Un ataque israelí obriga a fechar o último hospital que funcionaba parcialmente no norte de Gaza

A práctica totalidade das habitantes da Faixa está a pasar fame como consecuencia dos devastadores ataques dos dous últimos meses e medio.
Edificio destruído no sur de Gaza. (Foto: Mohammed Talatene / DPA)
photo_camera Edificio destruído no sur de Gaza. (Foto: Mohammed Talatene / DPA)

O hospital al Ahli, que a Organización Mundial da Saúde (OMS) advertira que era o único que funcionaba parcialmente no norte de Gaza, ficou hoxe fóra de servizo, comunicou o seu director, Fadel Naim, á axencia AFP, explicando que tropas israelís asaltaron o centro médico, detendo persoal sanitario e doentes. “Non podemos recibir pacientes nin feridos”, resolveu Naim, que informou de que os soldados sionistas tamén destruíron unha parte do complexo.

Nas últimas xornadas, o Exército israelí lanzou unha vaga de ataques contra os hospitais al Awda, Nasser e Kamal Adwan, ateigados de persoas desprazadas á forza para fuxir dos bombardeos indiscriminados contra a poboación civil, así como do intento de invasión sionista do territorio palestino.

No hospital Kamal Adwan múltiples testemuños constataron que, no marco da destrución do centro con escavadoras, as tropas israelís enterraron vivas varias persoas palestinas, nunha operación militar que para persoas expertas da Organización das Nacións Unidas (ONU) é unha limpeza étnica e un xenocidio contra o pobo palestino.

O Consello de Seguridade da ONU aborda esta terza feira a situación en Gaza e ten previsto votar unha resolución —aínda sen resultado coñecido— que reclama “medidas urxentes cara á suspensión das hostilidades” en Gaza. Orixinalmente o texto incluía un “cesamento de hostilidades”, mais foi modificado desde o comezo do debate a segunda feira para evitar un novo veto dos Estados Unidos, que rexeitan un alto o fogo. Durante a sesión, avións militares israelís bombardearon a sede da Axencia da ONU para os refuxiados palestinos no norte de Gaza.

No marco da presión interna e internacional para que acepte unha nova tregua, o presidente israelí, Isaac Herzog, recalcou que están preparados “para outra pausa humanitaria” que leve a un intercambio de persoas detidas en Gaza por detidas en Israel.

Unha enquisa do Monitor Euromediterráneo de Dereitos Humanos desvelou que 98% das e dos habitantes de Gaza está a pasar fame. 19.667 palestinas e palestinos foron asasinados por Israel en Gaza desde o 7 de outubro.

No mar Vermello, o movemento hutí (Iemen) reiterou que non suspenderá as operacións militares contra barcos que se dirixan a Israel, e advertiu que os buques de “calquera país que actúe contra nós” serán considerados obxectivos, logo de que os Estados Unidos anunciaran que liderarán unha forza internacional para protexer a navegación na zona na que participará o Reino Unido, Francia, Italia, Países Baixos, Noruega, o Estado español, o Canadá, Seychelles e Bahrain.

Comentarios