Aínda que non pode disolver as Cortes antes do 30 de maio, Pedro Sánchez si ten na súa man someterse a unha cuestión de confianza no Congreso, o que non require maioría absoluta.
Outra opción sería ceder a Presidencia a outro socialista, pero iso implicaría un novo proceso de consultas do Rei español e organizar outra investidura que, co mapa político actual, esixiría moitos acordos.
A decisión de Sánchez de parar a súa axenda pública e decidir a súa continuidade ou non no Goberno español abriu un abano de posibilidades.
Eleccións en xullo
Unha primeira opción sería manterse na Presidencia para disolver as Cortes e convocar eleccións, pero o artigo 115.3 da Constitución española non permite pór fin á lexislatura antes de que pase un ano desde a anterior disolución, que foi o 29 de maio de 2023, tras os resultados das eleccións municipais e no groso das comunidades autónomas do Estado español.
Por tanto, e aínda que a súa idea fose disolver as Cortes, non podería facelo antes do 30 de maio e iso levaría a convocar eleccións outra vez para xullo, pero esta vez a finais: o primeiro domingo posíbel sería o 28 de xullo.
E todo iso cando xa hai un horizonte electoral no calendario: 12 de maio eleccións catalás e 9 de xuño os comicios ao Parlamento Europeo.
Neste escenario habería opción de aprobar definitivamente a Lei de Amnistía que o PSOE pactou con Junts e ERC e que actualmente está bloqueada no Senado.
Deixar paso a outra persoa
Sánchez podería dimitir para dar paso a que outra persoa se someta a unha sesión de investidura. Pero esa candidatura non sería decisión súa, senón do Xefe do Estado, que tería que abrir unha nova rolda de consultas e propoñer a quen vise con máis apoios, mentres o resto do Goberno seguiría en funcións.
Precisamente, tras as eleccións estatais, Felipe VI optara por pór Alberto Núñez Feixoo, candidato do PP, á fronte do Goberno español, mais o ex presidente da Xunta da Galiza non conseguira reunir o apoio necesario.
Cuestión de confianza
Hai unha terceira opción: someterse á cuestión de confianza, un procedemento regulado no artigo 112 da Constitución, que estabelece que o presidente, previa deliberación do Consello de Ministras e Ministros, pode expor ante o Congreso a cuestión de confianza sobre o seu programa ou sobre unha declaración de política xeral.
Segundo o Regulamento do Congreso, a cuestión de confianza ten que presentarse mediante un escrito motivado ante a Mesa do Congreso e, unha vez que se admita, deberá convocarse o Pleno para o seu debate, que é similar a unha investidura.
Neste caso, a confianza entenderase outorgada cando obteña o voto da maioría simple das deputadas e deputados, é dicir máis sis que nons. Por tanto, bastaríalle con chegar aos 172 votos para superar a suma de PP, Vox e UPN, e non precisaría do voto a favor de Junts, pois chegaríalle coa abstención.
Se for derrotado no Congreso, produciríase a dimisión e habería que volver ao escenario da rolda de consultas do Rei para unha nova investidura.