2023 remata coas palestinas e palestinos de Gaza "convertidos en ósos"

O xenocidio israelí contra o pobo palestino en Gaza non se detén co final do ano, grazas á cobertura dos crimes sionistas por parte dos Estados Unidos e a Unión Europea e no medio da inacción da Corte Penal Internacional, remisa a xulgar Israel.
Unha palestina despedíndose hoxe das súas crianzas, asasinadas nun bombardeo israelí a un campo de refuxiados en Gaza. (Foto: Ali Hamad / APA Images vía ZUMA)
photo_camera Unha palestina despedíndose hoxe das súas crianzas, asasinadas nun bombardeo israelí a un campo de refuxiados en Gaza. (Foto: Ali Hamad / APA Images vía ZUMA)

Apenas tres días antes do comezo deste ano, Benjamin Netanyahu foi escollido como primeiro ministro de Israel á cabeza dun Goberno de extrema dereita con forzas ultraortodoxas xudías, logo de ocupar o cargo entre 1996 e 1999 e no lapso entre 2009 e 2021. Así e todo, desde 2019 o seu interese en manter o cargo tamén vai ligado ao xuízo por corrupción contra el, que aínda está en marcha a pesar de sucesivos atrasos.

O 2023 deu inicio após un dos anos máis mortíferos na ocupada Cisxordania, incluída Xerusalén Leste, con máis de 150 palestinas e palestinos asasinados polas tropas e colonos israelís, entre un incremento das incursións e da demolición de edificios e infraestruturas palestinas. 700.000 colonos protexidos polos soldados fragmentan o territorio, cheo de muros que illan as poboacións palestinas. En Gaza, bloqueada hai máis de 15 anos, medio centenar de palestinas e palestinos faleceron nos ataques israelís en agosto, argumentando que se dirixían contra a Xihad Islámica.

Malia isto e o réxime de apartheid instaurado polos sionistas, neste ano a colonización e as constantes agresións israelís contra o pobo palestino alcanzaron un novo nivel baixo o mando do novo Executivo, con entradas constantes das forzas israelís e membros do Goberno na mesquita de al Aqsa, na Explanada das Mesquitas de Xerusalén, considerada pola poboación musulmá como o terceiro lugar máis sagrado, coa intención de mudar o status quo no lugar e reprimir a presenza das persoas palestinas que profesan esa relixión.

Coa protección das forzas de seguridade israelís, colonos partidarios do Executivo ultradereitista entraron na mesquita exixindo a súa demolición.

Neste contexto e tras máis de sete décadas de colonización e ocupación sionista de Palestina, e citando precisamente o acontecido nese lugar, diversas organizacións palestinas de Gaza lanzaron o 7 de outubro a operación Inundación de Al Aqsa e asaltaron o territorio controlado por Israel, liberando presos palestinos e capturando centos de persoas co fin de intercambialas polos milleiros de persoas detidas por Israel. As cifras oficiais do Gabinete de extrema dereita sosteñen que faleceron 1.139 persoas -despois de reiterar durante semanas que eran aproximadamente 1.400-, entre elas 373 militares e forzas de seguridade. Aínda que Israel defende que o resto eran civís os seus datos non diferencian os colonos dos civís.

Só dúas semanas antes, Netanyahu amosou na ONU un mapa con todo o territorio palestino absorbido por Israel, e precisamente a el responsabiliza a poboación sionista dos fallos de seguridade dun Estado que recibe cada ano máis de 3.000 millóns de euros do seu principal aliado, os Estados Unidos, para o seu orzamento militar.

Incluso coa diferenza de recursos entre Israel e os combatentes palestinos, o éxito da operación da resistencia rachou coa sensación de seguridade da poboación xudía de Israel, beneficiada polo apartheid, pola constante represión contra o pobo palestino e polo roubo de bens e propiedades da poboación que sofre a ocupación.

