Relatan...Nós

Manuel Rivas: "A imaxinación e a creación literaria tamén son modos de informar e relatar a realidade"

Manuel Rivas, natural da Coruña, é narrador, poeta, xornalista e autor dunha das obras en galego máis exitosas de finais do século XX, O lapis do carpinteiro, que foi traducida a un total de 37 idiomas. Nós Diario conversa con el acerca da súa participación na colección Relatan...Nós que conmemora os dez anos de Sermos Galiza e sobre o propio relato que escribiu, O Killer Robot, que hoxe acompaña 
este xornal.
O escritor coruñés trata as problemáticas da intelixencia artificial e do avance da tecnoloxía.(Foto: Foto Mariño).
photo_camera O escritor coruñés trata as problemáticas da intelixencia artificial e do avance da tecnoloxía.(Foto: Foto Mariño).

Que lle pareceu participar na colección Relatan...Nós?

Acollín a idea con moito entusiasmo porque me parece que a imaxinación debe ter lugar nos medios de comunicación. A imaxinación e a literatura son tamén modos de informar e este tipo de iniciativas supoñen, en certa medida, superar os valados convencionais que a veces se estabelecen.
A realidade e a creación creativa poden ir da man perfectamente e eu sempre crin que a creación literaria é unha maneira de relatar a realidade con que convivimos diariamente.

No seu relato, O Killer Robot, nárrase a historia da investigación dun caso sen resolver e nel hai unha mestura de humanos e robots. Existe un trasfondo de realidade no relato?

A realidade da intelixencia artificial está aí e cóntasenos moi pouco acerca dela, está moi oculta. Maiormente se falamos de intelixencia artificial aplicada a usos militares. Eu creo que se trata dunha das realidades ocultas máis interesantes e máis importantes dos últimos tempos en que estamos baixo o dominio do que podemos chamar o 'tecno-poder'. 

Está a se producir unha metamorfose que non sabemos moi ben como denominar neste novo mundo capitalista do 'tecno-poder'. Unha das cousas para as que serve a literatura é para falar daquilo que non está ben visto e a imaxinación é un camiño para chegarmos á verdade e mesmo á realidade. A literatura permite falar do que se nos oculta e a utilización da intelixencia artificial para usos militares é unha das grandes ocultacións que se dan no mundo de hoxe en día.

Non é ciencia ficción, o meu relato narra unha historia cos pés no chan. Si que é certo que O Killer Robot ten un compoñente irónico que xoga cos lindes da realidade mais trata unha historia que podería ser real. 

Podería ser perigoso o avance da tecnoloxía?

Non é que poida ser perigoso, é que xa o é. Depende de como utilicemos a tecnoloxía mais actualmente estamos a vivir nun mundo dominado pola síndrome do medo a ficar fóra. 

Un perigo importante é pensar que a tecnoloxía pode solucionar os problemas que a humanidade non é capaz de solucionar. O 'solucionismo tecnolóxico' é unha superstición que é moi perigosa; na actualidade temos unha emerxencia climática e ambiental que converteu o noso mundo, en parte, nun inferno e as novas tecnoloxías están a ser utilizas en gran medida para a sobreexplotación medioambiental máis do que para buscar unha solución a esa enorme problemática.

Este avance da teconoloxía pode facer que nos deshumanicemos?

Oxalá nos deshumanizásemos! O que estamos a facer co resto de especies do planeta é unha desfeita. Até os anos 70 había pitas do monte na Galiza, agora non queda ningunha. Practicamente non hai osos nos montes galegos e xa case non hai vagalumes no país.

Son situacións absolutamente anómalas que se acaban convertendo en normais, a desfeita acaba substituíndo o que debería ser normal e o inaceptábel acábase aceptando. Evidentemente temos que pensar noutra humanidade, unha humanidade en que o resto de seres existentes non sintan espanto de nós. Somos unha especie que causou sucesivos ecocidios e moitísimo dano. É preciso mudar a nosa perspectiva con todo aquilo que nos rodea. 

Voltando ao comezo, creo que a literatura pode desempeñar ese papel de crear realidades alternativas. Parte da nosa natureza é a vangarda creativa e é moi bo que teña hábitats novos como Nós Diario que é toda unha esperanza de futuro.

Comentarios