Xosé Iglesias: "O futuro dos mariñeiros e do mar é o que comento no meu relato: máis sombras que luces"

Xosé Iglesias (Cee, 1974) é poeta e mariñeiro, patrón e armador do buque Primero Vilar na Coruña. A súa obra xira ao redor do seu amor ao mar, como acontece co seu último libro Nacións mar (Editorial Bululú, 2021). Iglesias participa na colección Relatan... Nós co texto A morte das Noctilucas, centrado tamén na contorna mariña e os problemas que ten na actualidade. Sobre estas cuestións reflexiona en conversa con Nós Diario.  
O escritor, poeta e mariñeiro Xosé Iglesias leva o mar no sangue (Foto: Distrito Xermar).
photo_camera O escritor, poeta e mariñeiro Xosé Iglesias leva o mar no sangue (Foto: Distrito Xermar).

A súa achega á colección Relatan... Nós semella unha reflexión persoal sobre a súa profesión.
Afortunadamente ou desgrazadamente pertenzo á Galiza ancestral mariñeira, algo que vivín intensamente desde pequeno e que construíu en min esas raíces para chegar até o que son: un patrón de pesca mariñeiro.

Non é nada casual e síntome tremendamente orgulloso de que, cando se fale de remo ou arado, proa e rella, as miñas mans, o meu corpo, a miña suor estean totalmente amarradas e firmes á nosa tradición e a un dos nosos oficios máis intensamente galegos. Por iso, teño presente sempre o mar, porque del vivo, como viviron os meus antepasados. Por iso teño que contalo, porque o quero, e porque non sei outra forma de vivir que non sexa esta. 

Introduce a nostalxia dun mundo que xa non existe. Teriamos que dar "marcha atrás", dalgunha maneira, para recuperalo?
O mundo avanza e nós temos que ir con el, iso está claro. Non se nos ocorrería voltar ao Gran Sol a pescar co sextante como único instrumento náutico para obter a nosa situación, nin as nosas redes xamais volverán ser de algodón.

Hai cousas que por moito que nós queiramos facelas ben, como andar co regulamento en redes, horarios e peixes…. están a mudar por si soas. Como é o tema do cambio climático e o cambio de pH nas augas mariñas. Teríamos que paralizar o mundo enteiro para que o dióxido de carbono deixase de acumularse nos océanos. 

En xeral creo que os mariñeiros galegos estamos bastante concienciados e que queremos un futuro para as vindeiras xeracións. Pero está claro que é un futuro moi incerto, e bastante afasttado daquela Galiza onde xa desde terra se divisaban as croas de sintolas, ou a ribeira estaba chea até os topes de ourizos mariños, por dicir dous exemplos.

Falta concienciación da xente e das Administracións na situación actual do mar?
Lembro cando comecei a traballar no mar de pequeno. Cando mudaba o patrón o aceite do motor, este ía directamente ao océano. Tamén o lixo dos nosos pesqueiros. Hoxe en día isto sería unha loucura. Ninguén sae a traballar para contaminar o seu medio de vida, senón que o que se procura, ante todo é coidalo.

Traendo para terra as redes vellas, as nasas que xa non serven, tirando pola borda especies ovadas e pescando con mallas que non collen peixes inmaduros. Debería ter esa sensibilidade a Administración mais todo o que fai e pór atrancos e máis atrancos no noso camiño. 

Debería loitar por conseguir cota de peixe para os nosos barcos, mais as cotas son cada vez máis pequenas  e as  frotas artesanais están atadas de pernas e mans. Se realmente importara este sector estratéxico para a nosa economía debería loitar máis por el.

Menos inspeccións e máis axuda. Nós saímos ao mar para traer alimento para  a humanidade e creamos indirectamente 10 postos de traballo en terra por cada barco. O que está  a acontecer realmente é un despropósito ante un pobo mariñeiro que quere seguir vivindo do mar.

O meu futuro é o que comento no meu relato

Que futuro agarda ao mar e á súa profesión?
O meu futuro é o que comento no meu relato. Máis sombras que luces. Aí está esa nova lei de control de pesca na que queren impornos a cada embarcación un dispositivo xeolocalizador e un programa informático para enviar as capturas  antes da chegada a lonxa.

Para naseiros, bateeiros, mariñeiros, mariscadores e dorneiros. Isto, xunto á suba das temperaturas da auga do mar, a falta de relevo xeracional, a xa de por si durísima profesión que é a nosa, os prezos do peixe que non teñen nada que ver na lonxa co  que marcan nas peixarías e supermercados…. un caldo de cultivo para unha tormenta que pode derivar nun futuro cheo de barcos de recreo nos portos e a nula existencia de mariñeiros profesionais neles.

Comentarios