'+Cuñados' foi a película máis vista na Galiza na súa estrea

O filme inicia a súa segunda semana manténdose en 31 cines da Galiza, récord absoluto dunha estrea comercial no noso país.

Escena de +Cuñados (Foto: +Cuñados).
photo_camera Escena de +Cuñados (Foto: +Cuñados).

A longametraxe +Cuñados, secuela da exitosa comedia Cuñados, conseguiu ser, na semana da súa estrea, a película máis vista nos cinemas galegos, superando nun 50% a recaudación da segunda máis vista, a estadounidense Civil War

O filme estreouse en 34 salas galegas, obtendo o récord absoluto de presenza en sala dunha estrea comercial na Galiza, e afronta a segunda semana manténdose en 31 cinemas do país.

Continúan ademais os pases con presentación do equipo e coloquio, con citas esta quinta feira, día 25, en Lugo, co director Luis Avilés (Códex Cinema, 20.15 horas); o domingo 28 en Seixo, Marín (Cine Seixo, 19.20 horas) co actor Federico Pérez Rey; e tamén o domingo 28 en Santiago (NUMAX, 18.30 horas) co director Luis Avilés e a actriz Iolanda Muiños.

 

O Entroido como pano de fondo

Nesta nova entrega a acción sitúase dous anos despois do acontecido na primeira película. Os cuñados vense envoltos nun novo e máis criminal enredo, esta vez co Entroido Ourensán como pano de fondo.

O filme, rodado en galego, conta de novo con algunhas das caras máis recoñecidas e queridas do panorama audiovisual: Xosé A. Touriñán, Miguel de Lira, Federico Pérez Rey, Eva Fernández, María Vázquez, Iolanda Muíños e Mela Casal. A eles súmanse nesta segunda entrega, entre outros, os actores David Perdomo, Ivo Bastos, Ana Saltão ou Nuno Sá. A dirección desta secuela corre a cargo de Luís Avilés Baquero.

Comentarios