Israel ataca escolas, hospitais e campos de refuxiados no intento de invasión do sur de Gaza

Co aval dos Estados Unidos, o Exército israelí puxo en marcha unha invasión terrestre do sur de Gaza, acompañada por bombardeos indiscriminados contra os civís e a destrución de cultivos e institucións no territorio palestino.
Crianza ferida por un bombardeo israelí a pasada sexta feira en Khan Younis, no sur da Faixa de Gaza. (Foto: Mohammed Talatene / DPA)
photo_camera Crianza ferida por un bombardeo israelí a pasada sexta feira en Khan Younis, no sur da Faixa de Gaza. (Foto: Mohammed Talatene / DPA)

Os tanques israelís avanzaron hoxe en dirección ao leste de Khan Younis, a segunda cidade máis poboada da Faixa de Gaza e situada no sur do territorio, tras o comezo do intento de invasión terrestre de todo o territorio palestino após unha tentativa no norte da rexión, onde controla as zonas menos poboadas e apenas profundou nas áreas urbanas.

En primeira instancia, as tropas sionistas cortaron a estrada Salah al Din ao norte da urbe, antes de exixir á poboación civil que fuxise cara a Rafah, na fronteira de Gaza con Exipto, e ao Mediterráneo, nunha máis das sucesivas ordes de evacuación a lugares que con posterioridade son bombardeados, algo que tamén se repetiu hoxe, constatou a axencia Reuters.

“Ningún lugar é seguro, nin alí nin en ningún lugar de Gaza”, rexión na que “unha guerra brutal continúa sen cesar”, trasladou a Axencia da Organización das Nacións Unidas (ONU) para os refuxiados palestinos, que elevou a 1,9 millóns de persoas a cifra de desprazadas pola forza na Faixa, 80% das e dos 2,3 millóns de habitantes. Ademais, informou de que 1,2 millóns de persoas están refuxiadas en 156 instalacións do organismo no territorio palestino.

En paralelo á invasión terrestre tras a fin do alto o fogo, Israel prosegue cos bombardeos sistemáticos e indiscriminados contra a poboación civil. Hoxe foron atacados os campos de refuxiados de Jabalia e Nuseirat, a entrada do hospital Kamal Adwan, un centro comercial en Khan Younis, unha mesquita no leste da cidade de Gaza ou zonas residenciais ao longo do territorio. Cando menos 50 persoas morreron no bombardeo a dúas escolas con persoas refuxiadas na cidade de Gaza, transmitiu a axencia WAFA.

James Elder, voceiro do Fondo da ONU para a Infancia, Unicef, narrou desde Khan Younis que se tratou dunha “noite de bombardeos absolutamente implacábeis”.

“Estamos inundados pola afluencia de cadáveres”, recalcou Munir al Bursh, director xeral do Ministerio de Saúde de Gaza, que alertou de que os hospitais “xa non poden ofrecer ningún tipo de axuda ás vítimas”. “Todo o noso equipo médico foi destruído polos soldados de ocupación”, incidiu, e desvelou que o hospital Kamal Adwan ficaría sen electricidade en poucas horas, relatando ataques contra ambulancias e equipos médicos no norte de Gaza.

Ao tempo, Ashraf al Qudra, voceiro do Ministerio, confirmou que no mínimo 15.899 palestinas e palestinos foron asasinados por Israel en Gaza desde o 7 de outubro -máis de 40% crianzas-, con 42.000 persoas feridas.

Asemade, reclamou a ONU que prema para que Israel libere 35 integrantes dos equipos médicos de Gaza que detivo, entre eles o director do hospital al Shifa, Muhammad Abu Salmiya, asaltado por Israel coa escusa de que existía un suposto centro de mando da organización palestina Hamás baixo el, o que non foi quen de demostrar.

A operación israelí, que foi considerada por persoas expertas da ONU como unha limpeza étnica e un xenocidio, tamén inclúe a destrución de invernadoiros, cultivos de hortalizas e plantacións de árbores nas áreas baixo o seu control no norte de Gaza, accións que continuaron durante os sete días de tregua, corroboraron imaxes de satélite difundidas por Human Rights Watch, que denunciou que agrava a fame en Gaza provocada polo asedio israelí.

O Programa Mundial de Alimentos da ONU ratificou que “a fame estase a estender amplamente” e “os casos de deshidratación e desnutrición están a aumentar rapidamente”, entrementres, Mirjana Spoljaric, presidenta do Comité Internacional da Cruz Vermella de visita en Gaza, cualificou de “intolerábel” o sufrimento humano que constatou no territorio, reclamando que “se protexa aos civís de acordo coas leis da guerra e que a axuda entre sen obstáculos”.

Ademais, a fin de semana Israel destruíu o Tribunal Superior de Xustiza de Gaza, tras acabar co edificio do lexislativo e máis de cen lugares patrimoniais no marco da agresión militar.

Tanto a póla armada de Hamás como da Fronte Popular para a Liberación de Palestina e da Xihad Islámica reportaron enfrontamentos coas tropas israelís na cidade de Gaza e Khan Younis, así como ataques a tanques sionistas e lanzamentos de proxectís contra localidades israelís. Pola súa parte, o brazo militar da Fronte Democrática para a Liberación de Palestina sinalou que lanzou proxectís de morteiro contra Israel.

Ataques a xornalistas

A pesar dos bombardeos indiscriminados contra a poboación civil, Israel si é quen de atacar de forma selectiva obxectivos como xornalistas. Nove familiares do produtor da canle CNN Ibrahim Dahman foron asasinados nun bombardeo no norte da Faixa, e a casa dos profesionais Musaa’ab al Bashir -que foi entrevistado por Nós Diario- e Isabel Pérez foi destruída no centro de Gaza. Máis de 50 xornalistas palestinos e múltiples familiares foron asasinados.

Á vez, transcendeu que a tregua non foi prorrogada a pasada sexta feira logo de que Israel exixira a liberación dunha familia cuxa morte en bombardeos israelís confirmou Hamás, e cuxos corpos se negou a recoller. Amais, o Goberno de extrema dereita en Israel tamén exixiu que as mulleres soldado foran intercambiadas por persoas palestinas presas en Israel na mesma proporción, de tres palestinas por cada israelí, que no cambio de civís.

As prisións israelís, "similares a Guantánamo"

Estar nunha prisión israelí é “como unha película de terror”, explicou o ex preso palestino Ramzi Abbasi, que denunciou á canle Al Jazeera malleiras constantes e violacións por parte das forzas israelís, nunha serie de testemuños de persoas liberadas que detallaron condicións “similares ás de Guantánamo”. Namentres, a activista Ahed Tamimi indicou que as mulleres tamén son golpeadas e privadas de auga e roupa.

Nos Estados Unidos, o principal aliado e provedor de armas israelí, unha enquisa da empresa demoscópica Gallup amosa que 50% das e dos estadounidenses apoia a agresión militar israelí, con 45% en contra. No país foi asasinado un palestino de seis anos e atacados tres estudantes universitarios palestinos que recibiron disparos. Un deles, Hisham Awartani, quedou paralítico.

O presidente Joe Biden negouse a demandar un alto o fogo humanitario primeiro, e no medio da tregua rexeitou un cesamento de hostilidades permanente. En resposta, líderes musulmáns de oito Estados estadounidenses salientaron que non o apoiarán nas eleccións de 2024, facendo énfase en que contan con varias opcións aparte de Biden e do previsíbel candidato republicano, o ex presidente Donald Trump.

Comentarios