Relatan...Nós

Rosalía Fernández Rial: "No meu relato poño o foco na normalización de situacións denigrantes para as mulleres"

Rosalía Fernández Rial (Carballo, 1988), escritora e escollida mellor poeta no festival aRi[t]mar 2021, participa na colección Relatan... Nós co relato Peixes de cinsa. A autora, en conversa con Nós Diario, reflexiona sobre a historia que conta e a evolución das festas populares galegas cara a formatos de espectáculo pouco participativos e alienantes. 
 
A escritora Rosalía Fernández Rial é filóloga e doutora en didáctica das linguas e da expresión dramática. (Foto: Nós Diario).
photo_camera A escritora Rosalía Fernández Rial é filóloga e doutora en didáctica das linguas e da expresión dramática. (Foto: Nós Diario).

—De que maneira enfrontou a páxina en branco para escribir este relato?

Tiven como dous impulsos paralelos. Un tiña que ver con esa reflexión que nos propuñan en relación a algo relevante ou significativo que acontecera nos últimos dez anos e que de algún xeito aparecese no relato. Neste caso, para min o tema central era a cultura patriarcal, en xeral, que vivimos e a violación ou o abuso, a nivel particular.

Estamos recibindo constantemente moitos imputs nese sentido, como por exemplo nas letras das cancións que aparecen de fondo no meu relato, ou o ambiente da verbena que moitas veces é máis perverso do que pode parecer por costume. 

O outro impulso, en relación a este exercicio de escrita, sería unha reflexión, unha proba metaliteraria onde se mesturan as dúas historias que presento: por un lado o relato infantil e por outro o propio relato en si. Son dúas realidades que se van mesturando e que, ao final, xa non se sabe quen escribe ou le o relato, mesmo se se corresponde a historia co conto infantil.  

—Cal é a razón de escoller unha verbena como escenario da historia? 

Para min o núcleo central da denuncia, e do relato, é o ambiente desa verbena específica que se veu impondo. Todas as persoas formamos parte delas. As romarías pasaron de ser unhas festas con entidade propia, por exemplo eu que son de Muxía, na da Barca. Antes faciámola a xente cun xantar tradicional e música cos nosos propios instrumentos. Faciamos unha foliada que tiña personalidade e agora cada vez foi homoxeneizándose máis co resto de verbenas doutras parroquias do país. En calquera delas a xente podería contar a mesma historia. 

Pasou dunha festa comunitaria, social e imprescindíbel para dar sentido á comunidade, a ser a mesma en todos os lugares. Non deixa de ser algo imposto. Non deixa de haber uns intereses e unha ideoloxía que resulta moi violenta para as mulleres. Se reflexionamos friamente, alén da celebración, todas e todos acabamos sendo cómplices dunha ou outra maneira. 

—Como se podería mudar esta situación e a tolerancia das verbenas cara ao discurso patriarcal?

Está na man de todas e de todos. A responsabilidade é colectiva. Ao final esas situacións son catalizadoras do que somos todas. Se nós reivindicamos outro tipo de festas, terémolas. É o mesmo que se reivindicamos outra sociedade teremos outra sociedade. Se a escola pode ser un reflexo da sociedade, ao final unha celebración festiva tamén. 

A responsabilidade é colectiva. Ao final esas situacións son catalizadoras do que somos todas.

Se vivimos nunha sociedade patriarcal que normaliza letras de cancións completamente machistas, denigrantes para as mulleres, evidentemente imos ter unha celebración no que todo iso estará presente. 

No meu relato quería pór o foco nese aspecto en concreto por crer que é aberrante que esteamos normalizando, pensando nesta cuestión concreta, situacións denigrantes para as mulleres e, polo tanto, para o ser humano. 

—De quen sería a responsabilidade esa normalización?

Somos cómplices mais quen executa ten unha responsabilidade evidente. Hai un problema nese sentido, pois ao final é moi difícil, cando todos os medios impoñen unha cultura patriarcal, facer este tipo de reflexións. Moito máis ser capaces de volver darlle o protagonismo ao pobo. Moitas veces imos a este tipo de verbenas onde impera a cultura do alcohol e as drogas, que tamén están presentes no relato, perdendo o control.

En realidade non somos protagonistas. Antes o protagonista era o pobo e agora somos meros espectadoras das orquestras. Ademais, crean un ambiente propicio a que acontezan as aberracións que suceden ás protagonistas do relato. 

Comentarios