Relatan...Nós

Víctor F. Freixanes: "Facer literatura é traballar o idioma, recrealo; reconstruír o mundo a través das palabras"

O presidente da Real Academia Galega (RAG), Víctor Fernández Freixanes, prosegue hoxe a colección 'Relatan...Nós' con 'Lucerío no Sar', unha obra que trata de emigración, mais tamén do volframio e da realidade da aldea galega no século pasado. 'Nós Diario' conversa con Freixanes sobre os históricos vencellos entre xornalismo e literatura e a súa presenza hogano nos medios.

O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes. (Foto: Nós Diario)

—Como valora esta colección de relatos inéditos que Nós Diario inclúe nas súas páxinas durante o mes de xuño?
Síntome moi honrado e agradecido a Nós Diario por ter pensado en min para formar parte desta iniciativa. Os medios de comunicación son magníficas plataformas para a difusión da literatura e que este xornal celebre o décimo aniversario de Sermos Galiza salientando a creación literaria é unha proba de sensibilidade que merece o noso aplauso. O feito de que me acompañe o meu irmán Xosé Freixanes coas ilustracións dálle un valor engadido. Xa dirán os lectores se a selección de autores e autoras é do seu agrado.

—A literatura foi da man do xornalismo desde os inicios da prensa. Porén, hoxe acostumamos a ver un xornalismo afastado de toda literalidade, que mesmo prima a inmediatez dos feitos sobre o fondo dos mesmos. Cre que os medios de comunicación deben —debemos— apostar máis nos contidos literarios?
Desde os primeiros tempos as publicacións periódicas incorporaron creación literaria á súa oferta, tanto en prosa como en verso. O Diario de la Coruña, por exemplo, primeira mostra de xornalismo galego, que dirixía en 1808-1809 Manuel Pardo de Andrade, acolle nas súas páxinas  composicións poéticas case como sección fixa, e non esquezamos que a primeira novela en lingua galega, a Maxina de Marcial Valladares, apareceu por entregas en 1880 na Ilustración Gallega y Asturiana que dirixía Manuel Murguía.

A tradición vén de moi atrás, o que sucede é que nos últimos tempos o produto xornalístico, o seu principal soporte, mudou, e a creación literaria desenvolveu os seus propios soportes, o libro fundamentalmente, se acaso agora tamén as redes. Pero a literatura esta aí. As mellores crónicas e reportaxes teñen un compoñente literario obxectivo que, ademais de atractivas, fai que resulten máis eficaces. Certo que o rexistro literario ten unhas características moi distintas do rexistro xornalístico, aínda que a literatura estea presente nos dous casos. Eu non escribo igual cando escribo para os xornais que cando asumo, libre de condicionantes, o rexistro da literatura. Neste segundo caso a lingua non é só un vehículo de comunicación, é un territorio autónomo, que adquire sentido por si mesmo. Facer literatura é, principalmente, traballar o idioma, recrealo; en certa maneira reconstruír o mundo a través das palabras.

Unha novela admite case todo, pero un conto son cen metros lisos que hai que correr sen respirar

—O seu relato ten como protagonista un home que marchou ás Américas. En que se inspirou?
O relato forma parte dun proxecto que leva no caixón bastante tempo, desde que rematei Cabalo de Ouros (2010). Quixera reunir unha serie de narracións breves que evocasen o mundo no que se desenvolve a novela, esa Vilanova de Alba que é un espazo de ficción, pero que viaxa pola historia en distintas etapas. A narración breve é un xénero difícil, polo menos para min, malia a importante tradición que ten na literatura galega.

Unha novela admite case todo, pero un conto son cen metros lisos que hai que correr sen respirar, a tope de presión e cos músculos en plena forma, sen derramar un adxectivo. Dun tempo para acá pensei en reunir estampas evocadoras da Galiza dos nosos avós, nos anos 40 e 50 do pasado século, quizais mesmo de antes.

Nesta historia está presente a emigración, mais tamén o mundo do volframio, a realidade social da aldea galega nesta etapa, o esfarelamento do mundo rural... Aspectos que os lectores novos non coñecen, e que nos axudan a entender o que somos hoxe.

—Que vai atopar o lector ou lectora no seu relato?
Interésame moito a memoria de nós, tanto nos seus aspectos dramáticos, como se conta en Cabalo de Ouros, como nos seus aspectos simbólicos ou históricos. Este relato recrea un mundo que algúns de nós vivimos na nosa infancia, incluso direi que unha parte importante dos feitos  que se narran son certos. O lucerío no Sar, coas pedras de carburo nos petos do tratante, sucedeu realmente. A fórmula escollida inspírase na tradición e nos rexistros da oralidade. A maiores intentei incorporar o humor, que é moi importante.

Comentarios