O atletismo invade o casco histórico de Compostela

VII edición da Carreira SantYago Cidades Patrimonio, unha proba que destaca por ser nocturna.
Unha das peculiaridades da proba é que será pola noite. (Foto: SanYaGo 10K).
photo_camera Unha das peculiaridades da proba é que será pola noite. (Foto: SanYaGo 10K).

Santiago de Compostela abre o seu casco histórico ao deporte grazas á VIII carreira SantYaGo10K Cidades Patrimonio da Humanidade, programada tan cedo como no día sábado, 27 de abril, ás 22 horas.

Organizada polo Club Atletismo Fontes do Sar e o Concello da capital galega -coa colaboración da Federación Galega de Atletismo e da súa homóloga estatal-, esta cita xa veterana prevé reunir aproximadamente 1.500 corredores e corredoras que deberán percorrer 10.000 metros nun circuíto urbano de asfalto e empedrado con saída e meta na praza do Obradoiro.

Esta SantYaGo10K pertence ao Circuíto de Carreiras Cidades Patrimonio da Humanidade, que está organizado polo Grupo Cidades Patrimonio da Humanidade de España e que nos últimos anos está considerado como un dos máis populares a nivel estatal. 

O seu obxectivo fundamental é dar a coñecer as 15 Cidades Patrimonio da Humanidade que a conforman a través das carreiras populares e, ao mesmo tempo, "fomentar a actividade física e deportiva, propiciando a ocupación do tempo de lecer nunha das prácticas deportivas máis comúns e fáciles de levar a cabo como é a carreira a pé", explican desde o Concello de Santiago de Compostela.

O Campionato Galego de Clubs, en Pereiro de Aguiar

Paralelamente ao certame capitalino disputarase en Pereiro de Aguiar o Campionato Galego de Clubs absoluto, no que se decidirá, unha tempada máis, cal dos conxuntos galegos inscribe o seu nome nun selecto palmarés no que figuran unicamente cinco formacións.

A priori, na categoría masculina a loita estará centrada, un ano máis, entre os pontevedreses da Sociedade Ximnástica e os olívicos do Celta -vixentes campións-, a quen se lles podería engadir o Atletismo Santiago, Lucus Caixa Rural, Atletismo Narón e Ourense Atletismo na loita por rematar nos postos de privilexio da clasificación xeral.

Na modalidade feminina, pola súa parte, será o Atletismo Celta o rival a bater polo resto de equipos aspirantes, entre os cales destacan o Ria Ferrol, Sociedade Ximnástica de Pontevedra e un Ourense Atletismo que contra todo prognóstico logrou imporse na última edición da Copa Galiza 'Indoor' o pasado mes de xaneiro e que podería volver dar a sorpresa.

Comentarios