Relatan...Nós

Suso de Toro: "O semanario 'Sermos Galiza' é o único escaparate con entidade de creacións galegas"

O xornal que esta terza feira terá nas súas mans achégalle o relato 'Unha homenaxe póstuma', de Suso de Toro (Santiago de Compostela, 1956), escritor e colaborador habitual na sección de opinión de 'Nós Diario'. De Toro participa con este relato ilustrado na colección 'Relatan... Nós', que celebra os dez anos de existencia de 'Sermos Galiza'.  Nesta conversa reflexiona sobre a proposta e a figura das persoas que se dedican á literatura creando obras.
O escritor Suso de Toro nun dos parques da súa cidade natal, Santiago de Compostela. (Foto: Arxina)
photo_camera O escritor Suso de Toro nun dos parques da súa cidade natal, Santiago de Compostela. (Foto: Arxina)

—Que lle parece lembrar os dez anos de Sermos Galiza a través de relatos?
Paréceme unha manifestación da maduración dun xornal. Realmente é Nós Diario quen celebra a Sermos Galiza. Este, agora suplemento, é o único escaparate con entidade de creacións galegas. É valiosísimo, particularmente por incluír unha carteleira do audiovisual e a música. Para as creadoras e os creadores Sermos é valiosísimo por ser, moitas veces, o único lugar onde apareceren e informar das súas obras. Probabelmente non sexa o seu forte o espazo dedicado á literatura e o ensaio mais en conxunto é das cousas mellores que achega Nós. O mesmo feito de encargar estes relatos implica unha redacción madura que é capaz de facer proxectos de verán que fan tamén outros medios de comunicación con máis traxectoria.

Ligar a creación literaria á actualidade é sempre un desafío. Eu creo que ten que nacer da liberdade, da imaxinación mais ás veces pórse a un mesmo ou que che poñan desafíos fai que se force a imaxinación, que faga ximnasia. O tema, no meu caso, é unha reflexión fóra de toda época de como somos os escritores e a vaidade que temos. É unha autoironía que espero que non sexa mal entendida, nin que lle preza mal a ninguén.

—Preocúpalle o que lembrarán de vostede cando non estea?
Non hai porque esconder a realidade da nosa vaidade. O escritor nace do seu propio narcisismo. No meu caso espero que duren os textos, polo menos algúns libros. Supoño que o libro aínda ten duración no soporte que sexa e sobrevivirá. Eu preferiría que fose en forma de libro. Despois de contrastar con outros soportes,  para un texto segue a ser o mellor.

De maneira dominante, unha parte miña bastante importante é a de estar hoxe na sociedade opinando, a través da palabra, en asuntos da vida social. Loxicamente iso desaparecerá. O que se pretende é cambiar o que acontece mais a ambición do escritor está na obra, non está na pretensión da actualidade.

—Un debate recorrente sobre a lembranza de escritoras e escritores despois da súa morte son as restricións que marcan as homenaxes polo Día das Letras Galegas.
Ao redor desas homenaxes que fai a Academia hai moitos debates. Eu, particularmente, levo defendendo desde os anos 80 que, sen quitarlle á Academia que escolla cada ano a quen decida, é importante celebrar as nosas Letras doutros modos. Que non estea asociado co pasado e cos mortos, senón que o que faga é pór en valor a vida que ten a creación na nosa lingua. Hai que buscar outro modo de celebración e é algo que levo moito tempo afirmando e agardo que algún día se faga. Falo dunha celebración social, na que participen entidades e mesmo empresas mais que celebre as vitalidades das creacións da nosa cultura. O exemplo do Sant Jordi é o dun éxito. Como celebrar a cultura e máis a vizosidade dunha industria unido a unha celebración cívica. Iso paréceme unha fórmula excelente, de grande éxito. Habería que pensar algo semellante, non digo o mesmo, pois hai que buscar algo propio.

Outro debate son as figuras que se escollan. Nese tema non me meto, son propostas académicas. Ás veces esa celebración serve para recuperar unha figura, pór en valor a alguén que doutra maneira podería ser esquecida. Revitalízase, polo menos momentaneamente durante un ano. Outras veces o resultado é desastroso se escollen unha figura con pouca ou nula entidade literaria. Nese caso o que están transmitindo é a mensaxe de que é unha reivindicación puramente política e non hai nas nosas letras unha entidade literaria. Iso é un problema. Hai figuras que teñen un gran valor cívico, que son queridas polos galeguistas por ese motivo mais que non poden ser mostradas á sociedade dicindo que “é a nosa literatura”. É cando a xente torce o fociño e di “vaia literatura máis cativa”.

Comentarios