Bezalel Smotrich, ministro israelí: "As cidades palestinas deben ser arrasadas"

As palabras de Smotrich chegaron horas despois de que o ex ministro de Defensa e líder do opositor Partido Unidade Nacional de Israel, Benjamin Gantz, afirmase que varios membros do Goberno de coalición liderado por Benjamin Netanyahu "apoian" o caos nos territorios palestinos.
Bezalel Smotrich. ministro de transportes de Israel (Foto: Ilia Yefimovich / dpa).
photo_camera Bezalel Smotrich. ministro de finanzas de Israel (Foto: Ilia Yefimovich / dpa).

O ministro de Finanzas de Israel, o ultradereitista Bezalel Smotrich, afirmou que a cidade cisxordana de Huwara, escenario o domingo dun ataque despois do que morreron dous israelís, debería ser "arrasada".

"Creo que a localidade de Huwara debería ser arrasada", dixo despois de marcar cun 'gústame' un tweet que pedía isto mesmo, antes de agregar que "o Estado de Israel debería ser o que a arrasase, non persoas privadas, Deus non o queira", segundo informou o diario israelí The Times of Israel.

As palabras de Smotrich chegaron horas despois de que o ex ministro de Defensa e líder do opositor Partido Unidade Nacional de Israel, Benjamin Gantz, afirmase que varios membros do Goberno de coalición liderado por Benjamin Netanyahu "apoian" o caos nos territorios palestinos.

Así, especificou que Smotrich "quere provocar outra Nakba", termo árabe que significa "catástrofe" e fai referencia ao éxodo palestino provocado pola creación do Estado de Israel en 1948.

Durante a xornada da segunda feira, o parlamentario israelí Zavika Fogel, do ultradereitista Otzma Yehudit, expresou o seu respaldo ao ataque contra Huwara.

"Onte un terrorista chegou desde Huwara. Huwara foi fechada e queimada. Iso é o que quero ver. Só así podemos lograr disuasión", indicou nunha entrevista concedida á emisora Radio Galey Israel, aínda que posteriormente dixo que as súas palabras foron "terxiversadas".

O líder da oposición e ex primeiro ministro de Israel, Yair Lapid, non tardou en criticar as palabras de Smotrich e alertou de que se trata dunha "incitación á comisión de crimes de guerra".

"Os xudeus non arrasan localidades. O Goberno foi demasiado lonxe", aseverou en relación ás palabras do ministro e despois de que as autoridades confirmasen a detención doutras dúas persoas presuntamente implicadas no ataque incendiario contra a localidade.

Versión palestina

Pola súa parte, o primeiro ministro palestino, Muhamad Shtayé, realizou unha visita a Huwara, desde onde recalcou que as autoridades palestinas farán todo o posíbel para cubrir as necesidades dos residentes da localidade tras os graves danos sufridos durante o asalto dos colonos, que incendiaron decenas de vivendas, vehículos e outras propiedades.

Shtayé, que estivo acompañado por varios ministros palestinos, destacou que a súa presenza en Huwara é "unha mostra de apoio á resistencia do pobo" perante as accións das "bandas de colonos", antes de agregar que o asalto contra a cidade "é unha extensión da cadea de crimes de Israel" en Cisxordania.

Comentarios