Este é o marco no que iniciou unha agresión militar contra Gaza, gobernada por Hamás, baseada en bombardeos sistemáticos e indiscriminados contra a poboación civil, sumado a un intento de invasión do territorio, nunha campaña que persoas expertas da Organización das Nacións Unidas (ONU) definen como un xenocidio e unha limpeza étnica.

Aínda que ningún dos obxectivos declarados da operación militar foron logrados, pois Hamás non foi destruído e 129 persoas capturadas o 7 de outubro seguen detidas en Gaza, Israel asasinou no territorio palestino no mínimo 21.507 persoas, 40% crianzas, mais as autoridades gazatís trasladaron que a cifra real é maior, e estiman que hai máis de 29.000 persoas mortas ou desaparecidas.

A Axencia da ONU para os refuxiados palestinos denunciou hoxe que o Exército israelí disparou contra unha caravana de axuda humanitaria que circulaba por unha das rutas que os sionistas designaron como seguras na Faixa, un comportamento reiterado por uns militares que atacaron hospitais, escolas, campos de refuxiados, áreas residenciais, infraestruturas civís, edificios gobernamentais, sitios arqueolóxicos e patrimoniais, industrias ou campos de cultivo, ademais de instalar campos de detención e torturar as persoas palestinas detidas, varias das que morreron baixo custodia israelí.

Máis de 60% dos edificios de Gaza ficaron danados ou destruídos, no que as persoas historiadoras xa consideran uns dos bombardeos máis intensos da historia, apenas comparábeis coa agresión estadounidense a Vietnam, e a ONU trasladou que nunca rexistrara tantas mortes nun período de tempo tan curto nunha guerra. Nese sentido, case 2.000 palestinas e palestinos morreron na Primeira Intifada, e máis de 3.000 na segunda.

Ao tempo, o asedio de Gaza para evitar a entrada de axuda humanitaria, subministracións básicas ou combustíbel provocou unha situación límite, con 40% dos 2,3 millóns de habitantes a piques de morrer de inanición e o resto sufrindo fame extrema.

“Convertémonos en ósos”, laiouse Fatma al Madani en declaracións á axencia EFE. Esta residente na Faixa, que como máis da metade da poboación tivo que desprazarse a Rafah, na fronteira con Exipto, para fuxir dos ataques israelís, detallou que a súa crianza “berra toda a noite por ter fame”. “Non atopamos nin para facer un anaco de pan”, conclúe. Á vez, as zonas urbanas están cheas de cadáveres, lixo e augas residuais ao pararse os sistemas de bombeo pola carencia de combustíbel, multiplicando as enfermidades.

O peor ano de Cisxordania

Xa en Cisxordania, onde en teoría non está a decorrer unha guerra, 504 palestinas e palestinos -124 crianzas- foron asasinados este ano por soldados e colonos sionistas, informou hoxe a Axencia da ONU para os refuxiados palestinos, que incidiu en que é o ano con máis mortes desde que comezou o seu rexistro en 2005.

Ás continuas incursións dos militares, que protexen as agresións e roubos de terra dos colonos, hai que engadir a volta dos ataques aéreos en xuño, algo que non se producía desde había case dúas décadas, e que se intensificaron desde entón.

Nin os Estados Unidos nin a Unión Europea condenaron as accións israelís ou demandaron un alto o fogo, e Washington vetou que o Consello de Seguridade da ONU puidese facelo.

Suráfrica demanda Israel na CIX

Após a inacción da Corte Penal Internacional, que se negou a actuar perante as múltiples denuncias por xenocidio, crimes de guerra e de lesa humanidade de Israel, Suráfrica presentou hoxe unha demanda ante a Corte Internacional de Xustiza da ONU por unha agresión de “carácter xenocida”, instando o tribunal a “ordenar de forma provisoria a Israel que deixe de matar e causar graves danos mentais e corporais ao pobo palestino de Gaza".

Comentarios