Sermos Galiza agasalla as persoas lectoras con cinco libros

O 8 de xuño de 2012 saía á rúa o primeiro número de 'Sermos Galiza'. Moitas cousas mudaron desde aquela: o semanario deu paso a un diario, superouse a enésima crise do capitalismo, vivimos unha pandemia, comezou unha guerra en Europa... As formas de relacionarse socialmente e o modo en que o xornalismo enfrontou eses cambios foron acompañados neste tempo desde unha óptica galega. Para celebrar o aniversario, Sermos Galiza S.A. edita cinco libros que debuxan a última década.
Detalles das capas dos cinco libros, obra do grafista Pepe Barro.
photo_camera Detalles das capas dos cinco libros, obra do grafista Pepe Barro.
  1. As perseguidas
  2. Amar a Terra
  3. Homenaxes
  4. Tradicións e traizóns
  5. Un pobo de artistas

"O obxectivo último desta colección é agasallar as persoas  subscritoras, que son as que fan posíbel este proxecto, a súa fidelidade a Sermos Galiza S.A.", explica Xoán Costa, conselleiro delegado e presidente da editora de Nós Diario. "É unha forma de agradecemento a quen conforman o motor desta empresa, que son as persoas lectoras. Ao incluír esta colección dentro do décimo aniversario de Sermos Galiza, tanto do semanario como da empresa, aproveitamos un material que cremos que é de grande interese para facilitar a súa consulta. Un material que será gratuíto para as subscritoras e subscritores e que terá un prezo simbólico de 2 euros para o resto do público".

O esforzo editorial é patente cando se pensa nas cifras: un total de 15.500 volumes poranse en circulación para cumprir  "con ese lema que nos guía desde o principio: somos un diario de intereses galegos e todo o que atinxe á Galiza é tratado desde un punto de vista que manifesta a súa vontade de manter a súa personalidade e de defender os seus intereses".

Eses intereses abranguen un amplo espectro de perspectivas: a memoria do país, o coñecemento da terra e da xeografía, a homenaxe ás que xa non están, a parte antropolóxica que conforma unha identidade e a creación literaria.

As perseguidas

Os últimos anos foron cruciais na recuperación da memoria, mais houbo unha peza que permaneceu na penumbra, que non permitiu que os nomes das protagonistas tivesen o recoñecemento debido: as mulleres perseguidas polo franquismo. Foron por elas, primeiro volume da colección, recolle os perfís, publicados no Sermos Galiza, de moitas desas perseguidas cuxas biografías permanecían agochadas: mestras, actrices, empresarias, sindicalistas...

Destacadas especialistas como Montse Fajardo, Carme Vidal, Aurora Marco, Eliseo Fernández, Manuel Pazos ou Elsa Quintas recuperan figuras que van desde a que sería a musa do teatro europeo, María Casares, até mulleres humildes que mantiveron as súas casas abertas aos fuxidos, como Bernarda Veiga García, e cuxo compromiso quedou enterrado baixo anos de medo e de silencio.

Amar a Terra

O Colectivo Xea (formado por Adela Leiro, Mon Daporta e Xan Colazo) colaborou con Sermos Galiza desde o primeiro número. O segundo volume da colección, Ao pé da terra, é unha escolma dos numerosos traballos que levan realizado para que coñezamos mellor a xeografía do país. Desta vez, reúnen roteiros que desprenden algún tipo de misterio -ben polos ecos históricos que deixan escoitar, ben pola súa natureza case máxica- que os transforman en compoñentes case inescusábeis da identidade galega: a Ribeira Sacra, os faiais do Courel, os camiños do Monte Pindo, o Pico Sacro, os cemiterios da Terra Chá... son só algúns deses espazos que permiten escoitar as voces doutros tempos. 

Homenaxes

Dar que pensar é un volume ao tempo melancólico e optimista. Entrevistas con persoas que xa non están entre nós, pero cuxas verbas seguen mantendo aceso o lume do pensamento: Mariví Villaverde, Fran Pérez "Narf", Luz Pozo Garza, Saleta Goi, Bautista Álvarez, Francisco Pillado, Antía Cal, Neira Vilas ou Domingo Villar son os protagonistas dalgunhas desas entrevistas irrepetíbeis publicadas en Sermos Galiza. 

Tradicións e traizóns

En Eira das Mouras recóllense toda unha serie de artigos do antropólogo e museólogo Felipe-Senén sobre aspectos da nosa cultura que merecen ser debatidos: toda identidade ten unha compoñente tradicional da que parte, mais toda tradición debe adaptarse aos cambios da sociedade. Que é o que paga a pena conservar e que o que debemos mudar? Esa é a pregunta que subxace na análise de temas como o discutido binomio Samaín/Noite de Defuntos, o Entroido, os Maios ou as lendas xacobeas.

Un pobo de artistas

O último volume da colección escolma case a totalidade do recente coleccionábel Relatan...Nós, no que unha nómina de escritoras e escritores da altura de Manuel Rivas, Marilar Aleixandre, Victor F. Freixanes, Marica Campo, Séchu Sende, Emma Pedreira, Xabier Queipo ou Eli Ríos, entre outros, ofrece unha interpretación literaria da última década, que vai alén do xornalístico e que resulta unha proba concluínte da potencia creativa do noso país. Como di outros dos autores presentes neste volume, Xurxo Souto, "somos un pobo de artistas".

Unha colección que celebra dez anos de xornalismo desde a Galiza

O vindeiro sábado 3 de decembro entregarase o primeiro volume da colección, Foron por elas, que será de balde para todas as persoas que merquen o xornal ese día. Os seguintes sábados, entregaranse: o día 10, Ao pé da terra; o día 17, Dar que pensar; o día 24, Eira das Mouras, e, finalmente, o día 31, Relatan... Nós. Serán de balde para as subscritoras e subscritores e a un prezo de 2 euros para o resto do público, máis o custo do Nós Diario e do Sermos Galiza. As persoas subscritas á edición dixital do xornal, tamén terán acceso gratuíto á unha edición electrónica de cada un dos volumes.

Os deseño da capa dos libros corre a cargo do grafista e deseñador Pepe Barro e o conxunto dos volumes conforma unha colección que, dalgunha maneira, reflicte as palabras de Xoán Costa, conselleiro delegado de Sermos Galiza S.A. no acto de celebración dos dez anos do proxecto: o propósito do proxecto é reafirmar "o noso compromiso a prol dun espazo de comunicación galego, entendendo por tal aquel que coloca o galego como única lingua de comunicación e a Galiza como miradoiro desde o cal ollar o propio país e tamén o mundo".

comentarios