Xurxo Souto: "A mensaxe central do meu relato é que A Coruña e Vigo son a mesma cidade: a cidade do mar"

Xurxo Souto e a obra Vigocoruñenta fechan hoxe a colección Relatan... Nós. O escritor e músico achega, en conversa con Nós Diario, unha visión contemporánea das cidades de Vigo e A Coruña xunto á súa relación co mar. 
O músico e escritor Xurxo Souto, coa súa característica buguina, nunha actuación (Foto: Nós Diario).
photo_camera O músico e escritor Xurxo Souto, coa súa característica buguina, nunha actuación (Foto: Nós Diario).

No seu relato hai un encontro entre a cultura do mar e o rock. Que teñen en común?
Son dúas expresións da cultura popular. Os barcos están cheos de música. Poderiamos facer documentais sobre as tripulacións nas que están enrolados moitos rapaces que fan Rock’n Roll. Lembro un grupo que se chamaba Os Centolos, que tiña problemas para ensaiar precisamente por ter que adecuar os horarios dos ensaios cos horarios da marea. 

Hai unha relación moi profunda. Temos un referente que é Tonhito de Poi, que ten un pasado como traballador do mar.

Os bares tamén son punto de encontro nas dúas grandes cidades galegas.
No relato quero dicir que os bares da Coruña son os mesmos que os de Vigo. Levamos décadas de distanciamento, de tópico, de odio profundo entre A Coruña e Vigo. No relato pretendo demostrar  que son a mesma cidade e é polo mar. 

Son dúas cidades de familias traballadoras que foron das aldeas á beira do mar para buscar o seu sustento. Demóstrase nas baiucas, nos bares. O Chicote da Coruña é cuspidiño ao Xerriño en Vigo. Para min é fundamental desmontar esa cosmovisión localista de odio interesado polas elites locais entre A Coruña e Vigo, demostrando que somos a mesma cidade, a cidade do mar. É a mensaxe central deste relato. A Coruña e Vigo é a chave, é a subversión.

Que futuro teñen eses lugares coa chegada da nova hostalaría? 
Estou convencido de que, aínda que aparentemente estes bares están desaparecendo, triunfarán sempre. Son os que ofrecen alta hostalaría. Estes bares puntuais de fornica e deseño non poden cos que conviven varias xeracións de persoas. Alén da propia hostalaría, está a música e serán os que se manteñan sempre. Citei o Chicote mais está o mítico pub Nós, na ribeira do Berbés, dedicado a este xornal. Son os lugares que triunfan e seguirán triunfando sempre, son o auténtico referente de futuro. Os demais pasarán.   

Falta dar máis importancia ao mar, por exemplo, no ensino? 
Para o conxunto das institucións galegas, incluída a Educación, o mar non existe. É o gran paradoxo. Este país naceu do mar, no mar ten que ter o seu futuro. O mar non se pode levar cando a Citröen ou Inditex poden deslocalizalas cando queiran, mais ninguén nos fala do mar, nin no ensino nin nos medios de comunicación.

A razón, probabelmente, é que vivimos nun Estado que ten a súa capital, Madrid, máis lonxe do mar que a do resto de Estados europeos. Mesmo Viena, en Austria, capital dun Estado interior, está máis perto do mar que Madrid. 

O discurso que sempre recibimos é que somos periferia, mais nós somos o centro do mar. O día que poñamos en valor, vía investimento económico, esa realidade e que A Coruña e Vigo son a mesma cidade, este país avanzará en riqueza e en posibilidades de desenvolvemento económico. É a chave de todo. O que pasa é que estamos nunha conxuntura na que nos tratan como un país marxinal cando somos centro.

Como se podería mudar ese distanciamento co mar? 
En Rotherdam, Holanda, os peiraos miden 80 quilómetros. E, desde os ollos do mar, Vigo e A Coruña son exactamente o mesmo. Que máis lle dá a un mercante repór gasoil na Coruña que en Vigo? Diante diso está o paradoxo do localismo e de que os portos dependan do Estado español, non da Xunta da Galiza. A xente do interior sabe o que pasa en Nova York e non o que pasa a cen quilómetros da súa casa. 

Faltan aspiracións e discurso en todos os partidos políticos. Na Xunta debería de haber unha Vicepresidencia do Mar. Se nos educan como terrícolas parece que o mar non existe, cando é o único futuro. As mulleres do mar deberían ser as heroínas da nosa cultura e facer series sobre elas como grandes cultivadoras da excelencia en chave ecolóxica. Daquela habería traspaso xeracional. Son un modelo a seguir. Por iso a protagonista do meu relato é unha muller.  

Comentarios