máis cando os tempos se endureceron moito”. Por este motivo, alenta a poboación para que “recupere aquel espírito primeiro de apoiar causas xustas, como a do pobo palestino ante o xenocidio na actualidade”.  

A relación entre a Galiza e Portugal, a nivel institucional, pode mudar nos últimos meses, como lembra Nemésio Barxa. "Había unha proposta en firme do Goberno portugués por comunicar por tren Lisboa coa Galiza, a través do Porto", indica, "e agora coa mudanza política das últimas eleccións e a entrada da dereita perdemos unha gran oportunidade, o proxecto definitivo pode virar para favorecer unha mellor comunicación con Madrid", engade.   

En opinión de Odilo G. Carneiro, "nos tempos actuais os ventos non se aclararon moito e, sendo xeneroso, existen trazos de fascismo". Con todo, "o valor do 25 de abril e o seu significado segue vivo no pensamento de que unha mudanza é posíbel desde abaixo". Como noutras edicións da conmemoración da Revolución dos Caraveis, a música será o eixo principal do seu acto central na capital galega. Porén o responsábel de AJA-Galiza ten claro que "hai que afondar máis no pensamento e na traxectoria de figuras como o Zeca Afonso". Desde a súa fundación, a entidade que preside quixo realizar unha función evidente de "ponte cultural entre a Galiza e Portugal", unha idea que "tamén está presente noutras asociacións do país por ser un sentimento común nas galegas e nos galegos de que se nos coñeza máis en Portugal e viceversa". 

Compostela acollerá o "Grândola" máis concorrido 

Esta cuarta feira a axenda de actos para conmemorar o 50º aniversario da Revolución dos Cravos comeza pola mañá en Compostela cos actos que acolle a facultade de Filoloxía, que do 23 de abril ao 8 de maio desenvolverá un amplo programa. Máis tarde, co apoio do Concello, a praza da Música ás 18.30 horas, acollerá o canto colectivo de "Grândola, Vila Morena" para o que se inscribiron máis de 900 persoas. Ás 20.30 horas, a conmemoración continuará no Teatro Principal co concerto '50 anos de abril' no que participarán o dúo Couple Coffee ademais de Nacho Muñoz, Faia Díaz e Lar Legido co feche a cargo do dúo Nara e Manuel. Na Coruña, a convocatoria para cantar o "Grândola, Vila Morena"  será no Obelisco, (19 horas) e en Vigo, coa participación do Orfeón mariñeiro do Berbés, será na praza de Almeida ás 20.30 horas.

No Carballiño, na tenda de OZocoGZ, presentarase o novo disco de Roberto Sobrado Grupo (19.30 horas) e na cidade de Ourense, o Café cultural Auriense contará cunha  festa musical (20.30 horas). Ademais, o Auditorio da Illa de Arousa (O Salnés) proxectará o filme Linha Vermelha, de José Filipe Costa (20.30 horas). Por último, esta sexta feira ás 19 horas presentarase na sede de Afundación, en Santiago, o libro Abril é un país (Kalandraka, 2024), de Tereixa Constenla, e o 27 de abril actuarán no Auditorio da IIla de Arousa, cantarán Uxía, Luís Pastor e o dúo Couple Coffe (20 horas). 

Comentarios