Israel ataca Rafah, onde forzou case un millón de palestinas a refuxiarse, e estende a violencia a Cisxordania

Desde o 7 de outubro, máis de 280 persoas foron asasinadas en Cisxordania, 64 delas crianzas, e en Gaza a cifra ascende a 18.787, sete de cada dez delas mulleres e crianzas.
Unha das vivendas derruídas por Israel en Rafah. (Foto: Abed Rahim Khatib / DPA)
photo_camera Unha das vivendas derruídas por Israel en Rafah. (Foto: Abed Rahim Khatib / DPA)

Os datos da Organización das Nacións Unidas (ONU) revelan que arredor da metade dos 1,9 millóns de palestinas e palestinos desprazados en Gaza, máis de 85% da poboación do territorio, están refuxiados na Gobernación de Rafah, no sur da Faixa, tras verse obrigados a fuxir das súas casas polos bombardeos indiscriminados contra a poboación civil de Israel, que os instou a evacuar cara alí. Precisamente en Rafah lanzou ataques aéreos hoxe contra varias vivendas ateigadas de persoas desprazadas, que mataron nun primeiro momento 27 persoas.

No mínimo catro —entre elas varias crianzas— ficaron soterradas baixo os cascallos. “Este é un campo [de refuxiados]” no que “non hai nada”, denunciou Fadel Shabaan, veciño da área residencial arrasada. O Comisionado Xeral da Axencia da ONU para os refuxiados palestinos, Philippe Lazzarini, cualificou a situación en Gaza como “absolutamente sen precedentes”, narrando como se están a multiplicar as persoas que “non comeron en un, dous ou tres días”.

En Xinin, Cisxordania, confirmouse que 12 palestinos foron asasinados nunha incursión israelí que comezou o 12 de decembro contra a localidade e o campo de refuxiados, nos que os sionistas están a efectuar arrestos masivos, incluído o dun neno de 12 anos. A poboación está a advertir sobre o esgotamento dos alimentos cando non poden saír das súas vivendas polos ataques israelís. Nesta rexión palestina, controlada polo Goberno de Mahmoud Abbas, o Exército hebreo gábase de practicar nas últimas horas "centos" de detencións. "Até o de agora foron inspeccionados centos de edificios e foron detidos centos de sospeitosos para seren interrogados", precisaron fontes castrenses.

A situación en Xinin é crítica, advirten a Nós Diario persoas residentes en Cisxordania, onde non se recorda unha ofensiva de Israel igual desde os tempos da Segunda Intifada. De feito, o primeiro ministro Benjamin Netanyahu xa deixou entrever a súa intención de ir a por esta rexión unha vez concluída a guerra en Gaza. "A única diferenza é que Hamás quere destruírnos aquí e agora e a Autoridade Nacional Palestina quere facelo por etapas", dixo esta segunda feira na Knesset, o Parlamento israelí.

Nas últimas semanas os militares protagonizaron tamén varios ataques nas cidades de Tulkarem e Tubas, ao norte de Cisxordania, mais o groso da ofensiva están a padecelo os habitantes de Xinin e o seu campo de persoas refuxiadas, practicamente asediadas polos israelíes. As súas Forzas Armadas están a bloquear mesmo o paso de ambulancias, alerta o xornal Quds News Network.

Edificio atacado en Xinin. (Foto: Nasser Ishtayeh / Europa Press / Contacto)
Edificio atacado en Xinin. (Foto: Nasser Ishtayeh / Europa Press / Contacto)

O mesmo medio apunta que os soldados "secuestraron cidadáns palestinos no Hospital de Xinin e espíronos na rúa". Tamén que invadiron unha mesquita "para pór cancións en hebreo nos altofalantes". E, en resposta, "a mocidade de Xinin puxo o discurso máis recente de Abu Obaida [portavoz das Brigadas de Ezzeldin Al-Qassam], así como cancións da resistencia".

Desde o 7 de outubro, máis de 280 persoas foron asasinadas en Cisxordania, 64 delas crianzas, e en Gaza a cifra ascende a 18.787, máis de 70% mulleres e crianzas, informou Reem Alsalem, relatora especial da ONU para a violencia contra as mulleres e nenas.

Os combatentes palestinos resisten

Rebatendo as afirmacións israelís de que a invasión de Gaza e os bombardeos —que persoas expertas da ONU consideran unha limpeza étnica e un xenocidio— están a acabar coa capacidade de combate de Hamás, o pro estadounidense Instituto para o Estudo da Guerra admitiu que unha “emboscada complexa” da organización palestina provocou numerosas mortes entre os soldados sionistas no norte de Gaza, causadas por un batallón que o Goberno de extrema dereita israelí leva días anunciando que foi “desmantelado”.

Nese contexto, as familias das e dos israelís capturados na operación da resistencia palestina a inicios de outubro exixiron unha “explicación inmediata” ao primeiro ministro Benjamin Netanyahu ao transcender que rexeitou enviar un representante a Qatar para negociar un novo alto o fogo.

Comentarios