Relatan...Nós

Lois Diéguez: "O meu relato trata dun amor entre a sobriña dun cura e un rapaz que loita contra o fascismo"

O escritor Lois Diéguez, natural de Monforte de Lemos, participa da colección Relatan...Nós con Lucía e Manuel, relato que vostede atopará esta quinta feira no interior deste xornal e que conta a historia dun amor imposíbel en tempos de posguerra. O relato ten un trasfondo de denuncia da ditadura de Francisco Franco. 'Nós Diario' conversa con Diéguez sobre Lucía e Manuel e sobre como o réxime franquista aínda afecta e ten unha grande influencia na sociedade actual.
Lois Diéguez
photo_camera O autor Lois Diéguez. (Foto: Nós Diario)

—Que lle pareceu participar na colección Relatan... Nós?
Pareceume moi ben, non só participar senón tamén ver o resto de escritores e escritoras que conforman a colección. Este tipo de iniciativas son moi interesantes e creo que chegan a un público máis amplo do que moitas veces se nos fai crer.

As cousas loxicamente nacen, mais o interesante é como se desenvolven e Nós Diario, con este tipo de coleccións, está a se desenvolver moi ben e está a romper certas ideas que nos dicían que ter medios propios e en galego non sería posíbel. Sei que é difícil e máis aínda co escándalo que foi que a Xunta non lle dese axudas ao único medio do país que publica integramente en galego como é o Nós. Hai outros xornais que, de non ser polas subvencións, non existirían.

Outra cuestión que me preocupa a nivel xeral é que cada vez se le menos e cada vez necesítase ler menos, o que é máis escandaloso aínda. Isto é algo que aparece no trasfondo do meu relato Lucía e Manuel.

—Sobre o propio relato. Trata dun amor imposíbel en tempos de posguerra. Cal foi a motivación para escoller ese tema?
Un día deime conta de que cada vez que me puña a escribir saíame falar sobre a posguerra porque foi unha etapa que eu vivín, sobre todo a partir dos anos 50.

Entón pensei para min que tiña que escribir algo sobre memoria histórica e como incidiu na etapa actual que estamos vivindo, e o relato naceu simplemente por esa idea. Trata dun amor entre unha sobriña dun cura cun rapaz que estaba loitando contra o fascismo que xa gobernaba naquela altura, polo que aquel namoramento non pode saír adiante. O rapaz acaba sendo asasinado e a partir de aí escribo sobre a historia dela e o que vai pasando na súa vida até os nosos días. No relato tamén falo sobre as primeiras eleccións democráticas.

Algo que me interesaba moito facer era tratar a perspectiva dunha muller, unha perspectiva que estaba invisibilizada naquela etapa e todo o que sufriron naqueles anos de ditadura.

—Fíxose o suficiente durante estes anos para democratizar as institucións e romper co franquismo?
Non. É algo que estamos a sufrir agora, até tal punto que hai que dar a batalla para desenterrar os crimes e desenterrar aquelas persoas das cunetas en que seguen soterradas.

É incríbel todo o que hai que facer para que se recoñeza esas vítimas. E iso é algo que se perpetúa en gran parte por culpa do Partido Popular. O PP é un partido franquista e ademais é algo que non agochan. Son descendentes directos do réxime de Francisco Franco e é escandalosa a ínfima sensibilidade democrática e a mínima sensibilidade que mostran cara a ideas que non son as deles e iso estámolo pagando brutalmente porque crea unha sociedade cada vez máis ignorante porque até o control mediático chega a puntos extremos.

O que máis me preocupa disto é que é moi difícil que a xente poida ouvir as ideas de todo o mundo, que a xente saiba como se compoñen as propias sociedades, as propias historias dos pobos.

Estamos a vivir unha etapa moi escura en que a maioría dos medios de comunicación están controlados dunha forma absoluta.
Sobre as perspectivas de futuro, tamén me preocupa o que aconteza coa televisión e a radio públicas galegas porque foron as que sostiveron, sosteñen e seguirán a soster o PP no poder.

É preciso dar a batalla con todas as nosas forzas e creo que actualmente non estamos a facer o suficiente. Todas e todos nos debemos implicar nesa loita.

Comentarios