A ONU denuncia a "apocalipse" en Gaza, onde morreron máis de 16.000 persoas

Os bombardeos indiscriminados e sistemáticos contra civís seguen marcando o día a día na Faixa de Gaza, cunha situación humanitaria límite e entre críticas internas ao liderado israelí pola falta dun plan claro para continuar a agresión militar.
Fileira para conseguir auga entre as tendas de campaña instaladas polas persoas palestinas que fuxiron a Rafah, no sur de Gaza, hoxe. (Foto: Mohammed Talatene / DPA)
photo_camera Fileira para conseguir auga entre as tendas de campaña instaladas polas persoas palestinas que fuxiron a Rafah, no sur de Gaza, hoxe. (Foto: Mohammed Talatene / DPA)

O Exército israelí trataba hoxe de avanzar o máximo posíbel despois de iniciar un intento de invasión do sur de Gaza, que se suma á invasión do norte do territorio palestino, logo de que os Estados Unidos advertira que só pode manter o seu apoio fechado ás súas accións durante varias semanas antes de ter que ceder á presión interna e internacional que exixe un alto o fogo.

Os militares sionistas admitiron que foi a “xornada máis intensa” de combates coa resistencia palestina cando procuraban achegarse ao centro de Khan Younis, a segunda cidade máis grande da Faixa e a principal do sur do territorio. Tamén aseguraron que cercaron o campamento de refuxiados de Jabalia, no norte de Gaza, a mesma información que xa divulgaran a finais de novembro.

Todo isto a conta da poboación civil, case dous millóns dos 2,3 millóns de persoas que viven en Gaza tiveron que desprazarse á forza, e James Elder, voceiro do Fondo da Organización das Nacións Unidas (ONU) para a Infancia, Unicef, subliñou que “as chamadas zonas seguras” ás que as tropas israelís demandaron á xente que fuxira “non son racionais, non son posíbeis e creo que as autoridades son conscientes diso”. Entrementres, a ONU trasladou que a agresión israelí causará un escenario “aínda máis infernal” para os civís.

Richard Peeperkorn, representante da Organización Mundial da Saúde (OMS) para os territorios palestinos, incidiu en que “a situación empeora cada hora”, cos bombardeos intensificándose “por todas partes”, incluído Rafah, un dos lugares onde os sionistas reclamaron á poboación palestina que marchara.

No mínimo 45 persoas foron asasinadas por Israel no ataque a un grupo de vivendas en Deir al Balah, no norte de Khan Younis, ratificou Eyad al Jabri, director do hospital Shuhada al Aqsa, e máis de 15 faleceron no bombardeo do campamento de refuxiados de Bureij. 16.240 palestinas e palestinos morreron en Gaza desde o 7 de outubro pola agresión israelí, máis de 7.000 eran crianzas.

A propia OMS tivo que evacuar un almacén de provisións médicas no sur de Gaza logo de que na segunda feira o Exército israelí advertira que tiñan que desaloxalo en 24 horas posto que “as operacións terrestres o deixarían fóra de uso”. Con posterioridade, Israel aseverou que non solicitou a evacuación ao organismo internacional.

Rafah alberga case medio millón de desprazadas

Neste contexto, que Martin Griffiths, secretario xeral adxunto da ONU para Asuntos Humanitarios, definiu como “apocalíptico”, Adnan Abu Hasna, portavoz da Axencia da ONU para os refuxiados palestinos, transmitiu que estiman até un millón de persoas desprazadas polo conflito en Rafah, que xa alberga case medio millón de desprazadas, e que os entre 50 e 70 camións de axuda humanitaria que ingresan cada día en Gaza están moi lonxe de cubrir as necesidades da poboación.

O líder da Axencia en Gaza, Thomas White, advertiu de que non teñen capacidade de atender “100.000 novos desprazados máis” en Rafah. Até o de agora, 130 membros da Axencia foron asasinados polos ataques israelís, que tamén mataron máis de 250 integrantes de equipos médicos e case 60 xornalistas.

Nunha “guerra clásica” non “vimos este tipo de masacres”, corroborou Anthony Bellanger, secretario xeral da Federación Internacional de Xornalistas. Ao tempo, Jan Egeland, que lidera o Consello Noruegués para os Refuxiados, fixo fincapé en que a agresión israelí “atópase agora entre os peores ataques contra calquera poboación civil no noso tempo e época”.

Xenocidio

Na xuntanza do Consello de Cooperación do Golfo, o emir qatarí, Tamim bin Hamad Al Thani, incidiu en que “isto é un xenocidio cometido por Israel”, a mesma posición que defenderon persoas expertas da ONU, e afirmou que “é unha vergonza para a comunidade internacional permitir que continúe este crime atroz”, instando o Consello de Seguridade da ONU a asumir a “súa responsabilidade legal” e forzar Israel a volver á mesa de negociación para pactar un novo alto o fogo.

No cumio, o presidente turco, Recep Tayyip Erdogan, asegurou que Turquía está disposta a actuar como garante para o estabelecemento dun Estado palestino, e sinalou que Israel debe ser castigado polos crimes de guerra que está a perpetrar.

Asemade, criticou o primeiro ministro do Goberno de extrema dereita en Israel, Benjamin Netanyahu, por “pór en risco o futuro e a seguridade da rexión para alargar a súa vida política”.

O certo é que “Netanyahu desvinculouse completamente da dimensión diplomática” e só “está interesado en matar máis palestinos”, apuntou Mohammed Cherkaoui, profesor de resolución de conflitos e consolidación da paz na Universidade George Mason, que ratificou que Israel lanzou unha “guerra demográfica” na que a única opción do pobo palestino é “irse ou morrer”.

Á vez, sinalou que países como os Estados Unidos, Francia ou o Reino Unido “son os únicos que poden exercer algunha influencia sobre Israel”.

Aumenta a presión interna contra Netanyahu

Tras pospola tres veces, o primeiro ministro do Executivo ultradereitista israelí, Benjamin Netanyahu, participou hoxe finalmente nunha reunión coas familias das persoas capturadas pola organización palestina Hamás na operación que decorreu o 7 de outubro.

Medios israelís recalcan que o primeiro ministro provocou o enfado de varios membros das familias ao insistir en que “neste momento non hai posibilidade de traelos a todos á casa”, nun encontro “marcadamente tenso e hostil”. O seu intercambio por persoas palestinas presas en Israel foi o eixo principal do alto o fogo que rematou a pasada semana.

A analista Mairav Zonszein, do International Crisis Group, afirmou que a “extrema ira” das familias é extrapolábel ao resto da poboación israelí despois de que Netanyahu decidira reactivar a agresión militar contra Gaza sen “proporcionar un plan claro” de como traer de volta as persoas capturadas nin de “como asegurar unha vitoria” sionista.

En paralelo, esta semana continuou o xuízo contra Netanyahu, acusado de fraude, suborno e abuso de confianza, nun proceso que segundo o xornal The Times of Israel é “pouco probábel” que remate antes de 2028 ou 2029, após distintos atrasos no proceso xudicial.

Comentarios